Catro claves para entender por que o Centro Gallego de Bos Aires elixe entre venda e desaparición

Fachada principal do Centro Gallego de Bos Aires © Google

Os socios do histórico Centro Gallego de Bos Aires (CGBA) afrontan este xoves --ás 18 horas de alá, ás 23 de aquí-- outra asemblea determinante. Decidirán de novo se reactivan as negociacións de venda da súa sede e da xestión sanitaria ao grupo Ribera Salud e á Fundación Favaloro e se aproban as contas dos últimos seis exercicios, cuestión fundamental para activar a operación. 

Os socios do Centro Gallego deciden hoxe se reactivan a venda da sede e da xestión sanitaria a Ribera Salud

Logo da ruptura das conversas tras a asemblea do pasado mes de decembro, a histórica institución da diáspora galega afronta unha triste disxuntiva: a de elixir entre a venda do seu centenario edificio, a perda do hospital e a salvación do seu enorme patrimonio cultural ou a liquidación total, que suporía a desaparición do CGBA e poría en risco todo o legado histórico. . 

A grave crise que sofre e se aumenta nas últimas décadas fai case inviable calquera outra solución. Acumula unha débeda de máis de 70 millóns de euros, falta de asistencia médica, impagos ao persoal e centos de xuízos no ámbito laboral. E conta, logo de superar os 100.000 nas mellores épocas, con algo menos de 5.000 socios que buscan a maneira de asegurar a súa atención sanitaria, especialmente a de aqueles con enfermidades crónicas ou graves que non son acollidos en mutualidade ningunha na Arxentina. Pero arredor do Centro Gallego hai moitas claves, algunhas importantes e que veñen de mudar o contexto sobre o que paira o conflito. 

Ospaña, a obra social que ía salvar o CGBA

Hai tan só uns días, o Goberno arxentino ditaminou que o CGBA volva conducir a Obra Social dos Inmigrantes Españois e os seus Descendentes Residentes na República Arxentina (Ospaña). Así, deixa sen efecto a resolución de 2015, que desvinculaba o Centro Gallego da entidade creada por impulso da Xunta que daquela presidía Pérez Touriño, precisamente para manter a asistencia sanitaria que prestaba a entidade galega.

O Goberno arxentino ditamina que o Centro Gallego volva conducir a obra social impulsada pola Xunta e da que fora expulsado irregularmente

Con este ditame do Ministerio de Salud arxentino, o Centro Gallego deberá designar de novo os seus representantes nos órganos de dirección e fiscalización de Ospaña, que foran substituídos pola denominada Mutual de Inmigrantes Españoles y sus Descendientes en la República Argentina a petición do Goberno de España e da Xunta de Galicia. O secretario xeral de Emigración do Executivo galego, Antonio Rodríguez Miranda, fora un dos que avogara por aquel cambio de principios de 2014 que ía moito máis aló. 

O Goberno de España e a Xunta presionan para apartar o CGBA

Coa modificación normativa, agora anulada, a mutualidade creada ad hoc por Ospaña non só substituía o CGBA, senón que tanto o Goberno central como a Xunta delegaban nela a súa representación. Agora, os socios do Centro ven recuperados os seus dereitos polo que a titularidade desta obra social divídese en tres terzos: o Executivo español, o galego e a propia entidade dos emigrantes. É aí onde os asociados ven unha posibilidade de rescate da institución que mesmo insinuou o diario Clarín o pasado martes, coincidindo coa visita do presidente Mariano Rajoy a Bos Aires. A nova xa non pode ser consultada na súa web, pero si aínda na caché

Os rumores apuntan a posibilidade de que o Goberno de España compre a sede do Centro Gallego, unha posibilidade remota para os socios

Segundo as súas informacións, o Ministerio de Asuntos Exteriores estaría avaliando a compra do emblemático edificio do Centro Gallego a través da Axencia de Cooperación Internacional para que a xestión sanitaria, a través de Ospaña e do propio hospital do CGBA, continuase cos servizos de saúde na busca "dunha solución definitiva á crise destas dúas institucións". 

Multitudes ante o Centro Gallego de Bos Aires, nunha imaxe de arquivo / © CGBA

Fontes de socios coñecedores das últimas operacións no CGBA non cren que se chegue ao que suporía "un enorme desembolso" para o Estado español, "que nunca amosou preocupación ningunha polo Centro nin pola atención médica, senón por manter a obra social Ospaña, que supón un enorme negocio para moitos". De feito, ven na información de Clarín un desquite do Goberno de Arxentina co de España pola actitude de desleixo das súas autoridades ante a situación da entidade galega. 

Na presentación de Ospaña hai máis dunha década --que supuxo un cambio normativo sen precedentes na Arxentina ao permitir a unha entidade privada e á marxe dos sindicatos laborais crear unha obra social--, o seu presidente, José Luis Seoane, presumía do "apoio internacional" grazas ao cal o Centro Gallego, que sería o principal prestador de servizos sanitarios, sumaría unha importante cantidade de usuarios "que accederán a unha prestación sanitaria de excelencia" e que suporían a salvación para a entidade da diáspora. Máis de dez anos despois o centro sanitario sofre un importante desmantelamento, a asistencia sanitaria é mínima e a crise económica provoca a marcha continua de traballadores e a ameaza de liquidación. 

De candidato a presidir o Centro Gallego a presidir a obra social

O primeiro e aínda presidente de Ospaña, José Luis Seoane, foi un dos candidatos que se presentou ás eleccións que, logo de vinte anos sen comicios, se realizaron á presidencia do CGBA a finais de 2010. Era o candidato apoiado explicitamente pola Xunta e polo seu presidente, Núñez Feijóo, entre as queixas de moitos socios. Pero perdeu fronte a Carlos Vello. Meses despois, disólvese a Fundación Galicia Saúde --creada en 2003 polo Goberno galego para xestionar xunto ao Centro a área sanitaria-- e Ospaña abandona a entidade para converterse nunha obra social máis das moitas que hai en Arxentina, funcionando aínda con notable éxito e con moitos socios que mudaron os seus pagos. En 2012, e ante as dificultades económicas, a Administración arxentina intervén a institución da diáspora, situación na que aínda permanece pola súa grave crise.  

O actual presidente de Ospaña foi o candidato á presidencia do Centro Gallego apoiado pola Xunta e por Feijóo en 2010

O devalo comezara moito antes. Nos anos 70, a aprobación da Lei de Obra Social na Arxentina universaliza a cobertura social e médica para todos os asalariados, o que provoca que accedan ás medicinas e á atención sanitaria sen necesidade de asociarse a mutualidades como a do CGBA, senón obrigatoriamente ás vinculadas ás súas empresas. Ao tempo, a emigración galega a Latinoamérica é xa anecdótica e os socios antigos, aqueles que chegaron moito antes, son maiores e teñen maís problemas de saúde. Con menos afiliados, unha media de idade máis alta e o lóxico encarecemento dos tratamentos, o futuro comeza a escurecer. Dos 120.000 socios dos anos 50 aos 70, aos menos de 5.000 de agora. 

A asemblea deste xoves supón, para a maioría dos socios, a posibilidade dun mal menor que evite a liquidación: a venda do edificio e a confianza en que Ribera Salud achegue, como promete, un espazo para o Centro Gallego, que podería, como mutualidade, xestionar o patrimonio cultural, a biblioteca ou a pinacoteca... E poder seguir contando na xestión de Ospaña. A alternativa, agás que interveñan as administracións galega, española ou arxentina, é a liquidación

O escándalo do grupo Recoletas

Sexa como for, a venda do edificio do Centro Gallego e da súa xestión sanitaria non é o primeiro intento de arranxar a súa situación a través de grupos sanitarios privados. Outros foron aínda máis polémicos. Tras a chegada de Feijóo a San Caetano, en 2009, a polémica estoupa cando o Goberno galego presenta unha proposta de nova xestión para facer fronte ao importante déficit. Foi un intento por privatizar totalmente o CGBA e unha actitude por parte dos cargos públicos, en especial do daquela secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, que os emigrantes cualificaron de "mafiosa e chantaxista".

A Xunta, tras a volta ao poder do PP en 2009, intenta ceder a xestión do CGBA ao grupo Recoletas a través dunha subvención de 28 millóns de euros

A proposta supoñía que o grupo privado 3A Recoletas xestionase durante cando menos 13 anos o histórico centro da emigración coa axuda dunha importante subvención da Xunta de 3,1 millóns de euros anuais e para colaborar en paliar a difícil situación económica. A empresa limitaríase a achegar 8 millóns de euros a razón de 615.000 euros ao ano, mentres a emigración deixaba de xestionar o seu histórico hospital e a Administración galega de dirixir o proceso. Xa que logo, o Goberno galego poría case 28 millóns de euros fronte aos 8 da firma privada. A oposición dos socios paralizou aquela operación.

Xa en 2011 liquídase a Fundación Galicia Saúde que, no entanto, exerce como impulsora da reforma estatutaria que afectou á obra social Ospaña moitos meses despois e mesmo ratifica os membros que formarían parte do seu goberno. A situación no CGBA agrávase ata que chega a intervención, que non só non arranxou nada senón que viu como durante o seu período á fronte se incrementaban as débedas e os problemas. A solución, cada vez máis preto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.