Marcha un dos edís máis valorados do Concello coruñés. O candidato do BNG á alcaldía da Coruña, Xosé Manuel Carril, non tomará posesión como concelleiro na constitución da nova corporación municipal, o vindeiro día 13. Os resultados das pasadas eleccións do 24-M, nas que o Bloque perdeu tres edís e uns 7.000 votos, son a orixe da decisión de Carril, que será substituído como voceiro municipal da formación por Avia Veira, número catro da candidatura.
A asemblea aberta celebrada este xoves polo BNG para avaliar os resultados das municipais foi o marco elixido por Carril para comunicar unha determinación que non foi froito dunha petición da militancia ou do resto da dirección da organización. Ben ao contrario, o propio Bloque subliña que "as compañeiras e compañeiros presentes na asemblea expresaron de maneira unánime que non comparten, en absoluto, a decisión de Carril", toda vez que cren "excelente" o "traballo do grupo municipal durante estes catro anos".
Non obstante, o candiato coida que "por ética, por coherencia e por responsabilidade" debe abandonar o posto que exerceu dende a primavera de 2010, cando foi elixido candidato por primeira vez. Agora Carril declárase "animado e ilusionado" para "seguir traballando" no proxecto do Bloque, "que acredita que é necesario para este país". Farao "na rúa e nas distintas loitas sociais" e "coa mesma coherencia, sinceridade e intensidade" que como cabeza visible do BNG local, cuxa representación lle corresponderá a Veira dende o día 13 segundo a decisión "unánime" da asemblea.
Carril, cuxa dimisión non foi "compartida" pola asemblea, manifesta que seguirá a traballar a prol do Bloque, "na rúa e nas distintas loitas sociais"
A saída de Xosé Manuel Carril é a primeira na Coruña tras o 24-M pero, previsiblemente, non será a derradeira. Así, a voceira socialista, Mar Barcón, xa indicou que tomará posesión como concelleira o día 13 tras o aval da asemblea do partido, pero non desbota dar o relevo tras as eleccións xerais. Tamén é unha incógnita, asemade, cal será o futuro político do actual alcalde en funcións, Carlos Negreira, unha vez que bote a andar o novo goberno da Marea Atlántica, dado que todo apunta que o proceso de congresos provinciais do PP implicaría un recambio á fronte do liderado provincial do partido, que actualmente ostenta.