A Xunta nomea a ex-conselleira Mosquera directora dunha empresa pública dous meses despois de colocala a dedo

Rocío Mosquera na súa toma de posesión como conselleira de Sanidade en 2012 Dominio Público Xunta de Galicia

A finais de novembro a ex-conselleira de Sanidade Rocío Mosquera foi presentada polo seu sucesor, Jesús Vázquez Almuiña, ante o persoal da empresa pública Galaria, responsable da tecnoloxía sanitaria do Sergas, como a súa nova directora, e o presidente Feijóo gabou a súa capacidade para ese posto. Porén, a Xunta non fixo pública a convocatoria para cubrir esa praza ata máis de dúas semanas despois, o 15 de decembro. E non foi ata este xoves, máis de dous meses despois, que se fai oficial o seu nomeamento para un posto outorgado a dedo que xa viña ocupando de feito.

O Goberno galego presentouna como nova directora de Galaria en novembro, pero non convocou a cobertura desa praza ata decembro e aínda agora lla entrega de xeito oficial

O proceso para designar a Mosquera directora de Galaria volveu pór en evidencia a discrecionalidade do Goberno galego para nomear a dedo os altos cargos das empresas públicas obviando os procedementos aos que el mesmo se obrigou. Esa discrecionalidade sempre se deu, tanto na Xunta como noutras administracións, en postos que son considerados de confianza, pero foi o Goberno de Feijóo o que modificou a lei para establecer un procedemento de selección. Un procedemento que admite que eses nomeamentos se realizarán “por libre designación”, pero que obriga a cumprir cunha serie de formalidades como que os posibles candidatos presenten as súas solicitudes e sexan avaliados.

A Xunta argumentou que designara a Mosquera de xeito provisional á espera de resolver a convocatoria pública da praza e o deputado socialista Julio Torrado xogou un café co conselleiro: "A que adiviño para quen vai ser o cargo?"

No caso de Mosquera vén de quedar en evidencia ata que punto a discrecionalidade do Goberno galego pasa por riba desas formalidades. A convocatoria oficial para cubrir a praza non foi publicada no Diario Oficial de Galicia ata máis de dúas semanas despois de que Rocío Mosquera fose presentada como nova directora de Galaria, polo que partiu con vantaxe á hora de preparar a súa candidatura para o proceso fronte a outros posibles competidores, no caso de que os houbese. Esa situación foi denunciada polo deputado do PSdeG Julio Torrado, que ironizou con que “calquera persoa podería presentarse, pero atrévome a xogar un café co conselleiro a que adiviño para quen vai ser o cargo”.

Ante a pregunta parlamentaria do socialista ao respecto, o Goberno galego respondeu que a designación de Mosquera producírase de xeito provisional á espera de que se resolvese a convocatoria realizada posteriormente. Esa resolución vén de facerse oficial no DOG deste xoves, no que o conselleiro de Sanidade publica a orde que nomea a Mosquera directora-xerente de Galaria. Unha orde con data de 22 de xaneiro, máis de dous meses despois de que a ex-conselleira fose elixida a dedo polo Goberno galego.

A chegada de Mosquera a Galaria prodúcese tras a saída da súa anterior directora, María Luisa Brandt, para asumir a xerencia do hospital concertado vigués de Povisa sen ningún período intermedio de incompatibilidade

Por outra banda, a entrada en Galaria de Mosquera, funcionaria de carreira e conselleira entre 2012 e 2015, produciuse tras a saída da súa anterior directora, María Luisa Brandt, para asumir a xerencia do hospital concertado vigués de Povisa. Unha fichaxe que se concretou sen ningún período intermedio de incompatibilidade. A traxectoria de Brandt, enxeñeira industrial especializada en organización, discorrera na súa maior parte en empresas de consultoría, cun breve paso por Caixanova, antes do seu nomeamento en 2009 na empresa pública Galaria. Tras oito anos de experiencia á fronte da máxima tecnoloxía sanitaria do Sergas, Brandt fichou pola privada Povisa.

Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade, durante unha visita a Povisa © Povisa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.