Espiral nace para "rachar co modelo clásico" das organizacións políticas xuvenís

Mozas e mozos de Espiral votando na asemblea constituínte © Espiral-MRG

Espiral-Mocidade Republicana Galega, unha nova organización xuvenil para a política galega, agromou de vez o pasado sábado 16 de setembro como culminación do Proceso 1 de Maio. Xuntanzas abertas en case 30 localidades e durante varios meses desembocaron na asemblea constituínte dun novo colectivo que conta cuns 300 inscritos e que se define como "totalmente autónoma"

O Proceso 1 de Maio culminou o pasado 16 de setembro na constitución de Espiral, organización xuvenil cuns 300 inscritos

"Si que nos intentan poñer etiquetas", di Iván Rodríguez, noiés de 22 anos e elixido portavoz nacional de Espiral. "Somos unha organización republicana galega e anticapitalista que pulamos por esa república galega e por un modelo económico alternativo", asegura o voceiro sobre un colectivo que di agrupar "mozos e mozas do conxunto de Galicia procedentes de diversas tradicións políticas" e que "pretende canalizar a frustración dunha mocidade cansa de falsas promesas e das nulas oportunidades que o réxime do 78 ofrece". 

No colectivo agrúpase xente de Anticapitalistas, mareas cidadás, Podemos, Anova, En Marea, FPG ou Anega

Entre os membros de Espiral inclúense figuras relevantes de Anticapitalistas Galiza, En Marea, Podemos, FPG, Anova as mareas cidadás ou a Asemblea Nacional de Estudantes Galegas (Anega). E é esta última organización xuvenil "onde xermola todo isto". "Vimos como xente de diferente militancia compartía espazos e funcionaba ben", conta Rodríguez, que nega rotundamente que a nova organización creada sexa dependente de partido ningún. 

"Cada un é de quen é; somos moita xente con diferente adscrición partidaria pero a organización é totalmente autónoma", explica o portavoz nacional, que mesmo aclars aa que, precisamente, "a intención é cambiar un pouco o modelo de organización xuvenil". "Nas experiencias anteriores e no modelo clásico comprobamos como os mozos e mozas son unha correa de transmisión dos maiores e non teñen análise nin experiencias propias", engade Iván Roríguez, que considera que "había que rachar un pouco con todo iso e facelo máis amplo". "Queremos total autonomía", engade. 

Espiral di ser "totalmente autónoma" e pretener "rachar co modelo clásico cos mozos como correa de transmisión dos maiores"

Preguntado pola abundancia de organizacións políticas xuvenís en Galicia, Rodríguez recoñece que "si hai bastantes colectivos", pero asegura que "é o de ruptura" o espazo no que Espiral se sente cómodo. Ese que se foi afianzando tras o 15M. "Aquilo marcou un antes e un despois, abriu alternativas porque, aínda que moitos mozos xa se identificaban con determinadas liñas políticas, supuxo unha nova unha vía que deslexitima o réxime vixente". "É desde aí desde onde entendemos que se poden propor alternativas que poden ser maioritarias", remata. 

"O 15M marcou un antes e un despois, abriu alternativas a través da deslexitimación do réxime vixente"

Para Espiral, o seu nacemento xorde da "necesidade dunha alternativa transformadora que rache coas estructuras e cos piares fundamentais que o sustentan, a superación do patriarcado ou a apertura dun proceso constituínte en chave de república galega". Son, estes, algúns dos principios que rexen unha nova organización xuvenil no país. 

Iván Rodríguez intervén na asemblea constituínte © Espiral-MRG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.