Beiras chama á "unidade de acción" e a "potenciar a marea cidadá" contra o PP

Xosé Manuel Beiras, durante a súa intervención no Debate CC-BY-SA Praza Pública

"A cidadanía galega está en marcha”, asegurou Xosé Manuel Beiras, que volveu facer un chamamento á unidade nunha "rebelión cívica" contra a "besta" que supoñen as políticas do PP e contra os que "desde as institucións agreden" a maioría social. Na súa intervención no Debate do Estado da Autonomía, o voceiro de AGE instou os partidos a "achegar as ideas e o esforzo militante a potenciar esa marea, asumindo que o protagonismo lle corresponde aos cidadáns". "Só fallamos polo de agora as organizacións políticas; non debemos suplantar a cidadanía auto organizada, senón colaborar con ela", dixo. "Arde o país e nós a discutir de quen é a mangueira", insistiu.

Beiras insta os partidos a "achegar ideas e esforzo militante para potenciar esa marea de protagonismo cidadá"

Porque é esa "democracia" que xorde da cidadanía a luz que albisca Beiras nunha nación galega cuxo estado definiu como "tráxico" e ante o que apelou á resposta da rúa e da maioría social vista "a progresiva e evidente diverxencia entre as institucións do poder e a cidadanía do común". “A onda da rebelión cívica, o proceso de auto organización da cidadanía máis consciente e valerosa, leva camiño de se converter en mar de fondo e marea viva", engadiu o deputado de Alternativa, que reiterou un chamamento á esquerda para achegar "as ferramentas para esa rebelión cívica" e para a "unidade de acción para camiñar xuntos, con respecto á diversidade e sen leas nin retesías".

"Estou a falar para dentro, pero sobre todo para fóra desta Cámara; estou a falar para vós, cidadáns galegos do común activos e rebeldes, militantes ou non en calquera opción política que aposte pola emancipación social e nacional do pobo galego, ou sexa, a vosa propia emancipación colectiva”, concluíu Beiras antes de debullar con detalle a situación "tráxica" de Galicia que situou nun "contexto determinante" de "crise sistémica" moito máis ampla que a financeira ou económica actual.

“A causa externa do agónico estado do noso pobo está nos xigantescos poderes que causaron a actual crise sistémica e someteron os poderes políticos aos seus ditados, ao xeito de ventrílocuo que utiliza os seus bonecos para facer e dicir o que el quere sen que o pareza”, dixo tras censurar o "extremismo neoliberar" e a "involución e contrarreforma reaccionaria" que está a destruír o Estado de Benestar.

O voceiro de AGE acusa o PP de "executar as agresión utilizando as institucións constituídas para o autogoberno"

Nese contexto situou Beiras tamén a Xunta e o PP, aos que acusou de "non utilizar o poder que lles deron os seus electores para defendelos, senón para sometelos ás agresións que lles ditan os seus amos". "E por riba vostedes executan esas agresións utilizando as institucións constituídas para o autogoberno e a autodefensa do pobo galego”, censurou o deputado de AGE, que tivo que aturar durante a súa comparecencia comentarios desde a bancada popular, especialmente por parte de Paula Prado e Miguel Tellado.

“Non vou estragar o escaso tempo de que dispoño en facer o relatorio de agravios padecidos dende o pasado ano polo pobo galego a mans dos poderes da UE e do Estado, uns consumados directamente e outros utilizándoos a vostedes como emisarios”, advertiu tamén Beiras, que explicou que "eses agravios xa os coñecen mellor ca ninguén os cidadáns que os padecen a cotío". "Nós, os da AGE, pelexamos todo o ano con iniciativas que baten contra o muro de formigón desta casa dos mortos parlamentaria”, engadiu, tras reiterarlle aos parlamentarios do PP que "carecen de autonomía de decisión ou fan uso espurio da que lles outorga o Estatuto”.

"Ningún dos problemas que tentaban atallar foron resoltos nin paliados", lembroulle Beiras ao PP respecto do Debate do ano pasado

Por iso, anunciou tamén que o vindeiro xoves será a vicevoceira Yolanda Díaz quen defenderá as corenta propostas de resolución de AGE. “Veremos que acollida teñen. Das cincuenta do ano pasado, case que ningunha foi aprobada, e ningún dos problemas que tentaban atallar foron resoltos nin paliados por vostedes. Case todos agraváronse”, lembrou antes de acusar os gobernos do PP de provocar "que a democracia esta volta do revés polo forro".

Ademais, Beiras fixo tamén unha defensa do "dereito a decidir democrático das nacións sen estado" que "nega" o PP "esgrimindo unha Constitución que violan cada día". "Tamén negan vostedes o dereito das mulleres a decidir libremente sobre os seu corpo, ou o dereito a decidir dos traballadores sobre o destino da empresa que constitúe o seu medio de vida, ou das mozas e mozos sobre as súas oportunidades de traballo, ou dos mariñeiros sobre os recursos pesqueiros renovábeis”, rematou o voceiro de AGE, que acusou "a dereita extrema que ocupa os palaicos en Madrid e en Compostela" de "negar a democracia". 

Beiras diríxese a Feijóo nun intre do debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.