A Xunta pagará case un cuarto de millón de euros a unha empresa externa para que deseñe e xestione durante dous anos o denominado Observatorio da Vivenda de Galicia. O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) publica este mércores no DOG o anuncio da licitación do concurso, que terá un custo para as contas públicas de 200.040 euros máis IVE., algo máis de 242 mil euros en total.
O IGVS xustifica a necesidade de poñer en marcha este novo ente en que "detectou a necesidade de aumentar o número de estudos e informes de relevancia para a mellora das políticas públicas en materia de vivenda, así como de mellorar a difusión das actuacións que realiza actualmente neste campo, para aumentar o seu grao de coñecemento na sociedade".
A empresa beneficiaria da concesión deberá, segundo se le nas cláusulas técnicas do concurso, "realizar informes sobre as axudas europeas no tema da vivenda", "realizar estudos e análises sobre datos xa existentes nesta materia", "analizar o impacto das diferentes medidas públicas adoptadas en materia de vivenda" ou "publicar boletíns electrónicos mensuais en materia de vivenda para dar a coñecer as informacións e novidades que vaian sucedendo". Ademais, terá que deseñar un portal web e un logo para o Observatorio.