Cambio climático e monte descoidado achegan Galicia aos "letais" incendios de sexta xeración

Bombeiros forestais a traballar na extinción dun incendio de Mondariz Dominio Público Brif Laza

Galicia e Portugal afrontan a "chegada da tipoloxía de incendios de sexta xeración". O país veciño sufriu xa episodios deste tipo en tan só catro meses de 2017, un "serio aviso" a "ter en conta" para unha área, o noroeste peninsular e atlántico, en claro risco e que está xa "entrando de cheo nunha dinámina propia de zonas de grandes incendios, entre a terceira e a cuarta xeración". 

O noroeste peninsular atlántico "afronta a chegada de incendios de sexta xeración" e está xa "na dinámica propia de zonas de grandes fogos"

Así de contundentes son as advertencias que se tiran do informe Cooperación Tranfronteiriza na prevención e extinción de incendios forestais no Eixo Atlántico, elaborado pola entidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Nel, recóllese a necesaria creación dunha Unidade Central Coordinadora das Emerxencias, con mando sobre todas as forzas que combaten os incendios, e a cooperación entre diferentes administracións e axentes a ambos lados da raia. 

Esta cooperación debería "desenvolver iniciativas que permitan enfrontar, nas mellores condicións, a ameaza constituída polos grandes fogos forestais, normalmente asociados a condicións meteorolóxicas extremas e de difícil control na emerxencia". Porque o informe incide nas advertencias xa expresadas por diferentes comisións de expertos e organismos, sobre todo tras a traxedia de xuño, nomeadamente en Pedrógão Grande, e de outubro do pasado ano en territorio galego e luso

As condicións climáticas, bioxeográficas, socioeconómicas e demográficas da eurorrexión, xunto ao cambio climático, fana propicia para a proliferación destes perigosos incendios

É un aviso do "tipo de incendio que vén" precisamente nesa área xeográfica que abrangue Galicia e a parte máis septentrional de Portugal, sobre todo a zona transfronteiriza. Este territorio comparte unhas "características bioxeográficas comúns", fortes "similitudes nas súas áreas rurais e respectivos sectores forestais" e unhas condicións climáticas que, unidas ao influxo do quecemento global, fano propicio para a proliferación destes agresivos e perigosos fogos. Engádeselle a isto a "fragmentación da propiedade" e os "cambios socioeconómicos e demográficos" que veñen xerando un proceso de abandono das actividades tradicionais e de despoboamento e a acumulación continua de combustible. A dispersión e a enorme proporción dese "tecido urbano discontinuo" fan aínda máis complexa a situación. 

Así, lembra o informe, foi esta área o primeiro lugar en Europa onde se evidenciou este tipo de incendio de sexta xeración. "É moi relevante que fose no atlántico peninsular húmido e non no mediterráneo seco", destaca o documento, que apunta "o papel da rápida acumulación de combustible fino, até supor elevadas cargas". Esa enorme carga é "propicidada polo abandono das actividades rurais, principalmente agricultura, gandería e xestión forestal", ao que se lle une o cambio climático, que "favorece con tempadas de risco máis longas e fenómenos de calor e seca máis prolongados unha maior e máis rápida acumulación" dese combustible. 

O abandono das actividades rurais e os efectos do cambio climático favorecen a acumulación de elevadas cargas de combustible

A situación é tal que Galicia, sobre todo o sur, está a asentar eses episodios de incendios de terceira e cuarta xeración. Son aqueles influídos por esta carga de combustible continua nos montes, con frontes máis intensas que xeran incendios convectivos, con ambiente de lume e focos secundarios masivos --de especial gravidade en áreas de poboamento disperso-- e nos que falla o ataque directo e a prevención con cortalumes. Ademais, o fogo propágase na interfaz urbano-forestal e a situación agrávase: "Xa non temos un problema de montes senón unha emerxencia de protección civil; as prioridades vense dominadas pola defensa e pérdese a iniciativa". 

"Esta situación tensiona moito a capacidade de resposta dos equipos de defensa contra incendios, que teñen que adoptar estratexias defensivas, coa consecuencia nefasta que implica deixar de atacar a fronte, unha circunstancia que foi relevante e crítica segundo as distintas análises dos incedios sufridos en 2017 tanto en Portugal como en Galicia", inciden os tres redactores do documento, tres enxeñeiros forestais e grandes expertos sobre o tema na Península: Juan Picos, coordinador e director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra; Marc Castellnou, inspector xefe de área forestal da Generalitat de Cataluña; e Antonio Salgueiro, coordinador técnico do Grupo de Análise e Uso do Fogo e do Grupo de Especialistas de Fogo Controlado da Autoridade Florestal Nacional portuguesa. 

"Nos incendios de outubro na fachada atlántica, púidose evolucionar a unha situación de incendios de quinta xeración en Galicia"

Se as consecuencias xa foron graves en Portugal con este tipo de incendios --máis dun cento de mortos e centos de milleiros de hectáreas ardidas-- e en Galicia naquela vaga de outubro --catro mortos e case 50.000 hectáreas arrasadas--, pode temerse aínda algo peor? A resposta é clara: si. "Hai que alertar que durante o episodio sufrido entre o 14 e o 16 de outubro pola fachada atlántica, desde Porugal até Cantabria, púidose ter evolucionado a unha situación complexa de incendios de quinta xeración en Galicia ou Asturias, tal e como o fixo en Portugal", advirten tras sinalar que en Pedrógão Grande xa se vivira en xuño "o primeiro incendio cualificable de sexta xeración en Europa, repietindo a situación en outubro". "é un serio aviso que non pode deixar de ter sido en conta: pasous e de non ter este tipo de fogos a ter dos dous maiores de Europa no mesmo ano e na mesma zona". 

De feito, a enorme nube de convección xerada polos graves focos do centro do territorio luso fixeron de barreira: crearon "uma sombra" no norte de Portugal que amainou e fixo rolar os ventos e "explica a não formação de maiores incêndios" en terreo galego, tal e como destacaba o informe de expertos impulsado pola Assembleia da República Portuguesa. 

Ademais, alértase dun "feito grave: cada vez necesitamos condicións menos adversas para teren estes grandes incendios". E repárase no feito de que o peor incendio da historia de Europa, o de xuño en Portugal, non se dá nin tan sequera en condicións de "risco extremo", senón nas de "moi elevado", o que "claramente confirma a teoría do combustible e que o cambio climático a está acelerando".

 Galicia, con invernos húmidos e mornos, é unha das zonas "onde o cambio climático suma máis enteiros na evolución do problema" dos incendios

Esas zonas, como Galicia, con invernos húmidos e mornos, son aquelas "onde o cambio climático está a sumar máis enteiros na evolución do problema" porque é aí "onde se acumula de xeito máis rápido e constante a carga de combustible a base de ecosistemas non afeitos a situacións de aridez extrema e longa como as vividas en primavera e verán de 2017". A dispersión poboacional, o abandono rural, a fragmentación da propiedade na terra, as neglixencias e a falta dunha política forestal e de prevención axeitadas fan a combinación perfecta.

Incendios 2012-2017 na Área Transfronteiriza © Elaboracion a partir de datos de EFFIS, MODIS, ICNF, Universidade de Vigo

14.000 hectáreas á hora

Os incendios de sexta xeración provocan o aumento "entre 6 e 12 veces da velocidade de propagación esperable"

A que ameaza nos enfrontamos con estes incendios de sexta xeración? Son aqueles que conseguen crear grandes cantidades de enerxía que é liberada de súpeto ao colapsar esa columna convectiva, ese movemento vertical que experimenta o aire con grandes temperaturas. Estes fogos conseguen, así, aceleracións puntuais que aumentan "entre 6 e 12 veces a velocidade de propagación esperable". Ao ocorrer isto en focos de tamaño considerable, o incremento da velocidade de propagación en todo unha fronte extensa xera progresións superiores ás 4.000 hectáreas por hora. Como exemplo, nos graves incendios de Chile en xaneiro de 2017 esta foi de 8.000 hectáreas á hora. Nos de Portugal de outubro de 2017, chegaron a manter as 14.000 hectáreas por hora. "Isto convérteos en incendios letais para a poboación, os servizos de defensa contra incendios, as infraestruturas e os intereses da sociedade en xeral", di o informe. 

Son incendios baseados na xeración dunha tormenta de lume, producida cando a columna convectiva que xeran evoluciona ao denominado Pirocúmulonimbo e xera ventos de máis de 100 km/h e erráticos que conducen as lapas. A intensidade e perigosidade é tal que, como lembra o informe, os refachos de vento provocados por esa tormenta de fogo en Portugal superaron por moito aos do paso máis intenso do furacán Ophelia

"Estes novos incendios son unha consecuencia directa da maneira como se foi 'desxestionando' a paisaxe e como se xestionou a emerxencia dos incendios forestais sobre ela"

O informe é claro cando asegura que este "novo tipo de incendio" supón tamén "un novo estándar para os grandes incendios en Europa e no eixo atlántico", o que implica non só "reformular a extinción ou a prevención", senón que "obriga a integrar unha política de incendios ollando a este tipo de incendios en concreto, que aínda que no conxunto de fogos anuais supoña unha proporción baixa, supoñen danos catastróficos, tanto para a paisaxe como para a economía dun país e a vida dos seus cidadáns". 

"Sen esquecer o decisivo influxo do cambio climático, estes fenómenos son unha consecuencia directa da maneira como se foi desxestionando a paisaxe e como se xestionou a emerxencia dos incendios forestais sobre ela", conclúen. 

Presentación do informe do Eixo Atlántico © Eixo Atlántico

Por iso, insisten en "readaptar a resposta e as políticas de xestión do problema", tanto no que ten que ver co monte como de protección da sociedade e como organización dos dispositivos. "Hai que evitar caer en explicacións sinxelas e solucións superficiais; o problema é suficientemente grave e está evolucionando rapidamente", din os expertos, polo que "non é posible seguir mantendo unha mera resposta reactiva ao lume separada da planificacion da resposta, a xestión e a planificación da paisaxe ou a comunicación e educación social". 

"Hai que evitar caer en explicacións sinxelas e solucións superficiais; o problema é grave dabondo e está evolucionando rapidamente"

O informe do Eixo Atlántico aposta, ademais de por varias recomendacións sobre a cooperación transfronteiriza, por "complementar as respostas de emerxencia cunha ollada a longo prazo". "Non se deben aplicar só solucións superficiais, senón cambios nas solucións de fondo", engaden, para recomendar a continuación diferentes propostas.

Así, apostan por achegar "decisións tecnificadas e baseadas no mellor coñecemento dispoñible" no que ten que ver coa xestión do monte e indo máis aló das "faixas e tratamentos zonais", así como elaborar tanto plans de emerxencias como de "redución potencial enerxética" nas zonas habitadas. Ademais, recoméndase a "habilitación en emerxencias a nivel horizonal de coñecemento e experiencia en todo o eixo atlántico". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.