Descobren no Porriño centos de currículos dunha feira de emprego nunca entregados a empresas

Algúns dos centos de currículos atopados nuncia oficina do Pavillón de Deportes © Concello do Porriño

Hai uns días foron descubertos nunha oficina do Pavillón Municipal de Deportes do Porriño centos de currículos amoreados. Os documentos tiñan a súa orixe nas feiras de emprego organizadas polo anterior Goberno municipal (xestionado polo PP) a través de Porremprego, nas que un gran número de persoas entregaban os seus datos e información sobre capacidades laborais co compromiso do Executivo local de que llos farían chegar ás empresas.

O achado destes currículos chega poucos días despois de que o novo líder do PP no concello, Alejandro Lorenzo, que precisamente fora concelleiro de Emprego na lexislatura anterior, lle esixira ao actual Goberno municipal (PSOE e UDDL) “transparencia” no relativo ao emprego público. Lorenzo criticáballe tamén ao actual Executivo que nos seus dous anos de xestión se perderan postos de traballo na localidade.

A oficina na que foron atopados estes documentos, nunca entregados a empresa ningunha e nos que figuran “os datos dos candidatos á vista de calquera”, fora ocupada -segundo o Goberno municipal- “por unha persoa da máxima confianza” de Alejandro Lorenzo, “tal e coma consta nun parte da Policía Local”.

“O peor foi o feito de que se aproveitase do paro para facerse autobombo e xogar coa necesidade de persoas que estaban buscando un traballo, montando o que se denominaron Feiróns de emprego”

A alcaldesa do Porriño, Eva Garcia de la Torre, salienta ademais que os datos do emprego na vila durante a xestión de Lorenzo á fronte da Concellería de Emprego foron “unha catástrofe”. O edil popular “acabou a súa xestión con 2.139 parados, 20 máis dos que había no Porriño cando entrou no Goberno local”, sinala a rexedora, que engade que “hoxe hai anotadas 1.879 persoas na oficina de emprego da vila, 184 menos que cando este Goberno empezara a súa xestión, e unha taxa de paro do 20,7%, catro puntos menos que cando o señor Lorenzo deixou de ser concelleiro de Emprego”.

Para Eva García, “o peor foi o feito de que se aproveitase do paro para facerse autobombo e xogar coa necesidade de persoas que estaban buscando un traballo, montando o que se denominaron Feiróns de emprego” que, ademais, non cumpriron as promesas feitas aos e ás aspirantes a un posto de traballo. O actual Goberno municipal contrapón estas accións co que considera “un traballo serio a prol da creación de emprego”. “Hoxe hai un goberno local que vai reducindo o paro paso a paso, con moito esforzo, que se interesa polo benestar das veciñas e veciños que non atopan traballo, sen mirar a súa tendencia ou militancia política. Hai un goberno local que non se dedica a montar campañas de promoción propia aproveitándose da necesidade, a dignidade e a ilusión das veciñas e veciños do Porriño que están no paro”, conclúe.

 

O anterior goberno municipal, marcado polos casos de corrupción

"Hoxe hai un goberno local que non se dedica a montar campañas de promoción propia aproveitándose da necesidade, a dignidade e a ilusión das veciñas e veciños do Porriño que están no paro”

A pasada lexislatura O Porriño foi noticia en numerosas ocasións por varios casos de corrupción. O Goberno municipal do popular Nelson Santos, que accedera ao poder en 2010 a través dunha moción de censura, foi investigado pola Fiscalía por presunta prevaricación e malversación de fondos públicos na contratación irregular de servizos, por exemplo pola "contratación cunha serie de empresas fóra de norma por supostas obras e servizos que nunca se realizaron", todo cun importe total duns 4 millóns de euros. Santos preguntábase "que mal ten contratar empresas dos nosos amigos?" e chegou a empregar fondos públicos para defenderse das acusacións por corrupción. Unha das causas foi arquivada o pasado mes de marzo.

 

Algúns dos centos de currículos atopados nuncia oficina do Pavillón de Deportes © Concello do Porriño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.