Da gran caixa galega ao mal menor

Documento da fusión das caixas no que a Xunta inseriu a sinatura de Currás CC-BY-SA Praza Pública

Houbo un momento no que alguén pensou que operación para crear unha gran caixa de aforros galega ía saír ben ou, polo menos, así o dixo. Alén de actos rituais máis ou menos prefabricados nos que se revestía de emotividade algo tan pouco emotivo como as finanzas, Caixa Galicia e Caixanova chegaron a ter, como relatou Praza Pública, un plan de integración que mesmo superou os test de resistencia bancaria da Comisión Europea. O denominado Proxecto Breogán, analizado polas consultoras Deloitte e Price Waterhouse Coopers, auguraba que o que despois foi Novacaixagalicia estaba chamada a ser "líder en Galicia e referente en España" e ter "capacidade para actuar nos mercados internacionais". Tres anos e 9.000 millóns de euros públicos despois, os impulsores políticos do malogrado proceso aférranse á teoría do mal menor para o que quedou das entidades e para o país.

Á entidade fusionada apenas lle deu tempo a colocar os seus novos rótulos antes da bancarización e posterior nacionalización por parte do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), o mesmo que a vén de vender por 1.003 millóns de euros ao venezolano Banesco, un banco máis pequeno que Novagalicia pero con mellor saúde. Banesco desembolsará de inmediato 400 millóns de euros e pagará o resto ata 2018. Non pide, ademais, o esquema de protección de activos que reclamaban as entidades españolas e, a priori, chega a Galicia para explotar unha entidade preexistente, non para fagocitala. Estes son algúns dos principais da Xunta e do seu presidente, menos entusiasmado, non obstante, que durante os fastos da fusión.

O plan de integración aseguraba que Novacaixagalicia ía ser "líder en Galicia e referente en España"

Sen copas de viño, sen emoción e sen acto solemne como noutrora Alberto Núñez Feijóo aproveitou a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta para, escasas horas antes de recibir a cúpula de Banesco, eloxiar a "contundente, clara e diáfana" oferta da entidade venezolana. Feijóo non fala literalmente de mal menor, senón da "mellor oferta para os contribuíntes españois", eses que a través do erario teñen que asumir os 8.000 millóns de diferenza entre o gastado e o recuperado. Se se "meteron" 9.000 millóns de euros no banco "foi porque os necesitaba", evidencia o presidente, quen insiste en que cómpre "felicitarse". Cando menos, explica, Novagalicia non foi vendida por un euro, como Unnim ou Caja de Ahorros del Mediterráneo. 

O que non lle cabe ao presidente é, neste punto, falar de política. "Tentar mesturar isto coa política é confundir, e eu non estou aquí para confundir", senón "para aclarar e dicir a verdade". Lonxe dos días en que sinatura da daquela conselleira de Facenda foi inserida entre as de Méndez e Gayoso para garantir que a Xunta aparecía dende o inicio na foto da fusión, Feijóo cre unha "calumnia" falar neste punto de decisións políticas, tampouco para impoñerse ao criterio do ministro De Guindos en aras de poder manter un aquel de galeguidade, aínda que sexa porque os servizos centrais de NCG Banco seguirán, previsiblemente, en territorio galego. Non hai lugar para a política no final e moito menos nas orixes: "Non podo aceptar, de ningún xeito, que a creba do sistema financeiro galego tivese que ver co goberno que presido", sentenza.

Feijóo: "Non podo aceptar, de ningún xeito, que a creba do sistema financeiro galego tivese que ver co goberno que presido"

Tamén nas filas da oposición se admite o mal menor, pero dende unha óptica ben diferente. "Non podemos autoenganarnos", di o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. O economista ve consumada a "colonización" da entidade e do 40% do aforro galego previa perda de 9.000 millóns de euros. "O país xa estaba abandonado", afirma, pero "declararse tranquilo" como fai o presidente "é unha absoluta irresponsabilidade". "Podemos estar minimamente satisfeitos por ter evitado a colonización directa da banca española", afirma o nacionalista, quen non obstante mantén a magnitude económica da operación protagonizada por Banesco ben podía ter como protagonista o Goberno galego. "Despois desta venda regalada de Novagalicia a un banco estranxerio está máis xustificado ca nunca que apostemos por unha banca pública galega", asegura.

Pola banda socialista o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, mantén a liña crítica iniciada xa polo voceiro do PSdeG no Parlamento, José Luis Méndez Romeu, tras coñecerse a venda. Nunha actitude que incomoda especialmente ao entorno de Feijóo o líder socialista asegura que non é posible falar de "galeguidade" de Novagalicia. "Poderase dicir que o seu ámbito de actuación será fundamentalmente Galicia, pero non se pode soster que a nova entidade sexa galega", subliña, nun contexto no que se "debe saber que vai pasar" cos 8.000 millóns de diferenza entre o que pon Banesco e o que puxo o erario. "A decisión tomouna o PP" e, polo tanto, di, son os conservadores quen a deben explicar.

Feijóo, este xoves tras o Consello © Xoán Crespo
Detalle do plan de integración CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.