Compromiso "confía" en celebrar o 25 de xullo co NPC

Consello Nacional de CxG CC-BY-SA CxG

Dende que, a pasada primavera, comezaron os movementos en diferentes ámbitos do país de cara ao artellamento de novas forzas políticas unha das preguntas que estivo a pairar sobre o proceso foi o xeito en que este se materializaría nunha das datas máis significativas para o nacionalismo: o 25 de xullo. A medida que se achega o día estes colectivos comezan a mover peza e este xoves Compromiso por Galicia concretou as súas intencións. Celebrarán unha "xornada lúdica e política" no parque de Bonaval de Compostela que apostan en converter non só nunha expresión da "fortaleza" que, din, vai adquirindo a súa propia organización, xurdida da unión de Máis Galiza, Acción Galega e Espazo Ecosocialista, senón tamén da posibilidade de "sumar" forzas de cara a confluencias políticas posteriores, nomeadamente co Novo Proxecto Común (NPC).

"As portas están abertas para que o NPC se sume a coorganizalo, así o desexa a xente e así o desexamos nós", di Bascuas

Coa vista posta na asemblea constituínte que o NPC celebrará esta fin de semana, o secretario xeral de Máis Galiza, Xoán Bascuas -quen vén asumindo o liderado público de CxG- sinala que a "aspiración" do colectivo é "reunir ao conxunto do nacionalismo e do galeguismo" nestes actos e, nomeadamente, "as portas están e seguirán a estar abertas para que o Novo Proxecto Común se sume a coorganizalo, porque así o desexa a xente e así o desexamos nós", di. Xunto a este convite público, fontes de CxG consultadas por este diario sinalan que, ademais de "convidar", "confían" en que esa confluencia se produza para poder realizar conxuntamente esa celebración e, ademais, que esa unión constitúa un "paso" para poder confluír tamén noutros ámbitos.

Neste sentido, as mesmas fontes confirman que a única parte do programa de actos que non foi feita pública é, precisamente, a correspondente ás intervencións políticas, xa que a súa vontade é que estas sexan compartidas por representantes de CxG e do NPC. Así, en rolda de prensa Bascuas aseguraba que "estamos chamados a ofertarlle conxuntamente moitas cousas á cidadanía galega". Mentres, no seo de CxG agárdase ás decisións que poida adoptar a asemblea do Novo Proxecto para clarificar un panorama no que, din, Compromiso xa conta cunha "estrutura partidaria forte, con implantación territorial en practicamente en todo o país".

Outros actos da xornada

Vázquez e Jorquera compartirán protagonismo no acto do BNG na Quintana

Os actos de Bonaval desenvolveranse case simultaneamente ao acto central da campaña organizada polo BNG que, como vén sendo tradicional, consistirá nunha manifestación que culminará con intervencións políticas na Praza da Quintana. Como informou Praza, desta volta o protagonismo será compartido polo portavoz nacional da formación frontista, Guillerme Vázquez, e polo candidato dos nacionalistas á Xunta, Francisco Jorquera, no que será o último Día da Patria antes das eleccións.

Mentres, formacións como Nós-Unidade Popular celebrarán tamén a súas respectivas mobilizacións, neste caso baixo o lema Nem Espanha, nem Unióm Europeia, nem FMI. Pola súa banda, Causa Galiza ten realizado un chamamento a celebrar un "Día da Patria unitario" que, finalmente, non frutificou. Non obastante, esta plataforma participará na asemblea do NPC, se ben aínda non fixo público se secundará os actos deste colectivo nesa xornada ou optará por unha proposta de seu.

Consello Nacional de CxG CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.