En marcha o traspaso da AP-9 a Galicia

Operarios a traballar nas obras de ampliación da AP-9 na ponte de Rande CC-BY-SA Praza Pública

Despois de máis dunha década de idas, vidas e mudanzas de posicións e tras dous anos co Goberno de Rajoy a vetar a súa tramitación mediante unha interpretación forzada do artigo 134.6 da Constitución, a transferencia das competencias da AP-9 a Galicia está xa formalmente en marcha. Faino tras a luz verde por ampla maioría do Congreso dos Deputados á toma en consideración da primeira das tres leis aprobadas polo Parlamento galego para reclamar ese traspaso.

Tras dous anos vetada polo Goberno de Rajoy mediante unha interpretación forzada da Constitución, a lei do traspaso comezou a tramitarse no Congreso co aval dunha ampla maioría

Só o grupo de Ciudadanos se amosou contrario unha lei que foi defendida dende a tribuna do Congreso por unha delegación do Parlamento galego conformada por PP, En Marea e PSdeG por seren as tres forzas con máis representación na Cámara galega. O BNG, autor inicial do texto a debate, veu amosando a súa contrariedade por non poder participar na defensa do texto e a súa portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou no propio Congreso que o debate chegaría a producirse "se non fose polo Bloque", se ben considerou que o inicio do traspaso é, de seu, "un día grande para Galiza".

Fernández Prado (PP), Sánchez (En Marea) e Álvarez (PSdeG), durante o debate no Congreso CC-BY-SA Praza Pública

En Marea e PSdeG lembran o bloqueo "reiterado" do Goberno de Rajoy á lei e o representante do PPdeG advirte de que apoia o traspaso dende a "lealdade a España"

O bloqueo "reiterado" á lei por parte do Goberno de Rajoy foi lembrado dende a tribuna da Cámara Baixa polos dous representantes da oposición na delegación galega. "O seu bloqueo foi un auténtico desprezo ao Parlamento de Galicia e unha demostración da súa escasa calidade democrática", subliñou Antón Sánchez no nome de En Marea. "Xa deberíamos estar discutindo os prazos ou como como se xestiona a AP-9 dende a Xunta", agregou o socialista Luis Álvarez. Ambos concordaron, non obstante, en que "achegar o poder de decisión pode mellorar a xestión" da infraestrutura e na necesidade de que o traspaso sexa rápido.

Tamén Ciudadanos lembrou o cambio de postura do PP, pero para considerar que apoiar o traspaso sería tanto como "agasallar graciosamente unha infraestrutura" mentres "paga o Estado". Ao tempo, o seu voceiro, Fernando Navarro, sustentou a súa negativa ao traspaso afirmando que a AP-9 "conecta con outro país", en referencia a Portugal. Esta afirmación non se corresponde coa realidade, xa que Galicia e Portugal conectan pola A-55, que á súa vez está ligada á AP-9. Finalmente, o grupo de Rivera optou pola abstención.

Ciudadanos, que se abstivo, argumenta a súa negativa en que a AP-9 conecta con Portugal, o cal non é certo

O representante do PP galego, Martín Fernández Prado, optou por -alén dos eloxios ao presidente da Xunta-, centrar a súa intervención na "lealdade a España" do Goberno galego e na "viabilidade legal e técnica" dunha transferencia que, asegura, non será empregada para "reafirmar ningún sentimento identitario", senón para ofrecer unha xestión "máis próxima aos usuarios". Reclamou ademais que o Goberno de España active xa a comisión mixta de transferencias para negociar os termos do que sería o primeiro traspaso de competencias a Galicia dende 2008.

Emendas á mención ao rescate

Aínda que tras o cambio de postura do PP o acordo en torno ao traspaso é practicamente total entre os grupos do Congreso coa excepción de Ciudadanos, no trámite parlamentario da lei galega que agora se inicia si chegarán as diverxencias. Será a respecto dunha das súas disposicións, que inclúe unha mención ao xeito de proceder no caso dun hipotético rescate da concesión da autoestrada, o mesmo que o Goberno de Rajoy cifrou en máis de 4.000 millóns de euros baseándose en cálculos erróneos

Neste sentido dende o PSOE o seu deputado Guillermo Meijón lembra que nas dúas versións posteriores da lei, aprobadas por unanimidade en Galicia para tentar esquivar os vetos do Goberno de Rajoy, xa desaparecera esa mención a un eventual rescate. "Non sería de recibo ignorar" eses textos, coida Meijón, que "agarda que o acordo e o consenso imperen" para chegar a un "modelo xusto e equilibrado".

A presidenta do Congreso anuncia a aprobación inicial da lei para o traspaso da AP-9 © Congreso dos Deputados

O PSOE anticipa emendas para eliminar da lei a mención ao eventual rescate e En Marea avanza que na tramitación manterá a defensa do "rescate e xestión pública"

Cabe agardar que tamén o PP secunde estas emendas, que o representante de En Marea, Antón Sánchez, rexeitou anticipadamente dende a tribuna, onde reclamou que "non se mutile a posibilidade" de "decidir" en Galicia "a reversión, rescate e xestión pública" da AP-9. Nun sentido semellante Antón Gómez-Reino, no nome de En Marea no Congreso, anticipou que a formación integrada no grupo de Unidos Podemos defenderá na tramitación da lei atender a "demanda unánime de Galicia, un país que esixe xestionar por si mesmo e de forma completamente pública a súa principal vía de comunicación" terrestre.

Neste sentido, nos corredores do Congreso tras se reunir con PNV, ERC, PDeCAT, Compromís e EH-Bildu para "recabar o seu apoio" á lei galega, a líder do BNG pediu "celeridade na tramitación", pero tamén que "se respecte a literalidade da lei, que prevé tanto a transferencia como a posibilidade de que sexa rescatada para o público". "Que ningún grupo altere o que foi un acordo unánime da Cámara galega", resumiu Ana Pontón.

No caso de que, con ou sen emendas, a lei culmine a súa tramitación, este sería un paso transcendental pero non o definitivo. Tras a súa aprobación o Goberno central e a Xunta terán que sentar na Comisión Mixta de Transferencias para concretar os detalles económicos e técnicos do cambio de titularidade. O texto orixinal da lei fixa un prazo máximo de seis meses para que o traspaso sexa efectivo dende a súa entrada en vigor.

Pontón e Bará (BNG), no Congreso con Joan Baldoví (Compromís) antes do debate do traspaso da AP-9 CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.