A Xunta creou postos en oficinas de emprego para cargos do PP e mantívoos baleiros dous anos

Rueda e González Solla © Xunta

Hai catro anos, en plena vaga de austeridade, a Xunta suprimiu as 34 fundacións comarcais que creara Manuel Fraga nos anos noventa. Os seus traballadores temporais foron despedidos e os indefinidos foron trasladados a outros chiringuitos da Xunta, incluídos a maioría dos ex xerentes comarcais. Pero estes últimos, entre os que hai cando menos media ducia de cargos do PP, non quedaron na administración paralela senón que veñen de ser integrados como persoal laboral fixo na propia administración xeral, en postos creados para eles en oficinas de emprego de toda Galicia. Uns postos que a Xunta creou en abril de 2014 pero que, en plena crise e coas cifras de desemprego disparadas, mantivo baleiros ata agora, mesmo vetando que outros traballadores puidesen ocupalos de xeito temporal malia recoñecer que era necesario cubrilos.

O proceso para que os ex xerentes comarcais pasasen dos chiringuitos á administración xeral da Xunta iniciouse en abril de 2014, cando o Consello da Xunta autorizou a creación dunha trintena de novas prazas en oficinas de emprego de toda Galicia, coincidentes na súa gran parte coas mesmas comarcas nas que traballaban. Porén, non foi ata finais dese ano que se iniciou o proceso para que os ex xerentes pasasen dos chiringuitos nos que foran recolocados cando se suprimiron as fundacións á administración xeral. Fíxose ao amparo da Lei 16/2010 de Organización e Funcionamento da Administración Xeral Galega (Lofaxga) e co voto favorable de CSIF, CCOO e UGT, a través dunha Orde da Consellería de Facenda que lles reservaba aos ex xerentes esas prazas creadas oito meses antes e que aínda tardarían outro ano en ocupar efectivamente.

Os ex xerentes das suprimidas fundacións comarcais veñen de ser recolocados en oficinas de emprego

Durante ese tempo, cos peores datos de paro da crise e críticas sobre o mal funcionamento dos servizos públicos de colocación, esas prazas creadas para eles en oficinas de emprego estiveron baleiras. E iso malia que a propia Xunta consideraba necesario cubrir esas prazas. Así o admitía a Consellería de Facenda en xaneiro do ano pasado, cando se iniciou o proceso para entregarllas aos ex xerentes: “A Administración ten a obriga de ubicar efectivos públicos onde son máis necesarios, e neste momento existe unha demanda de persoal nestas oficinas”.

Os postos foron creados en 2014 e dende aquela vetouse o acceso a outros aspirantes

A Xunta mesmo impediu, segundo relatan fontes de dous sindicatos distintos, que outros traballadores puidesen cubrir de xeito temporal esas prazas que consideraba necesarias e que tardaron dous anos en ser ocupadas polos ex xerentes comarcais. Un deses casos é o de Enrique Negueruela, quen fora asesor da Consellería de Traballo co bipartito e persoal laboral da Xunta, destinado nunha oficina de emprego en Ordes desde hai vinte anos. En xullo de 2014, coas novas prazas en oficinas de emprego creadas tres meses antes pero sen que a Xunta iniciase o proceso que llas entregaría aos ex xerentes comarcais, Negueruela pediu formalmente o seu traslado temporal a unha delas, na Coruña. A Xunta non lle contestou. Negueruela reiterou a súa petición de xeito periódico, en xaneiro, abril, xullo, outubro e novembro de 2015. Só esa última tivo resposta, negativa, o 26 de xaneiro de 2016, coa integración dos ex xerentes xa resolta.

Os argumentos da Xunta

O único motivo que argumenta a Xunta para denegarlle a petición é que esas prazas creadas en oficinas de emprego e baleiras foron reservadas para os ex xerentes mediante a Orde de decembro de 2014, medio ano despois da súa primeira petición nunca respondida. Isto é, o Goberno galego tardou ano e medio en contestarlle que "non" amparándose nunha Orde que non existía cando realizou a súa primeira petición. Negueruela vén de presentar unha queixa ante o Valedor do Pobo e argumenta ademais que aquela Orde de Facenda que reservou esas novas prazas para os ex xerentes non pode situarse por riba do convenio colectivo do persoal laboral da Xunta no que el se amparou para formular a súa petición.

Facenda argumenta que a integración dos ex xerentes é un proceso "de gran complexidade" e nega a relación coa "afiliación política"

Preguntada pola cuestión, a Consellería de Facenda argumenta que o proceso de integración dos ex xerentes “é de gran complexidade” e que a Xunta “nunca entra a valorar a afiliación política dos seus empregados”. Segundo di, “as prazas afectas a un proceso de integración quedan reservadas para ese fin ata que este proceso finaliza e se incorporan os profesionais integrados”. Non indica Facenda con abeiro en que normativa nin nada di sobre as peticións doutros traballadores para ocupar temporalmente esas prazas que consideraba e segue a considerar necesarias mentres non fosen entregadas aos ex xerentes dous anos despois da súa creación.

Así as cousas, o DOG publicaba o pasado 30 de outubro os nomes dos 29 ex xerentes comarcais que agora si, dous anos despois, veñen de ocupar as prazas que lles creou a Xunta como persoal laboral fixo.  Nese listado figuran cargos do PP como Salvador González Solla, ex alcalde de Ponteareas; Manuel Valín, voceiro popular en Ribadeo; Azucena González Loredo, edil tamén en Ribadeo; ou Inés Monteagudo, voceira do PP en Muros. O caso de González Solla foi levado en xaneiro do ano pasado por Compromiso por Galicia ante a Fiscalía, pero esta rexeitou investigalo argumentando que só podía facelo se llo pedía alguén prexudicado de xeito directo. Se CxG quería denuncialo tería que facelo directamente ante un xulgado, o que lle suporía un custe económico.

Unha selección dubidosa en tempos de Fraga

A integración como persoal laboral fixo da propia Xunta dos ex xerentes comarcais prodúcese malia as dúbidas que existen sobre os procesos de selección que tiveron que pasar para ser contratados inicialmente por cada fundación comarcal. Na primeira convocatoria, de xaneiro de 1998, do total de 22 puntos que podía recibir cada candidato, sete puntos destinábanse á “valoración do curriculum” e outros cinco ao resultado dunha “entrevista persoal”, mentres que só os restantes sete puntos se decidían por unha “proba tipo test de coñecementos específicos”. Canto ao traballo  realizado despois e a súa relación coa Xunta, na xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) hai sentenzas que outorgan a algúns dos ex xerentes a condición de persoal laboral fixo mentres que outras sentenzas lla denegan a outros.

Nos seus novos postos nas oficinas de emprego, os ex xerentes que vexan agora rebaixado o seu soldo con respecto ao que percibían antes seguirán recibindo durante seis anos un complemento ata a súa equiparación definitiva. En 2008 os seus soldos á fronte das fundacións comarcais oscilaban entre os 32.400 e os 51.700 euros brutos anuais.

Rueda e González Solla © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.