A Xunta prorroga dúas semanas o operativo contra incendios entre alertas do persoal

As conselleiras do Medio Rural e do Mar, o responsable de montes e outros cargos, nunha área ardida en Redondela © Xunta

As chuvias da pasada semana contribuíron a apagar a violenta vaga de incendios. Pero volveron marchar, regresou a seca e no monte galego pode "volver haber unha desgraza". A alerta era lanzada na mañá deste mércores polos representantes dos múltiples corpos que forman o disperso operativo contra os incendios forestais. A inestabilidade do dispositivo, resaltaron, estaba a piques de enviar á rúa por segunda vez en apenas un mes a case 1.000 persoas das brigadas de extinción de incendios. Pouco despois a Xunta saíu ao paso para anunciar unha nova prórroga de apenas dúas semanas ata o 12 de novembro.

O tempo seco e solleiro en pleno mes de outubro provocou que esta semana o risco de incendios forestais volvese dispararse. Este mércores, por exemplo, permanecía nun nivel "moderado" na maior parte do territorio das provincias atlánticas, pero xa era alto -ata o 70% de risco- en boa parte das provincias do interior e do centro e do sur de Ourense, así como en puntos de Lugo, volveu ser moi alto ou extremo. As predicións meteorolóxicas a medio prazo seguen sen albiscar chuvias de importancia, un prognóstico "adverso" que, indica o Goberno galego, motiva a devandita ampliación do dispositivo.

Segundo a explicación ofrecida pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha visita a unha área afectada polos incendios en Redondela, a prórroga estivose a "valorar" nos últimos días para "responder" ás previsións de tempo seco que "incrementan o risco de ocorrencia de incendios". Decidiuse facelo, afirmou, "como xa se fixo antes da vaga de lumes" de mediados de mes.

Case 1.000 brigadistas xa foran despedidos en outubro e a metade tiveron que ser reincorporados ás présas durante a vaga de incendios

Así e todo, a anterior prórroga estivo arrodeada pola controversia e a confusión. Como informou Praza.gal, estes case 1.000 brigadistas foron despedidos e reincorporados en dúas fases tras o verán. Así, tras cesaren nos seus postos en setembro o pasado día 11 a Xunta reincorporou 436 efectivos fixos-discontinuos. Ese mesmo día xa se estaba a loitar contra o incendio que queimaba o Parque Natural do Xurés e, paradoxalmente, na mesma xornada o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, restaba importancia a que estes 436 brigadistas xa non estivesen a traballar, especificando ademais que os que quedaban estaban a concentrar o seu traballo no interior porque na área atlántica o risco de incendio diminuíra. O presidente non indicou que este persoal viña de reincorporarse.

Traballos de extinción a pasada semana en Negueira de Muñiz / Brigada Marroxo

O persoal ve nestes cesamentos e incorporacións unha mostra da "improvisación da Xunta": a política forestal segue a determinala "o anticiclón dos Azores", ironizan

Apenas dous días despois, o 13 de outubro, dende a Xunta iniciáronse os trámites para volver incorporar tamén outra peza do dispositivo: 500 brigadistas da empresa pública Seaga. A comunicación coa orde, á que tivo acceso este diario, estaba datada no propio día 13 e prevía a incorporación o 16 de outubro, isto é, o luns posterior ao domingo no que estourou a peor parte da vaga de incendios. Fontes do persoal aseguran que, ante a "gravidade" da situación, os brigadistas de Seaga foron requiridos para incorporárense antes, durante a fin de semana. Pero boa parte do equipamento necesario para realizaren o seu traballo -vehículos, dispositivos de comunicación, ferramentas- xa fora desmantelado e, finalmente, o groso do persoal non puido sumarse á extinción ata o luns, como se prevera.

Con este pano de fondo chega a nova prórroga que, segundo Medio Rural, atinxe a todo o dispositivo actualmente despregado, polo que cabe deducir que tamén prolonga ata o 12 de novembro os contratos deste milleiros de brigadistas. A xuízo do persoal, que compareceu este mércores en rolda de prensa, estas idas e vidas non son máis que a mostra da "improvisación" da Xunta, especialmente do director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, -que acumula 17 anos no cargo- e da necesidade dun dispositivo contra incendios estable e único. A política forestal do Goberno galego, ironizan, segue a estar determinada en última intancia "polo anticiclón dos Azores".

Risco de incendios forestais deste 25 de outubro Dominio Público Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.