Cento dous deputados tomaron posesión no Hórreo dende o inicio da lexislatura

Pleno solemne do Parlamento © Parlamento de Galicia

Cento dous deputados para setenta e cinco escanos. Cando están a piques de cumprirse tres anos dende as últimas eleccións ao Parlamento de Galicia a Cámara galega xa bateu todos os seus récords no que a mudanzas de deputados se refire. No inicio do que podería ser o derradeiro período de sesións do mandato, un total de vinte e sete parlamentarios deixaron o seu escano por motivos diversos, o que supón que máis dun terzo das súas señorías non fosen elixidas directamente nas urnas, senón que a súa presenza no Pazo do Hórreo sexa produto de decisións persoais ou, as máis das veces, de movementos internos de partido.

Dous deputados do PP non chegaron a recoller a súa acta parlamentaria

A primeira gran mudanza chegaba pouco despois da constitución do Parlamento da VIII Lexislatura galega, á que xa non chegaron dous candidatos ás eleccións, ambos do PPdeG: o ourensán Luis Carrera Pásaro foi retirado por Alberto Núñez Feijóo ao transcender o suposto paso de parte do seu patrimonio por un paraíso fiscal e a viguesa Corina Porro desbotou recoller a súa acta, á espera dun destino político que a levaría á presidencia do Porto de Vigo, primeiro, e á candidatura á alcaldía da mesma cidade, despois. Unha vez constituída formalmente a Cámara, Feijóo aplicou o criterio segundo o cal ningún membro do seu Goberno podía selo ao mesmo tempo do lexislativo e catro deputados cambiaron o escano por unha consellería: Alfonso Rueda, Beatriz Mato, Agustín Hernández e Rosa Quintana.

A primeira remuda parlamentaria culminouse coa conformación da segunda liña de mando do Executivo galego. O coruñés Diego Calvo -actual presidente da Deputación nesa provincia- abandonou O Hórreo para ser delegado territorial da Xunta e a luguesa Raquel Arias fixo o propio para ocupar o mesmo posto en Lugo. Ademais, José Manuel Álvarez-Campana foi chamado para dirixir Portos de Galicia e Susana López Abella, que en todas as quinielas figuraba como posible conselleira de Benestar, recibiu o encargo de ser secretaria xeral de Familia.

Tras estes dez primeiros recambios populares, a finais de 2009 chegaba o primeiro da banda do PSdeG, cando a deputada Laura Seara foi nomeada directora do Instituto de la Mujer, daquela dependente do despois extinto Ministerio de Igualdade. Pouco despois, en marzo de 2010, o ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño decidía concretar a súa marcha da primeira liña política e convertíase no duodécimo troco parlamentario.

A 'desbandada' das municipais

O segundo ano do período lexislativo transcorreu sen máis cambios e a situación continuou así ata a primavera de 2011. Nese momento, os resultados das eleccións municipais e o feito de que o PP situase a un importante número de deputados como candidatos a diferentes alcaldías provocou a segunda marea de cambios. Tras o veredito das urnas do 22 de maio cinco parlamentarios conservadores tomaron os bastóns de mando nos seus respectivos concellos, a comezar polo voceiro do grupo, Manuel Ruiz Rivas, que logrou acceder ao seu ansiado asento presidencial da corporación de Ribeira. O mesmo movemento foi realizado por Carlos Negreira, da Coruña, José López Campos, da Estrada, José Antonio García, de Sarria e José Fervenza, de Moaña. Ademais, Rosendo Fernández, que non logrou a alcaldía de Ourense, tamén se incorporou á política local como vicepresidente da Deputación ourensá.

Os cambios no PSdeG tras o 22M foron produto da doutrina "unha persoa, un cargo"

Fronte á avultada nómina de marchas nas bancadas populares, na oposición estas foron escasas e consecuencia directa da doutrina aplicada polo secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, resumida no principio "unha persoa, un cargo", o cal fixo que Mar Barcón elixise ser xefa da oposición na Coruña e José Tomé deixar de ser deputado para ser edil en Monforte. Nesa altura, finais da primavera de 2011, un novo movemento interno no PP deu lugar á última consecuencia das municipais no Parlamento: tras non lograr a maioría absoluta nas urnas, Corina Porro abandonou definitivamente a presidencia do Porto vigués para presidir o Consello Económico e Social e o deputado Ignacio López Chaves fíxose cargo da Autoridade Portuaria de Vigo.

Xuízos e eleccións xerais

Tras todos estes movementos de banco, o Parlamento chegou ao verán de 2011 con vinte e unha caras novas ás que se sumou o substituto do nacionalista e ex vicepresidente da Xunta Anxo Quintana que, como antes fixera Touriño, decidiu deixar a política activa. Nese momento semellaba que remataran os trocos parlamentarios máis ou menos previsibles, pero dous procesos xudiciais provocaron que se alterase de novo a composición do hemiciclo. A suposta relación de Pablo Cobián, do PP, e de Fernando Blanco, do BNG, coa Operación Campeón deu lugar ás súas respectivas dimisións. O mesmo aconteceu co conservador Javier Escribano, presuntamente vinculado á Operación Arena por, segundo informacións do diario El País, ter recibido un suborno dun empresario en forma dun vehículo de alta gama.

Foi neste punto no que foi posible afirmar que vinte e cinco deputados ou o que é o mesmo, un terzo do Parlamento, non fora directamente elixido nas urnas. Foron vinte e cinco cambios aos que aínda se lle engadiron dous: o socialista Ricardo Varela cambiou o Parlamento de Galicia polo Senado e, por último, Manuel Baltar, vicepresidente da Cámara, culminou a sucesión do seu pai deixando o lexislativo para ocuparse da presidencia da Deputación de Ourense.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.