Camerún e Hong Kong, á cabeza das clasificacións coas que a Xunta defende o funcionamento da sanidade galega

O portavoz de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, e o conselleiro Jesús Vázquez Almuiña CC-BY-SA Praza Pública

O PSdeG denuncia que os informes nos que se ampara o conselleiro para gabar o Sergas non valoran a calidade da atención senón a eficiencia do gasto

“Vou seguir lendo informes que din como está o sistema sanitario público español e por ende o de Galicia: o Banco Interamericano de Desenvolvemento, estudando 69 países, di que España está no quinto posto a nivel mundial e primeiro entre os europeos”. Quen así se pronunciaba no Parlamento galego o pasado 21 de novembro, defendéndose de diversas críticas da oposición ás eivas da sanidade galega, era o conselleiro do ramo, Jesús Vázquez Almuiña. Agora o portavoz sanitario do PSdeG, Julio Torrado, ven de poñer en evidencia cal é o país que lidera ese estudo no que España aparece en quinta posición empregado polo conselleiro para homologar a sanidade galega: Camerún. O estudo, denuncia Torrado, “mide a eficiencia entre gasto e rendemento do gasto”.

Efectivamente, o estudo publicado recentemente polo Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID), co título Mellor gasto para mellores vidas. Como América Latina e o Caribe pode facer máis con menos, do que se fixeron eco numerosos medios de comunicación, analiza os sistemas sanitarios de varios países en función de diversos parámetros e, de acordo coa súa eficiencia, considera que os dez primeiros, por orde, son: Camerún, Japón, Corea, Vietnam, España, Israel, Italia, Chile, Francia e Grecia. 

Manifestación pola sanidade pública en Vigo CC-BY-SA CIG

Julio Torrado critica que a Xunta empregue "informes realizados por bancos e con criterios meramente economicistas"

Naquel Pleno do Parlamento, o conselleiro Almuiña tamén se referiu, como xa fixera en ocasións anteriores, a outro estudo sobre os sistemas sanitarios elaborado pola empresa de información financeira Bloomberg no que España figura en terceiro lugar. Igualmente, ese estudo analiza a eficiencia dos sistemas sanitarios, e está encabezado por Hong Kong e Singapur. 

O socialista Torrado critica que a Xunta utilice como referencia para comparar os sistemas sanitarios español en xeral e galego en particular cos doutros estados “informes realizados por bancos e con criterios meramente economicistas”. O deputado salienta que no caso de Hong Kong e Singapur “dous de cada tres centros son privados e o 90% da atención sanitaria é privada”. Igualmente, critica o uso reiterado da “eficiencia” como criterio para medir o funcionamento da sanidade xa que limítase a “unha valoración utilitarista do sistema”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.