Da defensa dos recortes sociais ao posto "á medida": unha década de polémicas e deterioro no Valedor do Pobo

Milagros Otero, na súa toma de posesión como Valedora do Pobo en 2015 © Parlamento de Galicia

A finais de xuño de 2007, hai agora once anos, o Parlamento de Galicia elixía o terceiro Valedor do Pobo da historia da autonomía. Os grupos que daquela sustentaban o Goberno, PSdeG e BNG, viñan de pechar un difícil acordo co PP para renovar as institucións estatutarias que estaban bloqueadas dende a fin do fraguismo: o Consello de Contas e o propio Valedor. Daquel xogo de equilibrios saíra o nome de Benigno López, un maxistrado de perfil conservador do agrado do novo líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pero a priori dixerible para as forzas da esquerda. No entanto, dúas semanas depois daquel nomeamento López protagonizou unhas controvertidas declaracións sobre a, ao seu xuízo, "perigosa" introdución da lingua galega na Xustiza.

Comezaba así unha xeira na que a valedoría galega pasou da discreción dos seus dous primeiros titulares a encadear unha década de polémicas e deterioro. Esta tendencia vén de subir un chanzo máis coa sentenza na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dá por acreditado que a actual Valedora, Milagros Otero, manobrou irregularmente para dar un posto na institución á irmá do voceiro parlamentario do PP. Nin sequera os de Feijóo avalan a actuación de Otero que, cando menos de momento, opta por se aferrar ao cargo.

O ex-Valedor Benigno López, con Touriño e Quintana tras a súa elección en 2007 © Valedor do Pobo

Aquelas declaracións iniciais de Benigno López, que obrigaran o ex-presidente Touriño a lle lembrar que entre as súas obrigas estaba tamén a de cumprir a lei en materia lingüística, foran só as primeiras. Nos meses e anos seguintes dera en considerar que a Xunta debería "potenciar o castelán" onde "prime" o galego e avogou pola retirada dun libro escolar que evidenciaba o carácter estatutario do galego como "lingua propia" do país. Previamente, xa rifara ao grupo do BNG en sede parlamentaria tamén ao fío da lingua: "non poden ir poñéndolle unha pistola no peito a cada cidadán para que fale galego", dixera.

Benigno López dera en dimitir tras mostrarse partidario de "suspender" a aplicación da lei de dependencia e considerar os recortes como "imprescindibles, xustos e necesarios" en plena crise

A que acabou sendo polémica definitiva de Benigno López como Valedor produciuse na primavera de 2012. En plena crise económica e cando xa comezaran os recortes sociais por parte dos diferentes gobernos, o alto comisionado encargado de defender os dereitos da cidadanía ante as Administracións aproveitou unha comparecencia na Cámara para mostrarse partidario de "suspender" a aplicación da lei de dependencia para evitar as eivas na súa aplicación. Os recortes sociais, agregara, estaban a ser "imprescindibles, xustos e necesarios". Aquelas declaracións desataran un aluvión de esixencias de cesamento das que só se desmarcara o PP e, tras dúas semanas de resistencia, López dimitira entre reproches ao propio Parlamento.

O ex-Valedor Benigno López, con Feijóo © Xunta

Máis de tres anos de interinidade e unha nova xeira de controversias

José Julio Fernández exerceu o cargo en funcións tres anos durante os que tivo pronunciamentos dispares a respecto da actualidade política

Tras a marcha de Benigno López, durante cuxo mandato o Valedor adquiriu un novo coche oficial de máis de 60.000 euros, a institución quedara nas mans do que fora vicevaledor a proposta do PP. José Julio Fernández exerceu o posto en funcións durante tres anos nos que os populares sacaron adiante a reforma da estrutura propia valedoría. Nese trienio pronunciouse en menos ocasións que o seu antecesor sobre asuntos de actualidade e fíxoo de xeito dispar. Así, por exemplo, en 2013 considerou que as fotografías que acreditaron a amizade de Alberto Núñez Feijóo co contrabandista Marcial Dorado, publicadas por El País, carecían de "interese xornalístico". No entanto, pouco despois tamén se desmarcou do PP ao encadrar no dereito á "liberdade de expresión" os escraches en protesta polos desafiuzamentos nos que cargos como o propio Feijóo vían un exercicio de "acoso".

A necesidade dunha maioría ampla no Parlamento para elixir este cargo -tres quintas partes da Cámara, 45 escanos- dilatou a remuda no Valedor ata o ano 2015, cando o posto entrou nun novo paquete de renovacións. PP e PSdeG acordaran novos nomes para o Consello de Contas, o Consello de Administración da CRTVG e a propia valedoría -tamén nomear senador ao daquela líder socialista, José Ramón Gómez Besteiro, aspecto do acordo que o PP incumpriu-. Daquel pacto saíu o nome de Milagros Otero, catedrática de Filosofía do Dereito da Universidade de Santiago e tamén de perfil conservador, o que causara malestar nalgúns sectores do PSdeG.

Milagros Otero pasa ante José Julio Fernández o día da súa toma de posesión como Valedora, en 2015 Dominio Público Praza Pública

Otero revelou no Parlamento datos privados de persoas sen fogar e dixo ter "moitas" queixas contra o Concello de Santiago neste ámbito, pero realmente eran dúas entre máis de 65.000

Otero levaba apenas un ano exercendo cando se situou no terreo do tirapuxa político, especialmente cos seus recorrentes reproches contra o Concello de Santiago a respecto da problemática das persoas sen fogar. Así, por exemplo, en marzo de 2017 empregou a presentación do seu primeiro informe anual para cargar contra o goberno local que dirixe Martiño Noriega por este mesmo asunto malia ocupar só unha das 908 páxinas do documento. Durante o trámite do documento a Valedora chegara a revelar na propia Cámara datos persoais privados de tres persoas sen fogar e, ante as críticas da oposición pero tamén de asociacións sanitariais e sociais por facelo, considerárase a si mesma como vítima de "ataques deslexitimadores". Os expedientes da institución pola atención a estas persoas en Compostela acabaron finalmente arquivados e o que Otero presentaba como "moitas queixas ao respecto" resultaron ser realmente dúas entre máis de 65.000 nese ano, unhas 63.000 delas relativas a áreas de xestión da Xunta.

Malia á ausencia de avais políticos explícitos mesmo no grupo que impulsou a súa elección, o PP, a Valedora esquiva de momento a posibilidade de abandonar o seu posto

Esta belixerancia de Otero contrastou coa súa indulxencia a respecto do Executivo galego nun dos papeis que a reforma da institución lle outorgou, o de presidenta da Comisión de Transparencia de Galicia. Así, por exemplo, despois de que o Goberno galego ocultase ata 800 millóns de euros en contratos menores tras facelos públicos só unha semana, a Valedora considerou que a Xunta non incorre nesta conduta por "gusto". A Valedora chegou a dicir que os galegos poden "estar tranquilos, satisfeitos e ata un pouquiño orgullosos" da transparencia en Galicia. Porén, este luns a institución rexeitou responder a preguntas dos xornalistas sobre a actuación da súa titular no caso agora sentenciado e remitiuse ás notas de prensa que poida emitir.

Este é o contexto no que o Tribunal Superior de Xustiza deu por acreditada a intervención irregular da comisionada no nomeamento da Xefa de Servizo de Administración e Persoal da institución. Otero nega que incorrese na "arbitrariedade" e "desviación de poder" que apreciou o TSXG e, malia á ausencia de avais políticos explícitos mesmo no grupo que impulsou a súa elección, o PP, esquiva inicialmente a posibilidade de abandonar o posto, onde o seu mandato non expira ata 2020. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.