Baltar pai non logra frear a investigación pola "caixa B" do PP de Ourense

Feijóo, con Baltar no congreso do PP de Ourense, en 2010 © PPdeG

No outono de 2014 a prolongadísima instrución da operación Pokémon deu o seu enésimo xiro, neste caso cara ao PP de Ourense. A xuíza Pilar de Lara apoiábase na declaración e na documentación achegada ao xulgado polo ex-xerente do partido na provincia, Emilio Pascual, para indagar no que considerou un presunto financiamento "ilícito" a través dun "elaborado sistema de facturación falsa e ficticia" que daría lugar a unha caixa B utilizada, dicía, dende o ano 2003. A investigación veuse ampliando durante case dous anos e agora desembocará nos xulgados ourensáns, toda vez que a Audiencia Provincial de Lugo vén de facer fracasar o enésimo intento de José Luis Baltar, ex-líder e pai do actual presidente do partido e da Deputación, para frear o proceso.

O alto tribunal lucense vén de rexeitar de vez o recurso no que a defensa de Baltar pai apelaba a diversos argumentos co obxectivo de que a causa non continuase, tales como a prescrición dos presuntos delitos de falseamento de contas ou que non habería lugar á comisión de suborno porque o ex-barón actuaba en calidade de presidente do partido, e non de cargo público. Nunha providencia ditada o pasado día 20, á que tivo acceso Praza.gal, De Lara dá conta da decisión da Audiencia e resalta que fica "confirmado" o seu auto de xuño de 2015 no que, como informou este diario, lle atribuía a Baltar contas falsas no partido, suborno e delito electoral.

A Audiencia tomba o recurso de José Luis Baltar e dá luz verde para enviar a investigación da presunta 'caixa B' aos xulgados de Ourense

Ao contrario do que veu sucedendo na maior parte das múltiplas pólas da operación Pokémon, a investigación da presunta caixa B do PP de Ourense non ficará nos xulgados de Lugo. Como xa avanzara no seu auto de 2015, ao tratarse de delitos presuntamente cometidos integramente en Ourense, teñen que ser os xulgados ourensáns os que aborden nunha peza separada. Por iso a xuíza ordena que, ao ser "firme" a resolución, se "proceda ao rexistro e incoación das correspondentes dilixencias" para "darlles o destino correspondente", isto é, os xulgados de Ourense, nos que Baltar pai e fillo están sendo investigados, paralelamente, por presuntos delitos de suborno e tráfico de influencias na causa aberta pola denuncia da muller que acusa o actual presidente da Deputación de ofrecerlle emprego a cambio de sexo.

"Fondos opacos" para pagar campañas

Nos últimos dous anos a xuíza De Lara deu por "referendada" a existencia da 'caixa B' do PP ourensán en varios autos baseados tanto nas testemuñas do ex-xerente como nas indagacións de Vixilancia Aduaneira e tamén en "abondosa documentación". O sistema que, segundo a xuíza, foi "corroborado" polos investigadores, consistiría en encubrir gastos do partido abonados en metálico con cartos procedentes de diversas empresas, algunhas delas do grupo Véndex, considerado cerna da trama Pokémon. O "encargado de recoller persoalmente os cartos, teoricamente abonados en concepto de doazón" sería Baltar pai, segundo a xuíza.

Os investigadores dan por confirmado que cartos alleos á contabilidade oficial serviron para financiar gastos electorais e sobresoldos

Eses pagamentos, segundo a instrución, foron xa admitidos por "distintas empresas" e "empregados do partido recoñeceron", pola súa banda, que os cartos non recollidos na contabilidade oficial serviran para pagarlles durante anos "gratificacións extraordinarias", sobresoldos. Todo, agregaba nun auto de hai un ano, sen que houbese polo medio "ningunha anotación contable nin movemento bancario que poida xustificar ditos pagamentos".

A hipótese na que se sustenta a investigación apóiase tamén en declaracións de antigos membros das listas electorais do PP ourensán aos que Vixilancia Aduaneira lles tomou declaración e cuxos nomes figuraban en facturas das empresas investigadas. Os candidatos aseguraron que "nunca concertaran servizo ningún coas empresas", do que cabe concluír, segundo De Lara, que "seria o propio partido quen fixo os encargos e quen, finalmente, abonou as facturas" por conceptos como publicidade electoral. Só un candidato negou as acusacións, o actual vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, quen segundo a xuíza "manifestou que si recoñece a factura", que correspondería a un pagamento "a unha empresa de publicidade" á que lle pagou "con cartos que tiña na casa dende un ano antes".

Con todo este contexto serán os xulgados de Ourense os que teñan que dilucidar se, como cre De Lara, o PP de Ourense contou "cunha estrutura paralela de xestión económica a modo de caixa B", con movementos de cartos sen "respecto" polas "prohibicións e limitacións establecidas na lexislación reguladora do financiamento dos partidos políticos". Cómpre aclarar tamén, indicou De Lara, se José Luis Baltar "puido estar lucrándose con este sistema".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.