CRÓNICA | Ourense is not Galicia?

Feijóo, na xunta directiva do PPdeG, a pasada fin de semana CC-BY-SA PPdeG

Tourist, Galiza is not Spain. Nos tempos da apoteose xacobea dos derradeiros anos do fraguismo este lema comezou a agromar por diversos muros de vilas e cidades galegas. Con el algunhas organizacións independentistas procuraban -e procuran- facer ver aos milleiros de turistas que Galicia e España non eran a mesma cousa aínda que administrativa e legalmente si figurasen como tal. Unha filosofía semellante, pero referida a Galicia e Ourense, é a que semella translocer a xa lanzada precampaña do PP galego cara ás eleccións municipais de 2019, nas que os de Alberto Núñez Feijóo tentarán reparar de vez os danos do golpe electoral máis duro de todos os sufridos dende que colleron o temón das mans de Manuel Fraga.

A potentísima maquinaria electoral dos conservadores galegos apenas pasou polo estado de repouso despois do triunfo nas autonómicas de setembro. As carreira cara ás municipais comeza "agora", advertiu Feijóo aos seus o pasado outono, cando mesmo antes de tomar posesión por terceira vez lanzou simbolicamente dende o atril da Presidencia da Xunta a súa ofensiva contra os gobernos municipais de forzas diferentes ao PP, con atención preferente ás cidades e, de xeito moi especial, ás gobernadas polas mareas, urbes sumidas literamente no "caos", alertou.

A potentísima maquinaria electoral do PPdeG describe unha situación de "caos", "parálise" e "desgraza" nas cidades gobernadas pola esquerda para tentar "recuperar o poder local" en 2019

A mensaxe presidencial replicouse nos argumentarios do PPdeG nas seguintes semanas e ata a actualidade. As cidades galegas e, padecen un "preocupante" estado de "bloqueo", reiterou Feijóo, un "ano e medio coas cidades paralizadas" por culpa da esquerda en xeral e dos "alcaldes mareantes" en particular, reiteraron diversos cargos como o secretario xeral do partido, Miguel Tellado, encargado de poñer" en escena con asiduidade o alcume "las mareas de Podemos" para referirse ás formacións gobernantes na Coruña, Santiago e Ferrol, municipios vítimas dunha "situación alarmante" ou, directamente, dunha "desgraza", proclamaron.

Con diversos tons e intensidades a estratexia do partido que sustenta o Goberno galego trasladouse tamén ao Parlamento no reinicio dos traballos da Cámara tras a pausa do Nadal e agudizouse nos actos organizados pola cúpula popular para conmemorar os primeiros cen días da nova lexislatura. Hai que "recuperar o poder local", arengou Feijóo aos seus nun contexto no que, como en todas as intervencións anteriores ao respecto, Ourense adoitou ser a gran ausente tanto en termos municipais como provinciais, e as escasas mencións foron para erixir a cidade en modelo de "estabilidade".

Jesús Vázquez goberna a cidade de Ourense co orzamento prorrogado de 2014 e Baltar rexe a Deputación co lastre da súa investigación xudicial

Así, o único bastón urbano en mans do PP non figura como argumento nos ataques aos gobernos da esquerda e ás súas dificultades para aprobaren cadanseus orzamentos, xa que o ourensán Jesús Vázquez xestiona coas contas prorrogadas, como tamén o fai o goberno de Ferrol, se ben en Ourense trátase da prórroga das de 2014, as derradeiras que deu aprobado o daquela alcalde socialista. Do mesmo xeito, as referencias aos "líos" partidarios da esquerda non se apoian no forte liderado provincial do tamén presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, que no último ano combinou incontestables resultados nas urnas co lastre da súa investigación xudicial -antiga imputación- por presuntos delitos de suborno, tráfico de influencias e acoso sexual.

Con este pano de fondo os conservadores premen o acelerador nunha longuísima precampaña aínda sen candidaturas formais, pero na que ata cinco dos sete carteis urbanos do PPdeG poden acabar tendo o rostro de membros actuais e pasados do Goberno de Feijóo. Non en van, xunto a Vázquez en Ourense, Elena Muñoz en Vigo e Agustín Hernández en Santiago cobran forza as cábalas que apuntan ao retorno de José Manuel Rey Varela a Ferrol e ao envío de Beatriz Mato á Coruña para enfrontarse á Marea Atlántica. Cara a ese reto o PP de Galicia, di Feijóo, contará cunha "gran vantaxe fronte aos nosos adversarios políticos, é que nós podemos reivindicar a nosa xestión". Ourense, se cadra, is not Galicia para o PPdeG. Ou non de todo.

Feijóo, co alcalde de Ourense e con Baltar na campaña das municipais CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.