A Xunta define como "imprescindible" o centro de menores que privatiza en Ourense tras telo pechado seis anos

Un dos cuartos do centro de menores de Montealegre antes da última reforma Dominio Público Imaxes facilitadas aos contratistas pola Xunta

A Xunta ten en marcha dende finais de febreiro o proceso de contratación que culminará co paso á xestión privada do centro de menores de Montealegre, a instalación pública pechada en 2012 para acometer obras durante 8 meses e que finalmente tivo o ferrollo botado durante os últimos seis anos, período no que o orzamento público da reforma roldou os 2 millóns de euros. A reapertura de Montealegre como un centro de xestión privada con 24 prazas para menores con problemas de conduta que estean baixo tutela ou garda da Xunta regresou este martes ao Parlamento, onde a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, defendeu como "imprescindible" o centro que leva seis anos pechado e mantivo que a privatización non é tal.

Despois de que En Marea, PSdeG e BNG reclamasen que a responsable gobernamental acudise á Cámara para dar contas sobre esta operación Amparo Gonzalez fíxoo formalmente a petición propia. A privatización non existe porque este "non é un eido susceptible de privatización" legalmente, resolveu, entre críticas á oposición por criticar o paso da xestión a unha entidade allea á Administración. "A apertura vén cumprir unha reiterada reivindicación de todos os traballadores do sector, das familias desbordadas para atender" menores nestas circunstancias e mesmo "dos xuíces e fiscais". "A importancia do centro é dar a cobertura que viña sendo imprescindible no eido da protección á infancia" para nenos e nenas con "transtorno de conduta ou de saúde mental", agregou.

A directora xeral di que o centro atenderá "nenas e nenos con transtorno de conduta ou de saúde mental", obviando que as condicións do contrato limitan a atención a infancia con enfermidades mentais

A cuestión da saúde mental foi, precisamente, un dos eidos de discrepancia entre o Goberno e a oposición, alén da cuestión xeral da privatización. Neste sentido a voceira do BNG, Noa Presas, salienta que tanto González como a voceira do PP en materia social, Marta Rodríguez Arias, reiteran que en Montealegre "se vai tratar a menores con problemas de saúde mental", cando é un elemento que "vén excluído no prego" de condicións do contrato. Nomeadamente, esa documentación do contrato sinala ás empresas ou entidades interesadas en xestionar o centro que "non poderán ser ingresados" en Montealegre "menores que presenten enfermidades ou transtornos mentais que requiren tratamentos específicos en servizos de saúde mental".

Referencia no prego do contrato ás limitación á atención a menores con problemas de saúde mental, que a directora xeral obviou na comparecencia

En Marea, PSdeG e BNG reclamaron sen éxito explicacións sobre o prolongado peche, así como unha xustificación para o paso da xestión de Montealegre a mans privadas

Outra das críticas que a alto cargo de Política Social opta por esquivar é a expresada nas últimas semanas dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, quen advertiu de que o prego de condicións permite que os 17 postos educativos de Montealegre poidan ser ocupados por persoal que careza desta titulación. Non en van, advirte dende En Marea a deputada Paula Vázquez Verao, o contrato "foi contestado por todos os profesionais no eido de menores". A esta circunstancia, agregou dende o PSdeG Noela Blanco, súmase que o propio prego contempla a posibilidade de que o persoal médico, de psiquiatría e mais de enfermaría que traballe en Montealegre o faga como autónomo. "Considérao máis eficiente que o leven médicos autónomos en lugar de persoal do sistema público de saúde?", cuestionou Blanco sen obter resposta.

Esa pregunta, así como as formuladas por Presas e Vázquez Verao a respecto das razóns polas que o centro "non pode seguir sendo xestionado directamente pola Xunta" ou polo motivo que levou o Goberno a ter Montealegre pechado durante seis anos quedaron sen resposta. No seu lugar a directora xeral reiterou que este centro é "prioritario e necesario para poder atender os nenos e nenas que teñen un transtorno de conduta ou unha enfermidade mental -sinalou sen detallar ata onde chega a restrición sinalada no prego-". Ademais, asegurou sobre as protestas do Colexio de Educación Social e tamén do persoal da Consellería de Política Social, en realidade o proxecto conta co "máximo respaldo entre os profesionais".

A responsable de Infancia da Xunta, Amparo González, durante a súa comparecencia no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.