Dez anos despois do "PSOE e BNG queren quedar coas túas terras", Feijóo aumenta a aposta polas expropiacións

Fragmentos do panfleto distribuído en mitins do PP en 2009 contra as expropiacións do bipartito e nota de prensa sobre a nova lei de rehabilitación aprobada este xoves CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta impulsa unha lei de rehabilitación da que agora salienta que facilitará a ocupación pública de inmobles tras cambios similares introducidos na última década en ámbitos como a loita contra incendios, a implantación de empresas ou as piscifactorías

Hai agora dez anos, en febreiro de 2009, a poucos días das eleccións autonómicas que levarían a Feijóo á presidencia da Xunta, uns pasquíns comezaron aparecer en mitins do PP en Ourense alertando de que se o bipartito de PSdeG e BNG que daquela gobernaba Galicia repetía, “pódenche quitar as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas”. “O PSOE e o BNG queren quedarse coas túas terras”, aseguraban aqueles textos, tras críticas previas de cargos populares contra o que consideraban políticas “da Unión Soviética”. Neste tempo, ese discurso do medo volveu ser empregado polo PP noutros períodos electorais. Porén, tras chegar á Xunta, Feijóo leva unha década apostando polas expropiacións con reformas legais que as facilitan en múltiples ámbitos, a última o pasado xoves coa remisión ao Parlamento do seu proxecto de lei de rehabilitación urbana, da que o propio Goberno galego salienta que "abre a posibilidade" da “urxente ocupación” dos inmobles que considere abandonados.

Esa circunstancia, a do “abandono” por parte dos seus titulares, era considerada en 2009 naqueles panfletos electorais unha “escusa” do bipartito de socialistas e nacionalistas para impedir á cidadanía “vender e mercar as túas fincas libremente”. A medida contra a que se dirixían aquelas críticas pretendía penalizar aos propietarios de terras situadas en zonas de especial interese agrario que as mantivesen abandonadas para así incentivalos a cultivalas ou que estas pasasen a formar parte do Banco de Terras de Galicia (Bantegal). 

Panfleto distribuído en Ourense na campaña de 2009 CC-BY-SA Praza Pública

Algo similar foi o que acabou manténdose na lei de mobilidade de terras aprobada dous anos máis tarde, en 2011, polo propio Goberno de Feijóo, que insistiría nesa liña de intervir en predios abandonados a través da expropiación, da ocupación temporal ou da intervención puntual neles en leis posteriores como a de estrutura agraria ou as diversas modificacións introducidas na de loita contra os incendios forestais, ámbito no que se chega a contemplar a expropiación para terreos sen limpar.

Lei de mobilización de terras aprobada polo PP en 2011 CC-BY-SA Praza Pública

Nestes dez anos a Xunta non só apostou por flexibilizar a expropiación e a ocupación de terreos cunha motivación agrícola ou forestal senón tamén para a súa posterior xestión por empresas privadas

Pero nestes dez anos a Xunta non só apostou pola expropiación e a ocupación de terreos cunha motivación agrícola ou forestal. O Goberno de Feijóo comezou abrindo a man en 2009, ao pouco de chegar á Xunta, coa acuicultura, facilitando a expropiación de terreos por parte da administración para que se instalen piscifactorías, e foi estendendo ese modelo de expropiación pública de predios a particulares para a súa posterior xestión privada por parte de empresas a todo tipo de ámbitos a través da denominada lei de iniciativas empresariais aprobada hai un ano. 

As modificacións legais en múltiples ámbitos na liña de facilitar as expropiacións ou flexibilizar os posibles usos privados posteriores deses bens expropiados continúan, con pequenas modificacións en artigos de diversas leis

As modificacións legais en múltiples ámbitos na liña de facilitar as expropiacións ou flexibilizar os posibles usos privados posteriores deses bens expropiados continúan, con pequenas modificacións en artigos de diversas leis. Hai só uns poucos días, coa lei de acompañamento dos orzamentos para este 2019, entrou en vigor unha modificación legal que permite que en determinados casos de expropiacións realizadas para facilitar ordenacións urbanísticas impulsadas pola iniciativa pública, “a adquisición dos bens non implicará a súa afectación implícita a un uso xeral ou a un servizo público”

A Xunta tamén ten en tramitación unha nova lei de ordenación do territorio na que se mantén, como ata agora, a expropiación como sistema de obtención dos terreos necesarios para os denominados proxectos de interese autonómico, nalgúns casos promovidos pola iniciativa privada, pero introduce como novidade a posibilidade de que ese promotor poida posteriormente subrogar o seu dereito nun terceiro interesado. “Quitar as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas” era un dos medos que azuzaban aqueles panfletos contra PSOE e BNG de hai dez anos. Agora o propio Goberno de Feijóo presume nas súas notas de prensa da posibilidade de declarar a urxente ocupación de inmobles que considere abandonados.

Nota de prensa da Xunta salientando que a nova lei de rehabilitación abre a porta a expropiacións CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.