BNG, IU e ERC critican o discurso do Rei, "falto de autocrítica" e "lonxe da realidade"

Imaxe do discurso do rei © Casa Real

"Unidade" foi unha das mensaxes máis repetidas polo rei Juan Carlos na súa mensaxe de Noiteboa. Porén, as súas palabras, un ano máis, xeraron desunión entre as forzas políticas. Mentres que BNG, IU e ERC criticaron duramente as súas palabras, PP e PSOE aplaudiron o chamamento do monarca a "superar as diferenzas entre partidos para buscar o punto en común entre todos", en palabras do popular Carlos Floriano, e a socialista Trinidad Jiménez salientou "a proximidade do Rei cara aos problemas da sociedad" nun discurso "moi axustado á realidade social e económica do país". 

Mentres que BNG, IU e ERC criticaron duramente as súas palabras, PP e PSOE aplaudiron o chamamento do monarca a "superar as diferenzas entre partidos para buscar o punto en común entre todos"

En concrteto, a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, reprochoulle ao rei a "total falla de autocrítica no tradicional discurso de Noiteboa, nun ano no que esta institución caeu nun enorme descreto". A deputada do BNG tamén criticou a "condescendencia do rei coas venenosas políticas de recortes do Goberno de Rajoy” e denunciou que o monarca "se moveu nunha calculada ambigüidade no que atinxe á crise cuxos custes están a recaer nos cidadáns".  “O Rei -criticou Davila - defendeu  por un lado o sistema de protección social e de benestar pero coa fórmula da austeridade, e incluso utilizou o binomio austeridade e crecemento cando todo o mundo sabe que é un cóctel imposible".

Semellantes foron as críticas dende Esquerda Unida. Cayo Lara cualificou de "pobre" o discurso e dixo que amosou "un moi preocupante distanciamento da tráxica realidade que viven e sofren millóns de cidadáns e cidadás no país a consecuencia da crise". Lara cre que a intervención de Juan Carlos resultou "retórica e oca" e afirma que se situou "fóra da realidade ao evitar sinalar conscientemente as causas da recesión que nos atenaza, do incremento do paro e da pobreza, dos desafiuzamentos".

No discurso real houbo tamén veadas alusións ao proceso soberanista aberto en Catalunya. O rei pediu "respecto ás leis", o que foi constestado polo republicano Oriol Junqueras solicitando á súa vez "respecto á democracia e á vontade dos cidadáns". O BNG criticou a "ambigüedade" coa que o monarca tratou este asunto e concluiu preguntándose "cal é a utilidade dunha institución caduca e fortemente cuestionada".

O rei pediu "respecto ás leis", o que foi constestado polo republicano Oriol Junqueras solicitando á súa vez "respecto á democracia e á vontade dos cidadáns".

En El Diario Juan Luis Sánchez afirma que "o rei fixo onte un exercicio de militancia na cultura política da Transición. E fixoo debuxando un mapa tramposo da realidade: dixo que en España se está "xerando un desapego cara ás institucións e cara á función política que a todos nos preocupa". Chamouno desapego e non o chamou crítica. Chamouno desapego e non o chamou desacordo. Chamouno desapego para que pensemos que cando un reclama un modelo diferente de artellar a democracia non está propoñendo, está 'despegándose'". E conclúe que "con esta mensaxe, o rei baleira de contido político toda a reivindicación social, á que nin nomea no seu discurso. Establece que non hai culpa no modelo político, que só hai crise".

Imaxe do discurso do rei © Casa Real

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.