En Marea forza que a Mesa do Congreso reconsidere o segundo veto á lei do traspaso da AP-9

Os representantes de En Marea no Congreso, presentando a iniciativa en rolda de prensa CC-BY-SA En Marea

O pasado 14 de setembro a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, puña a súa sinatura no último trámite do segundo veto á lei que, aprobada pola unanimidade do Parlamento de Galicia, reclama a transferencia á Xunta das competencias sobre a Autoestrada do Atlántico. A Mesa da Cámara Baixa, o seu órgano reitor, avalaba así os argumentos do informe do Goberno de España que, inzado de erros legais e de axuste legal, defende que a norma galega non pode ser tramitada por ter impacto nos Orzamentos Xerais do Estado, o que lle permitiría paralizala en virtude do artigo 134.6 da Constitución. Este órgano parlamentario vaise ver forzado a reconsiderar a súa decisión por mor dun trámite lanzado este xoves por En Marea.

Os cinco representantes da coalición no Congreso veñen de rexistrar un escrito na súa calidade de membros do grupo que encabeza Unidos Podemos para apelar ao artigo do Regulamento da Cámara que permite instar formalmente a Mesa á "reconsideración" do veto dunha iniciativa determinada. O documento de En Marea advirte de que o órgano que encabeza Pastor deu por bo un veto que non está apoiado en razóns "obxectivas e suficientes" e que, ademais, non se axusta á previsión constitucional, toda vez que a lei da AP-9 non impacta nos Orzamentos do Estado do ano en curso nin en ningunha partida concreta.

Os letrados do Congreso advertiron o Goberno de Rajoy de que non ten "un dereito de veto ilimitado" sobre as leis

Non en van, resaltan, nin sequera o propio gabinete de Mariano Rajoy "identifica" a que parte do seu orzamento afectaría a lei galega. Isto sucede, salientan, nun contexto no que o Congreso non pode aceptar "o uso indiscriminado da facultade de veto por parte do Goberno" porque, ademais de "impedir que as Cámaras autonómicas exerzan" a súa potestade de enviar leis, "vulnera tamén os dereitos fundamentais" dos membros do propio lexislativo español, ao "impedirlles a posibilidade de debater a proposición de lei remitida polo Parlamento de Galicia".

Díaz: "Vulneran o autogoberno galego, pero tamén a Constitución que tanto defenden"

Ao ser solicitado formalmente a Mesa terá que consultar a Xunta de Portavoces do Congreso e acto seguido tomar unha decisión definitiva sobre a proposición chegada dende Galicia na que, en última instancia, pesará a maioría de PP e Ciudadanos neste órgano. Sobre este trámite pairarán dous duros informes dos letrados do propio congreso que, asinados pola súa máxima responsable, Paloma Martínez, advertían ao Goberno de España de que non ten "un dereito de veto ilimitado que poida cercenar a iniciativa lexislativa do Congreso". Como adiantou Praza.gal, os letrados advertían de que o veto gobernamental á tramitación das leis debe ser un recurso "excepcional", xa que en caso contrario ten un "impacto radical" na separación de poderes entre lexislativo e executivo.

A xuízo da voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, "o Goberno español está empregando fraudulentamente" este mecanismo e, por outra banda, "amosando a irrelevancia de Feijóo" neste "claro desplante do Goberno de Rajoy á Xunta". O PP, lamenta, está "vulnerando o autogoberno do noso país" co freo a "unha iniciativa aprobada por unanimidade", pero tamén a "vulnerar a Constitución que tanto defenden, os dereitos das deputadas e deputados e o dereito a debater". "Instamos á Mesa a reconsiderar a decisión" e, do contrario, a formación explorará outras vías "administrativas e legais", afirma.

 

Xuntanza da nova Mesa do Congreso © Congreso dos Deputados

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.