Día Nacional de Galicia: 96 anos dunha festa en construción

Descrición da bandeira galega en 'El Eco de Galicia' (Bos Aires, 1898) CC-BY-SA Praza Pública

"Que dentro de poucos anos, o 25 de xullo, non haxa un fogar galego, aldeán ou vilego, que non deixe de exteriorizar o seu patriotismo". En novembro de 1920 os persoeiros das Irmandades da Fala reunidos II Asemblea Nazonalista dan un dos seus múltiples pasos no proceso de reforzamento dos sinais de identidade do país, de símbolos nacionais. Unha das decisións adoptadas naquela xuntanza foi a elección do 25 de xullo como "Día de Galicia". Escolleuse a data "non pol-a súa sinificación relixiosa –pois o noso movemento non é confesional nin aconfesional", deixaron escrito, senón "pol-á sinificación mítica e simbólica" da xornada. Comezaba así a conmemoración dunha festa da que se discutiu case todo, ata a data mesma, e que 96 anos despois continúa en construción.

Coa Diada catalá como un dos principais referentes, xa en 1920 se celebrou o primeiro Día de Galicia, un exercicio de "autoafirmación" ao que os irmandiños tamén chamaron a través das páxinas d'A Nosa Terra, animando a unirse á celebración a "irmáns, amigos i-enimigos". Izados da bandeira azul e branca -que se viña empregando xa dende finais do século XIX- en edificios destacados, repartos de propaganda e actos políticos e culturais protagonizaron os primeiros pasos dunha celebración que, segundo indicaba A Nosa Terra no seu editorial do 25 de xullo de 1922, debía ser de "comunión e ledicia para os galegos, un acto externo para que moitos dos nosos compatriotas se dean conta do que son, da terra nai, á que teñen que volver se queren ser algo". "Que hoxe todos poñan o seu pensamento en Galicia, falen a súa propia fala, e recen os versos dos nosos poetas!", animaban.

No entanto, apenas un ano despois a celebración da incipiente festa chegaron os primeiros obstáculos serios para a súa expansión. A ditadura de Primo de Rivera pasou a considerar "perigosa" e "separatista" toda simboloxía e chamamentos políticos nacionais que non fosen os españois, e por iso prohibiu todas estas manifestacións. Ao tempo, o ditador aproveitou que, no seu primeiro xullo no poder, en 1924, Alfonso XIII o designara "delegado rexio" na ofrenda ao Apóstolo na Catedral compostelá, para espallar as metáforas sobre a identificación de Santiago como patrón de España e do 25 de xullo como festa nacional española. "Os pido, señor, iluminéis a los irreverentes con las gloriosas tradiciones, a los que, ciegos, las creen incompatibles con el progreso" mentres "todos los seres se disponen a luchar por el engrandecimiento nacional", dixo o ditador na súa intervención na cerimonia relixiosa.

As Irmandades da Fala apostaron por celebrar o "Día de Galicia" o 25 de xullo dende 1920, se ben sectores do galeguismo apostaban por desligalo das connotacións relixiosas mudándoo ao 17 de decembro

Naqueles anos de prohibición os actos do Día de Galicia reducíronse a actos case privados dos galeguistas, a edicións especiais d'A Nosa Terra ou do xornal Galicia. Mentres, algúns sectores do galeguismo e do incipiente nacionalismo, tanto do interior do país como da emigración, alzaban a voz apelando á necesidade de mudar a festa galega de data, para evitar ligazóns como a establecida por Primo de Rivera e separala de vez da festividade relixiosa de Santiago. A aposta pasaba do verán ao 17 de decembro, data da execución do Mariscal Pardo de Cela.

O debate sobre a mudanza seguía vivo cando, en 1930, a fin do directorio de Primo de Rivera deu lugar a unha certa apertura das autoridades, podendo recuperarse as celebracións galeguistas. Naquel ano destacou sobre as demais o xantar da Barxa, en Vigo, celebrado tras un concorrido mitin galeguista no teatro García Barbón. Nos actos daquela xornada sobranceaban as intervencións de, entre outros, Castelao, Otero Pedrayo e Valentín Paz Andrade. "Vigo foi o centro espritoal da Galiza", titulaba ao día seguinte en portada o xornal 'El Pueblo Gallego'.

Da II República á nova ditadura

O Partido Galeguista celebrou o 25 de xullo durante os anos da República entre aplausos da prensa galeguista e duras críticas de xornais locais por "antiespañoles"

A chegada da II República impulsou as celebracións do 25 de xullo, a partir de 1931 nucleadas, en boa medida, en torno ao Partido Galeguista, que impulsou en diversas localidades do país mitins e xantares festivos mentres publicacións como A Nosa Terra ou El Pueblo Gallego tiraban números especiais, con artigos dos principais persoeiros da época. A partir de 1934 as Mocidades Galeguistas estenden a celebración xa á noite do día 24 coa organización en Santiago do Mitin das Arengas, que só tería dúas edicións. Neses actos festa e política xuntábanse aínda máis evidentemente, con mitins e unha manifestación, en 1934, dende a Praza da Quintana ata o monumento de Rosalía de Castro, na Alameda compostelá. A prensa galeguista aplaudía as iniciativas mentres a máis conservadora cargaba con dureza contra actos "antiespañoles" como o reparto de bandeiras galegas entre a veciñanza.

A UPG impulsou os actos do Día da Patria dende finais dos anos 60 do século pasado

O golpe de 1936 e a posterior ditadura provocaron, sobre todo nos seus primeiros anos, que os actos do 25 de xullo ligados a Galicia deixasen practicamente de existir no territorio galego, onde, como fixera Primo de Rivera, a ditadura puña en primeiro plano a data como día de Santiago Apóstolo, patrón de España. No entanto, na emigración e no exilio os galeguistas mantiveron a conmemoración con fitos como a lectura, en 1948, do discurso Alba de Groria de Castelao, en Bos Aires. Aquela, evocaba o político e artista, tornara nunha "festa de saudades" no canto de poder ser celebrada no país como a "Festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos".

A mediados dos anos 50 os galeguistas agrupados en torno á emerxente Editorial Galaxia impulsaron o máis semellante a unha celebración do 25 de xullo en clave galega dende a fin da República: a Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval. Habería que agardar case 20 anos máis ata que, en 1968, a Unión do Povo Galego comezase a organizar actos en clave netamente política polo Día da Patria. As mobilizacións nacionalistas foron duramente reprimidas pola policía franquista, se ben continuaron sendo organizadas dende a UPG e, a partir de 1975, nos anos sucesivos por parte da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) ou o Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG), a quen se foron unindo outras organizacións como o PSG, todas elas entre fortísimos controis policiais e coa prohibición de acceder ao casco vello compostelán ata mediados dos 80.

Nace oficialmente o Día Nacional

Xa a finais desa década, en 1979, o primeiro presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón, promulgaba o decreto "polo que se declara Día Nacional de Galicia o 25 de xullo de cada ano", denominación que segue a ser oficial na actualidade aínda que o Goberno galego a ignore recorrentemente. A denominación da xornada como "nacional" e o seu achegamento ao galeguismo custoulle a Rosón, falanxista durante o franquismo, ser destituído do seu posto e substituído por José Quiroga, que se ben mantivo vixente o decreto renunciou aos actos oficiais de celebración do Día Nacional que o primeiro presidente da preautonomía comezara a ensaiar chegando a xuntar unhas 10.000 persoas, segundo a prensa da época. Eran moitas menos, en todo caso, que as que secundaban en rúas e prazas próximas as mobilizacións nacionalistas, que nos primeiros anos coa autonomía oficialmente constituída seguiron mobilizándose entre un amplísimo dispositivo policial.

A Xunta preautonómica ensaiou actos oficiais do Día Nacional, que foron esquecidos con escasas excepcións, ata a actualidade

Durante os anos 80 as mobilizacións, xa organizadas polo BNG en Santiago o 25 de xullo, mantivéronse e ampliáronse mentres a Xunta obviaba o Día Nacional, sendo a ofrenda da Casa Real ao Apóstolo o único acto oficial da xornada. Así foi ata a instauración e asentamento dos actos de entrega das Medallas de Galicia, evento que non se celebra o día 25 dende hai tres anos. En 2013, o acto suspendeuse por mor do accidente de Angrois e ao ano seguinte trasladouse á xornada do 24, contra a vontade maioritaria das vítimas, para homenaxear as persoas falecidas no sinistro. En 2014 volvéronse entregar o día 24 e o mesmo sucedeu neste 2016, polo que un ano máis o Goberno galego non celebrará acto ningún no Día nacional de Galicia.

Dende 2013 as Medallas de Galicia xa non se entregan o 25 de xullo, día no que a Xunta non organiza acto ningún

A única experiencia dunha celebración oficial do Día Nacional alén das propias Medallas deuse nos anos do bipartito, nos que a Presidencia da Xunta organizou o acto denominado A Véspera. Celebrado, non obstante, tamén o 24 de xullo, incluía unha recepción a colectivos sociais na residencia oficial de Monte Pío, o izado da bandeira galega e un discurso do presidente.

Edición d'A Nosa Terra do 25 de xullo de 1922 © Real Academia Galega
Capa de 'El Pueblo Gallego' do 25 de xullo de 1934 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.