"Ciudadanos entrou nunha deriva: busca candidatos mediáticos ou ponos a dedo"

Antonio Rodríguez, á esquerda, no Congreso © Ciudadanos-Ames

Antonio Rodríguez foi o único deputado por Galicia de Ciudadanos na curta lexislatura xurdida do 20-D. Malia a ausencia declarada de propostas propias para Galicia -que el mesmo e Albert Rivera ratificaron na campaña- e a súa escasa visibilidade mediática, máis de 66.000 persoas e o 10% dos votos na provincia deron o apoio á formación en decembro. Este avogado de Ames sentou na Cámara Baixa coa promesa, segundo di, de que repetiría como número un da lista pola Coruña. En plena precampaña para o 26-X, a dirección estatal substituíuno polo ex aspirante de UPyD á Xunta, José Canedo. E outra crise estoupou no partido laranxa entre acusacións de ameazas ou chantaxe e de "falta de respecto á democracia e ao proceso de primarias". As directivas da Coruña e de Ames quedaron descabezadas tras a dimisión de oito membros mentres o ex parlamentario decidiu ir máis aló: abandona a militancia e a política. 

Por que decidiu abandonar o seu cargo en Ciudadanos?

Tivemos unha reunión da xunta directiva xunto a corenta afiliados de Ames. Fixemos balance do ocorrido e a directiva acordou dimitir ante a falta de respecto á democracia interna e ao proceso de primarias. Non había ningún dato obxectivo que xustificase o cambio de candidato, cremos que o partido se equivocou e así llo fixemos ver. Por todo isto, decidimos deixar os nosos cargos. 

"A xente que dirixe Ciudadanos agora non está á altura das circunstancias; son eles os que non cumpren coas expectativas"

Abandona tamén a militancia en Ciudadanos?

Eu, desde logo, deixarei o partido, sen dúbida ningunha. A xente que dirixe Ciudadanos agora non está á altura das circunstancias. Son eles os que non cumpren coas expectativas nin cos principios que atraeron tantos militantes. Saltáronse todo o que defendían e non están a ser coherentes. Non vou participar nalgo no que non crea. 

Daquela, deixa a política?

Polo momento, está claro que a deixo, si. Non podo participar nun proxecto no que non estou cómodo e isto foi o que analizamos conxuntamente na xunta directiva de Ames. Non estamos de acordo en que se pase por riba das primarias e do que foi elixido pola militancia... Ao final, o que pretende a directiva estatal é que nas listas vaia como número un alguén que non foi elixido. Ciudadanos preséntase ante a cidadanía presumindo de participación e democracia interna para que logo alguén se coe pola porta de atrás. A xente non apoia esta decisión e o malestar non é só cousa miña, senón de moitos afiliados que traballaron moito para conseguir representación no Congreso e que agora non se ven representados. O actual número un pola Coruña non se presentou a lista nin proceso interno ningún. 

"Ciudadanos preséntase ante a cidadanía presumindo de participación e democracia interna para que logo alguén se coe pola porta de atrás"

Ciudadanos xustifícao nos estatutos e no apoio do consello xeral estatal.

Temos que ser coherentes co que propugnamos; non podemos admitir que se incumpra o que desde o partido sempre defendemos. Ademais, faltouse á dignidade das persoas con acusacións e ataques individuais e iso non é forma nin comportamento ético ningún. Nada disto se pode xustificar por uns estatutos. 

Marcha decepcionado coa política? Co partido?

Da política agradezo a moita xente que participou no proxecto e foi honesta e coherente co que sempre propugnamos. Saben que ía moito máis alá dunha persoa e comprobaron que se cometeu un atropelo que non se podía admitir. Apoiáronme porque detrás estaba o traballo de moitas persoas. Eu non cheguei ao Congreso por min só, senón polo labor de moita xente. Se a lexislatura tivera continuado e se tivese chegado a un acordo para formar goberno, esta problemática non saltaría, eu continuaría no Congreso e seguiría sendo útil como o fun até o de agora. Pero hai quen quere aproveitar as circunstancias... E resulta que agora xa non son válido. Habería que ver quen está a mentir aquí. 

"Se houbese acordo de goberno, esta problemática non saltaría, eu continuaría no Congreso e seguiría sendo útil"

O voceiro de Ciudadanos en Galicia, Sánchez-Agustino, di que vostede foi o único candidato ás primarias pola Coruña porque un erro informático impediu que se presentase máis xente...

Nunca oíra nada diso. Parece que agora queren ensuciar as cousas. Non teño nada que comentar, pero parece ser que foi un erro informático selectivo que só afectou a uns candidatos cando houbo entre catro e cinco días para presentar as candidaturas. Estase intentando xustificar o inxustificable. Agora resulta que o elixido fun eu porque houbo un erro técnico. Non ten nin pés nin cabeza; igual o que intentan é agocar outras historias. 

Cal cre que son os erros de Ciudadanos en Galicia?

O problema de Ciudadanos é sobre todo organizativo. Basicamente, estase a cometer o erro que criticamos noutros partidos ao intentar colocar xente a dedo, argumentando que son os mellores cando non conseguiron acta de concelleiro nin lograron entrar no Parlamento galego. Parece que os novos teñen máis valía malia non conseguir os seus obxectivos previos, cando hai quen non tiña esa valía pero si os conseguiu... Algo bo farían. Ao final, o partido está a entrar nunha deriva: a de buscar candidatos mediáticos ou postos a dedo. Estase a trabucar totalmente. 

"A crise que agromou afectará a Ciudadanos en Galicia porque se pon en evidencia que non son coherentes"

É a campaña de Ciudadanos demasiado personalista? Pesa demasiado a figura de Albert Rivera?

En principio era normal que se fixese así porque o partido buscaba unha expansión a nivel estatal. Loxicamente, Albert Rivera era unha arma potente na que se baseou a campaña. Agora pretenden potenciar e buscar outras persoas que teñan tamén visibilidade, pero non sei se o conseguirán. Crises internas como as que está a sufrir en Galicia están a danar a imaxe de Ciudadanos. 

Cre que estas polémicas afectarán aos resultados da formación en Galicia?

Si. Creo que a crise que agromou en Galicia vaille pasar factura porque estase a poñer en evidencia que non hai coherencia no partido. 

Deixa o seu cargo, deixa o partido... Votará a Ciudadanos nas vindeiras eleccións xerais?

O voto é segredo e a decisión resérvoa para min, pero aínda teño que reflexionar bastante. Non sei a quen lle trasladarei a miña confianza. 

Antonio Rodríguez © Ciudadanos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.