Así menospreza a Feijóo a dirección do PP

Feijóo e Dolores de Cospedal, nun acto de partido © PP

Mariano Rajoy tivo o mércores no Congreso o seu momento María Ostiz. Esaxerando varios pobos o caso de Paula Quinteiro, referiuse a esta parlamentaria de Podemos e En Marea como “una diputada de mi pueblo”. De contado aclarou que “mi pueblo es Galicia”. Trátase dunha rechamante terminoloxía que non emprega en público un Feijóo que, en troques, escandalizou máis dunha vez os xornalistas da caverna madrileña ao falar de Galicia coma un país. Mais en privado todo é distinto, é dicir máis parecido ao que fai Rajoy sen agocharse. Por exemplo, hai uns anos, en conversa cun homólogo seu doutra comunidade, o actual presidente da Xunta laiouse de que Galicia teña tres universidades malia ser “un pueblo”.

Nin nación, ración, rexión, comunidade, autonomía, país, nacionalidade histórica, curruncho noroeste, territorio, demarcación ou "impaís" que dicía Xavier Alcalá. Para que se entenda ben en Madrid Galicia é un “pueblo”, segundo acaba de clarexar o presidente do Goberno. A súa semella unha alusión ao primeiro ou ao segundo dos significados dese termo que ofrece o dicionario da lingua española, os de, respectivamente, cidade ou vila ou o de poboación de menor categoría. O problema é que con calquera desas dúas definicións resulta natural que os nados nese sitio sexan, vistos desde a Corte, “pueblerinos”, pailáns. Ben o sabe José Blanco, quen cando se converteu no amo da sede central socialista da rúa Ferraz sufriu coma ninguén o estereotipo do galeguiño, co sufixo agarimoso convertido en despectivo para marcar o descoñecido deputado de Lugo que ousou argallar a vitoria dun tamén anónimo señor de León no congreso do PSOE de 2000.

Despois da súa etapa case de mocidade na política galega, na que presidiu a Deputación de Pontevedra e chegou á vicepresidencia da Xunta con 31 anos, Rajoy fixo xa toda a súa carreira en Madrid, escalando en 22 anos desde o posto de deputado do común ata a Moncloa. Aínda así nunca se quitou de enriba a fama de provinciano. Semella que non lle molesta nada, seica pola súa maneira de ser e tamén porque acabou por resultar altamente representativa dos seus bastións electorais. Malia a súa imaxe de señorito do Casino de Pontevedra, ou grazas a ela, Mariano converteuse nun grande especialista en sobrevivir a esa máquina trituradora que é Madrid, segundo o acaído nome que lle puxo o xornalista Enric Juliana á súa política local, aínda que vale tamén para a outra, a que chaman “nacional”.

Rajoy referiuse a Galicia como "mi pueblo", unha rechamante terminoloxía que non emprega en público un Feijóo que escandaliza os xornalistas da caverna madrileña ao falar de Galicia como "país". Mais en privado todo é distinto.

Esa política “nacional” é a que soña con conquistar de volta Feijóo desde que Rajoy e Aznar o mandaron de regreso “al pueblo, cunha oferta que non podía rexeitar aínda que, como se laiaba el, na Consellería de Política Territorial perdía moitos cartos respecto a Correos. Esta España de letra descentralizada e música centralizadora é moi pouco propicia para desde a periferia dunha presidencia autonómica regresar triunfalmente a Madrid coa toma do liderado dun dos dous partidos clásicos, antes de lanzarse á carreira pola Moncloa. Acaba de fracasar nese empeño a andaluza Susana Díaz, aínda que na súa desfeita o que máis pesou foi o erro da xestora de sacar a Rajoy da UVI da investidura, o que resucitou a Pedro Sánchez. O único que o conseguiu é un dos grandes modelos de Feijóo, José María Aznar. Pero era un madrileño que fixo un curto paso pola presidencia da Junta de Castilla y León.

Os enormes muros que lle pechan o camiño a Feijóo volveron agromar descarnadamente na recente convención do PP en Sevilla. Na súa intervención de apertura a secretaria xeral, Dolores de Cospedal, mandou un saúdo ao PP de Andalucía, como organizador do evento; aos de Ceuta e Melilla, polo seu gran fervor españolista; aos de Catalunya e o País Vasco, por resistir ante os nacionalismos “malos” e tamén aos de Balears e a Comunitat Valenciana, por facer fronte ao expansionismo do soberanismo. E a Galicia, nin auga, malia que adoita ser a segunda comunidade con máis compromisarios nos congresos do PP e a única na que os da gaivota teñen unha maioría absoluta. Cospedal esqueceuna, tanto na benvida aos distintos territorios como cando falou dos resultados electorais de 2016, nos que se centrou no que para ela foi o grande éxito das xerais do 26 de xuño. Das galegas, nin palabra. Como se non se celebrasen. Poderíase retrucar que non quería baixar á política de segunda división, para evitar comentar a hecatombe catalá de finais do ano pasado. Pero no congreso do partido de febreiro de 2017, só uns meses despois de que Feijóo confirmase a súa hexemonía parlamentaria, Cospedal fixo exactamente o mesmo, coa diferenza de que daquela só saudou os PP de Ceuta, Melilla, País Vasco e Catalunya.

Feijóo, na sede central do PP en Madrid tras a súa vitoria electoral en setembro de 2016 / PP

Os discursos de Cospedal nas xuntanzas do PP teñen o valor de amosar en público como é o menosprezo que a dirección central do partido lle fai a Feijóo desde que nas galegas de 2016, en pleno bloqueo da investidura en España, a salvou coa súa vitoria

Os discursos de Cospedal nas xuntanzas do PP teñen o valor de amosar en público como é o menosprezo que a dirección central do partido lle fai a Feijóo desde que nas galegas de 2016, en pleno bloqueo da investidura en España, a salvou coa súa vitoria, por máis que fose pola non comparecencia do rival, cunha campaña tan personalizada que ata agochaba as siglas do partido. Vese tamén nos programas deses actos, nos que non aparece entre os principais dirixentes do partido, senón mesturado cos líderes de Catalunya, La Rioja, Murcia... Na actual catastrófica situación do partido ese trato semella case que unha vantaxe, aínda que a Feijóo seica lle molesta, como reflicte o esforzo do seu aparato de propaganda por o agochar. Para iso en Sevilla veulle moi ben o forte aplauso que lle deron os asistentes, aínda que ficase algo desvalorizado polo que tamén recibiu unha Cristina Cifuentes en pleno viacrucis. Rajoy, aínda que coide máis as formas que Cospedal, polo que se ve deixa facer. “Mariano non se fía de Alberto desde hai moito tempo porque sabe que lle quere mover a cadeira”, di unha das persoas de fóra do PP que máis trata os dous.

"Feijóo puede aterrizar en Madrid si Soraya no le sigue sacando fotos con narcos...", afirman nunha pasaxe da biografía de Sáenz de Santamaría

Sobre o concepto que teñen de Feijóo na cúpula do PP resulta moi interesante o libro La vicepresidenta: Soraya Sáenz de Santamaría: la mujer más poderosa de España, publicado polas xornalistas Gabriela Bustelo e Alejandra Ruiz-Hermosilla en xuño de 2017. É un delirio feito biografía, e non tanto porque as autoras se esquezan de Ana Patricia Botín nin porque comparen a protagonista con Winston Churchill ou con Margaret Thatcher, senón porque falan da súa sociedade con Rajoy como un tándem entre iguais. Trátase sobre todo dun compendio de opinións que dan distintas persoas, como Florentino Portero, historiador especializado en relacións internacionais, quen sobre Feijóo di non coñecer a “nadie que considere que es un estadista. Tiene el mejor currículum de los dirigentes del PP con diferencia y, por tanto, el cursus honorum de la derecha coloca a Feijóo en primera posición. Pero cuando uno quiere algo en política, la primera condición es el valor y a mí no me consta que Feijóo está dispuesto a dar la batalla, me consta su ambición, no su disposición”. Así, segundo Portero non é que o dos Peares non queira ir contra Rajoy, como din os seus, senón que non se atreve.

Feijóo vai quedando cada vez máis só como sucesor, pero para el segue a ser todo moi complicado porque, como diría Rajoy, vén directamente de “mi pueblo”.

As xornalistas Bustelo e Ruiz-Hermosilla afirman que os “íntimos de Rajoy” cren que o sucesor é “claramente Alberto Núñez Feijóo”, do que din que nunca se entendeu ben co presidente do Goberno. Mais apuntan que a substitución pode tardar tempo en producirse, o que lles dá pé para incorporar o retranqueiro testemuño dun deputado de primeira liña do PP: “Vete tú a saber si a Feijóo le ha salido que un narcotraficante le vendió no sé qué, Soraya se ha abrasado en Cataluña y resulta que Cospedal firmó que se quitara el seguro de un avión”. É reveladora a diferente natureza dos atrancos que afrontan cada un, o da súa amizade con Marcial Dorado no caso de Feijóo, o expediente catalán no de Soraya, que xa a queimou, e algún escándalo do estilo do Yak-42 no de Cospedal. “Feijóo puede aterrizar en Madrid si Soraya no le sigue sacando fotos con narcotraficantes...”, afirma noutra pasaxe do libro o xornalista Alfredo Urdaci, que sinala unha posible relación da vicepresidenta coa publicación das fotos con Marcial Dorado que tamén ven algúns na cúpula da Xunta.

Para que Saénz de Santamaría fose a sucesora a elección do seu substituto teríaa que facer Rajoy e nese suposto optaría por si mesmo. Ademais, a vicepresidenta ficou fóra de xogo co desastre catalán, que tamén alcanzou, como tantas outras desfeitas, a Cospedal. Cifuentes xa quedou afastada da carreira cando foi acusada de participar na corrupción do PP madrileño, antes do escándalo do máster, no que se afundiu a imaxe de Pablo Casado, o dirixente da rúa Génova que trataban de lanzar como alternativa de futuro. Feijóo vai quedando cada vez máis só como sucesor, pero para el segue a ser todo moi complicado porque, como diría Rajoy, vén directamente de “mi pueblo”.

Rajoy, Feijóo e outros cargos, nun mitin na carballeira de San Xusto (Cotobade) © PP

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.