Ciudadanos, dez anos de diatribas contra a "galleguización" de Galicia

Rivera, dando un mitin en Vigo durante a campaña das eleccións galegas de 2016 © Ciudadanos

Hai agora dez anos en Galicia comezaba o segundo curso escolar desde a entrada en vigor de o decreto 124/2007 de promoción do galego no sistema educativo, que desenvolvía de xeitp practicamente literal o estipulado para o ensino no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004, aínda con Manuel Fraga na presidencia da Xunta. Nun clima político xeral marcado pola segunda vitoria electoral do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero e a aplicación do novo Estatut de Catalunya, en parte da prensa galega comezaron a xurdir titulares sobre unha asociación chamada Galicia Bilingüe, que prometía "dar mucha guerra" contra unha suposta falta de "liberdade" e o PPdeG virou a súa postura. O decreto, proclamaba, era a vía para "impoñer" o galego.

Este é o marco no que fixo a súa aparición en Galicia a que daquela era unha forza política practicamente inédita fóra de Catalunya: Ciudadanos. Fíxoo na primavera de 2008 para mostrar o seu "total apoio" a Galicia Bilingüe fronte á "ameaza do nacionalismo excluínte contra a liberdade" e contra o que denominaron "galleguización". Pouco despois, en setembro do mesmo ano,  a "Federación Norte" do partido volveu pronunciarse en Galicia para "aplaudir" un informe no que o lobby empresarial Club Financeiro de Vigo defendía a tese dunha suposta marcha de empresas de Galicia e outros problemas económicos motivados pola "falta de liberdade" lingüística. O informe, presentado apenas dúas semanas despois da caída de Lehman Brothers, era para Ciudadanos mostra de que o galego tornara nunha "fronteira que dificulta actividades financeiras, económicas e comerciais".

Manifestación preelectoral 

Albert Rivera sumárase á manifestación contra a política lingüística da Xunta en 2008 xunto a múltiples dirixentes do PPdeG, cuxa vitoria en 2009 fora aplaudida por Ciudadanos 

Con este pano de fondo chegou a carreira cara ás eleccións galegas de 2009, nas que a guerra lingüística era unha das bandeiras do PP. O 8 de febreiro, ás portas da campaña electoral, Galicia Bilingüe convocou unha manifestación en Santiago contra a política lingüística da Xunta e Ciudadanos apresurouse para sumarse: "Este é un problema nacional", afirmara nun comunicado no que aseguraba ademais que en Galicia "empresarios e comerciantes" xa non eran "libres usar a lingua que prefiran nos seus negocios".

Comunicados de Ciudadanos sobre o galego en 2008 e 2009 CC-BY-SA Praza Pública

Os grandes protagonistas daquela marcha foran algúns dos principais dirixentes do PP galego, como Alfonso Rueda, Carlos Negreira, Corina Porro ou Ana Pastor. Feijóo, de viaxe en Sudamérica, puido evitar acudir. Xunto a eles manifestouse a daquela líder de UPyD, Rosa Díez, pero tamén o presidente de Ciudadanos, Albert Rivera. Aquelas eleccións deron a maioría absoluta ao PP de Alberto Núñez Feijóo e Ciudadanos emitiu un novo comunicado: "A chegada do PP á Xunta supuxo un avance relativo na defensa dos dereitos tan atacados por socialistas e nacionalistas", consideraron.

Guerra lingüística municipal, 'Xogo de tronos', Toni Cantó

Desde 2009  celebráronse dúas eleccións galegas máis. Nas de 2012 Ciudadanos non presentou candidaturas e en 2016 si o fixo, pero ficando en apenas 48.500 votos, un 3,38% do total que deixou o partido laranxa sen representación parlamentaria. O seu referente neses comicios foi Cristina Losada,  xornalista colaboradora habitual de medios conservadores que nos anos álxidos de Galicia Bilingüe se mostrara abertamente favorable ás súas teses. Durante a campaña Losada mostrou serias dificultades para expresarse en público falando galego.

Nas municipais C's logrou 16 edís en Galicia, algúns dos cales se lanzaron tamén á guerra lingüística

Antes dos comicios autonómicos Ciudadanos si lograra en 2015 representación en varios concellos con algo máis de 28.000 votos. Algúns dos 16 concelleiros obtidos lanzáronse tamén á guerra lingüística, mentres que outros ignoran o asunto. Foi o caso de Ferrol, onde a súa única concelleira se estreara na política local pedindo a derrogación da normativa municipal en materia de uso do galego, vixente desde finais dos anos 90 do século pasado.

Mitin de Ciudadanos na Coruña na campaña das xerais de 2015 © Ciudadanos

Pouco despois, en decembro dese mesmo ano, os de Rivera lograron un deputado pola Coruña tras unha campaña na que os seus candidatos chegaran a fuxir dos xornalistas para non ter que responder preguntas sobre as súas propostas concretas para Galicia. Unha de esas elas chegou nun mitin na Coruña, onde o partido laranxa suxeriu que Galicia sería un bo escenario para a serie Xogo de Tronos. A iniciativa propúxoa Marta Rivera de la Cruz, escritora nada en Lugo, candidata de C's ao Congreso por Madrid e actual deputada. Rivera de la Cruz, como Losada, protagonizara varias polémicas na década anterior porque, desde o seu punto de vista, fora marxinada en Galicia por mor de non escribir nin expresarse habitualmente en galego.

Toni Cantó puxo voz á última batalla idiomática de C's para reclamar que o funcionariado non teña que coñecer galego, euskera ou catalán para traballar onde se falan estes idiomas 

Rivera de la Cruz, precisamente, descendeu outra vez á area lingüística nas últimas semanas. Fíxoo para defender ao tamén deputado de C's Toni Cantó, encargado de defender no Congreso unha proposta para impedir que o funcionariado deba coñecer galego, euskera ou catalán para traballar nas comunidades onde son falados estes idiomas, que non saíu aprobada malia ao apoio do grupo do PP. As teses de Cantó sobre unha suposta "desaparición" do castelán en determinados ámbitos da Administración e a vida pública galega suscitaron, a partes iguais, hilaridade e indignación entre políticos, colectivos de defensa do galego como A Mesa e usuarios de redes sociais.

No marco desta polémica Cantó xustificou a súa postura cun artigo publicado polo xornal La Voz de Galicia ante o que regresou a controversia, pero tamén as mofas a través das redes. Neste contexto Rivera de la Cruz utilizou a súa colaboración habitual con outro diario, o lucense El Progreso, para adherirse ás teses do seu compañeiro. "Toni Cantó tiene razón", afirmou para defender ao deputado fronte ao "ejército de odiadores" ao que alcuma como "talibanciños". O problema, considera, é a "imposición lingüística", pero tamén os "complexos" do PP galego. Segundo os datos oficiais máis recentes, o uso do galego está en obvio retroceso, especialmente entre as xeracións máis mozas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.