BNG e AGE reclaman a apertura de comisións parlamentarias de investigación sobre o accidente

Concentración ante o Parlamento © Parlamento de Galicia

AGE e BNG reclaman a apertura dunha comisión de investigación no Parlamento galego para esclarecer as causas do accidente de Angrois. O Bloque tamén pedirá que se abra unha comisión no Congreso, o mesmo que Esquerda Unida. O PSOE demanda a comparecencia no Congreso da ministra Ana Pastor e dos responsables de Renfe e Adif. Nunha rolda de prensa en Vigo, Gaspar Zarrías destacou que o PSOE presentou esta solicitude unha vez finalizaron os funerais polas vítimas e apuntou que "parece ser que hai vontade do Goberno de comparecer". "Partimos de que o noso país ten unha seguridade ferroviaria conforme ás normas, pero o accidente de Santiago marca un antes e un despois", engadiu Zarrías

O obxectivo destas comisións de investigación, apuntan dende o BNG, é coñecer as razóns polas que non foron utilizadas todas as medidas de seguridade dispoñibles: “deben ser esclarecidas as causas técnicas, humanas e políticas do sinistro”. De igual xeito AGE busca "coñecer as causas do accidente, e tamén a situación real das condicións de seguridade da rede de alta velocidade na Galiza e as posibles deficiencias das medidas activas e pasivas de seguridade na mesma" e engade que esta investigación "é plenamente compatible coa que poidan e deban desenvolver tanto a administración ferroviaria (ADIF-Renfe) como a que sexa obxecto do procedemento penal en curso".

 

"Reflexionar para saber que modelo ferroviario temos en Galiza"

“O BNG non vai aceptar que os intereses dos políticos responsables e empresas implicadas oculten as verdadeiras causas do accidente”

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence afirmou este martes en rolda de prensa que sinistro rompe coa “propaganda dos distintos gobernos estatais sobre as virtudes do sistema ferroviario implantado en Galiza”. O voceiro nacionalista engadiu que “o silencio respectuoso ten que dar paso agora ao diagnóstico das causas, a  busqueda de solucións e dirimir as  responsabilidades se as houber”. Vence pediu “imparcialidade e rapidez” na busca das causas do accidente para que non ocorra o mesmo que co Prestige: “o BNG non vai aceptar que os intereses dos políticos responsables e empresas implicadas oculten as verdadeiras causas do accidente” porque “a seguridade debe estar sempre por riba da  conta de resultados e carteira de pedidos das grandes empresas”.

Xavier Vence, acompañado da deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, e do portavoz no Parlamento galego, Francisco Jorquera, rexeitou ante os medios de comunicación “converter ao maquinista en chivo expiatorio e único culpable do accidente ferroviario” e acusou os responsables de RENFE e Adif de “descargar toda a culpa sobre un fallo humano”. O BNG conclúe que "todos os aspectos do trazado, unha curva inapropiada para a alta velocidade, sistemas de seguridade nas vías, freado e modelo de tren debe facernos reflexionar para saber que modelo ferroviario temos en Galiza deseñado por criterios impostos dende unha visión centralista e marcado polas grandes empresas de infraestrutura ferroviaria”. 

 

"Á cidadanía galega, máis unha vez, mentíuselle"

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia que "se a rede galega de camiños de ferro contase coas medidas de seguridade activas e pasivas asociadas a unha rede de alta velocidade, o terríbel accidente de Angrois non acontecería". “Está claro que os sistemas de seguridade que se deberon instalar non se instalaron e os que se instalaron non se puxeron en funcionamento”, critica Sánchez.

O parlamentario de AGE tamén denuncia que "o aparato de propaganda do Goberno do señor Núñez anunciara a liña de tren entre Ourense e Compostela como de alta velocidade cando en realidade non era tal”. E lembran que o propio secretario de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Rafael Catalá, recoñeceu expresamente que nin o ancho da vía nin os comboios nin as medidas de seguridade son propias dos trazados do denominado AVE. AGE conclúe que "á cidadanía galega, máis unha vez, mentíuselle".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.