A Xunta defende a empresa do salvamento marítimo ante a morte dunha percebeira

Quintana presenta os seus orzamentos CC-BY-SA Praza Pública

Fronte á petición de explicacións, pechada defensa da empresa privada. A conselleira do Medio Rural e do Mar acudiu este mércores ao Parlamento para presentar os orzamentos do seu departamento e atopouse con tres esixencias de rendición de contas, unha por cada grupo da oposición, pero non só en materia financeira, senón polo sucedido o pasado decembro, cando a tardanza dun helicóptero de salvamento marítimo se saldou co falecemento dunha mariscadora en Oia. PSdeG, AGE e BNG reclaman coñecer os detalles do sucedido pero, sobre todo, as razóns que levaron a Xunta a permitir que a empresa estivese máis dun mes sen gardas presenciais, feito que derivou en que o tempo de resposta de 10 minutos ao que está comprometida por contrato se convertese en máis de media hora. Non houbo explicacións, pero si xustificación para a empresa.

Rosa Quintana detalla que á empresa privada que xestiona o servizo por un contrato de máis de 30 millóns de euros, Inaer, "se lle presentou un caso de forza maior, déronselle de baixa catro pilotos" simultaneamente "e non puido ter operativo o servizo de 24 horas presencial", estipulado en dous pilotos, se ben "o rescatador e os mecánicos estaban en servizo presencial vinte e catro horas". En calquera caso, Quintana tenta fuxir do caso concreto para ir ao xeral e proclamar ante a oposición que "se hai unha comunidade que aposte polo salvamento marítimo é Galicia". "Foi o PP o que creou o servizo na comunidade autónoma de Galicia cando é competencia exclusiva do Estado", subliña.

A oposición non conseguiu datos do accidente, pero si obtivo máis xustificacións: a do paso da xestión do servizo a mans privadas. "O que fixeron é un auténtico escándalo", "privatizan o servizo, véndenlle á empresa dúas aeronaves por moito menos do que acabábamos de compralas teoricamente para aforrar e agora vemos como no orzamento imos gastar catro millóns máis; unha auténtica estafa", critica Tereixa Paz dende o BNG. "De que serve o aforro se non se salvan vidas? Os recortes matan", advertiu o voceiro de AGE, Antón Sánchez, para quen a conselleira debera presentar a súa dimisión. "Non se pode falar de privatización porqeu non hai ningún piloto que sexa funcionario da Xunta nin do Estado", retruca a conselleira, quen ademais esquiva as críticas polo feito de que Inaer sexa a mesma empresa que tamén se fixo coa privatización dos helicópteros contra incendios: "presentouse unha única empresa", afirma.

"No ámbito do salvamento están a realizar unha política criminal", recriminou a voceira do BNG

En calquera caso, Quintana rexeita unha das acusacións máis duras do debate: "No ámbito do salvamento marítimo están realizando unha política criminal" por "antepoñer o negocio á vida das persoas", sinalou a voceira do BNG apoiada polo seu homólogo de AGE, quen instou a titular de Medio Rural e Mar a reflexionar sobre o feito de que na sesión se estaba a "falar de política" e, neste ámbito, "as decisións ás veces poden causar mortes". "Podo aceptar calquera crítica, pero é moi duro aceptar que me chamen criminal", resposta a conselleira, en cuxa opinión cómpre ter "moi en consideración o esforzo que está facendo toda a sociedade galega para manter este servizo", isto é, para sufragar os 30,8 millóns de euros cos que se financia o contrato con Inaer.

Quintana presenta os seus orzamentos CC-BY-SA Praza Pública
Antón Sánchez, voceiro de AGE CC-BY-SA Praza Pública
Tereixa Paz, voceira do BNG CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.