As lapas do Eume incendian un Parlamento con arrecendo preelectoral

Quintana, durante a comparecencia no Parlamento © Ana Varela

Foi o primeiro gran incendio dun ano que se prevé moi complicado nos montes galegos. Tivo como escenario unha paraxe privilexiada, un tesouro ecolóxico europeo que ardeu durante catro días e cuxas lapas reavivaron este martes no pleno do Parlamento galego. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, acudiu á Cámara a petición propia para abordar a xestión do lume das Fragas do Eume, "do Concello da Capela", en verbas da Xunta e fíxoo comezando cun ton relativamente conciliador. Estamos ante "un desafío firme" contra os "valores naturais" de Galicia que non se debe "magnificar para tirar rendementos políticos", comezou. "Sei que compartindo este esforzo están todos vostedes", díxolle ao conxunto do arco parlamentario. Pero ese ton durou ben pouco e non só a causa da refrega entre un Goberno e unha oposición que vez cada vez máis cerca a cita coas urnas.

Na súa primeira intervención Quintana foi esencialmente descritiva. A conselleira debullou o panorama co que se atoparon os equipos de extinción, nas Fragas dende "19 minutos despois" do inicio do lume, mantén. Refachos de nordés de 60 quilómetros por hora, imposibilidade de "facer un ataque directo á cabeza do lume" e unha gran "actividade incendiaria" formaron un cóctel ante o que, asegura, o Goberno galego "reaccionou rápido", grazas ao cal as lapas foron "controladas" en apenas 50 horas e a cifra "provisional" de 750 hectáreas queimadas non foi incrementada dende o sábado. Tamén colaborou, admite, a veciñanza da zona con "tractores e cisternas, feito que é de agradecer", di. "Conviría reflexionar na capacidade de atención da sociedade galega cara ao monte" e lograr en sede parlamentaria o "acordo nacional que o país necesita" en materia de incendios, engadiu a conselleira.

Rosa Quintana mantén que o lume estivo controlado en 50 horas e por iso non se queimaron máis de 750 hectáreas

Tras esa primeira intervención, a batalla, non iniciada, cando menos completamente, dende PSdeG e BNG. Se ben socialistas e nacionalistas achegaron ao Hórreo a petición de explicacións que se lle presupón á oposición, o debate subíu varios graos de temperatura cando accedeu á tribuna a voceira do PP, Emma Álvarez Chao, quen recuperou en boa medida o argumentario empregado polos conservadores durante a enorme vaga de lumes do verán de 2006.

"Incendiarias políticas"

Así, pola banda nacionalista, Tareixa Paz identificou como un dos grandes "problemas" a falta de "credibilidade" da Xunta. "Manipulan e menten permanentemente", censura, xa que, mentres que Rosa Quintana fala de que na mesma xornada do lume do Eume ardían os montes galegos en decenas de lugares, "na web da Xunta o sábado 31 informaban de que había un incendio na Capela controlado, outro en Avión controlado e non había ningún máis". "Ninguén cuestiona que a causa última" dos incendios sexa "que alguén lle prende lume ao monte", resalta a nacionalista, se ben "estaríamos en mellores condicións" se, por exemplo, Medio Rural "non tivese desmantelado as brigadas de información e investigación forestal". Do mesmo xeito, dende o PSdeG Sonia Verdes ve nas verbas de Quintana unha vía para a "autodesculpa" dunha mala xesitón que a Xunta tenta "agochar coa propaganda máis deleznable", en referencia á campaña publicitaria sobre os lumes posta en marcha pola Xunta na pasada semana. "Fallou o Goberno, fallou vostede", reprochou Verdes. "Hai un goberno incompetente e irresponsable que converteu o monte nun verdadeiro polvorín", engade.

A voceira do PP recuperou as críticas a Touriño e Suárez Canal e rexeita ter os montes "como un xardín"

Co ambiente xa caldeado chegou a intervención da representante popular, quen se esforzou en atribuírlle a PSdeG e BNG a intención de crear un novo "Nunca Máis" ou de volver asegurar que en 2006 algúns medios de extinción deixaron de protexer o monte para facer o propio coa vivenda na que pasaba as vacacións o daquela presidente, Emilio Pérez Touriño. Segundo Emma Álvarez Chao "non serve de nada ter un monte como un xardín" nin se poden previr os lumes con brigadas mentres haxa "terroristas nos nosos montes". A CIG como "brazo executor" do Bloque ou a crítica reiterada a Touriño e Alfredo Suárez Canal como titular da Xunta e conselleiro de Medio Rural formaron parte dun discurso que volveu situar o lume no centro da polémica política.

"É vostede unha mentireira", remarcou a voceira do PSdeG na súa segunda quenda. "Cheguei mirándolle a cara ás persoas, nin minto nin terxiverso, só digo a verdade", retrucou Rosa Quintana, quen defende ademais que a Xunta non ofreza datos dos incendios inferiores a 20 hectáreas para evitar o efecto chamada para os incendiarios. "Deixen de actuar como incendiarias dialécticas", volveu á carga Álvarez Chao, quen ademais rexeita que "o lume non hai que apagalo no inverno" senón "a medida que se vai producindo". Os expertos manteñen que se aproxima un verán complicado e os analistas políticos, que se aproximan as eleccións.

Quintana, este martes no Parlamento © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.