A Xunta rexeita reunirse co persoal de Xustiza en folga tras case tres semanas sen facelo

A policía desaloxa unha delegada sindical de San Caetano © AX-CUT

Cando se cumpren xa dous meses e unha semana de folga e a piques de se cumprir tres semanas sen xuntanza ningunha entre Xunta e persoal, o Goberno galego decidiu non acudir á convocatoria prevista para este venres. A Administración advertiu de que non subiría a súa última oferta económica (un incremento de 133, 108 e 105 euros ao mes segundo a categoría) e os sindicatos responderon avisando que a única intención da cita debía ser a de que o Executivo explicase o presunto aumento de 300 euros ao mes ao que aludiu en varias ocasións o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

Os sindicatos pediron que a xuntanza servise para que a Xunta explicase a suposta oferta de 300 euros, na que inclúe a suba estatal pactada para todo o funcionariado

A Xunta inclúe nestes 300 euros de oferta o incremento prometido por parte da Administración galega, xunto á suba pactada a nivel estatal para todo o funcionariado. Deu por explicada a proposta e por anulada a reunión. 

Pero os representantes dos traballadores acudiron á cita á que non foi a Xunta coa intención de que se lles explicase con detalle a oferta. Mesmo intentaron entrar na sede da Administración e o comité de folga denuncia que non se lles permitiu.

Desde o sindicato Alternativas da Xustiza-CUT, aseguran ademais que o Goberno galego “non só non compareceu senón que utilizou a policía para botar fóra” os seus delegados, que foron os únicos que conseguiron entrar en San Caetano.

A policía desaloxou delegados sindicais de San Caetano, a onde se lles impedira a entrada

“Non aceptamos chantaxes”, di este sindicato, que acusa a Xunta de levar a cabo “unha demotración máis de prepotencia e chulería” e de empregar “unha táctica de desgaste”, repetindo as palabras empregadas polo fiscal delegado de Medio Ambiente en Galicia, Álvaro García Ortiz, que xa amosara en Praza.gal o seu rexeitamento ao proceder neste conflito do Goberno galego, ao que instaba a “sentar a negociar” e “non dilatar”.

Con todo, e malia a última negativa, o vicepresidente da Xunta e conselleiro responsable da Xustiza, Alfonso Rueda, volveu instar os sindicatos a sentar e volver ás negociacións e acusounos de “non querer negociar”. Ademais, denunciou as “contradicións” e posturas “incomprensibles” dos sindicatos, aos que pediu “obxectividade”. Tamén reiterou a “vontade negociadora” da Xunta pero que non tolerará “unha poxa con diñeiro público”.

Ao tempo, os xuízos suspendidos poden superar xa os 20.000 mentres que os traballadores en folga acumulan uns 3 millóns de euros perdidos en salarios por mor do paro indefinido que desenvolven desde o pasado 7 de febreiro.

Segundo a Xunta, o seguimento da folga sitúase en máis do 30%, fronte ao máis do 75% no que o cifran os sindicatos. Sexa como for, son case 900 os traballadores da Administración de Xustiza os que non acudiron este venres ao seu posto de traballo, mentres que case uns 800 máis fixeróno en cumprimento dos servizos mínimos nun cadro de persoal dunhas 2.700 persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.