Estudantes das universidades galegas únense á celebración de referendos sobre a monarquía

Asemblea para a organización do referendo na Universidade de Vigo Dominio Público @ReferendUV

Todo comezou cunha ducia de estudantes sentados no céspede da Universidad Autónoma de Madrid (UAM). Pasaron a ser 40 no salón de actos da Facultade de Filosofía na primeira asemblea. Comezaron a chegar correos doutros centros. A Universidad Carlos III, tamén de Madrid, a de Zaragoza. Uniuse un grupo de estudantes cataláns da Pompeu Fabra e da Universitat de Barcelona. Chamaron de Asturias. E tamén de Vigo. Logo organizáronse mozos e mozas do campus da Coruña e de Ourense e, máis tarde, da Universidade de Santiago. Ao final, as tres universidades galegas uníronse á iniciativa para a celebración de referendos sobre a monarquía e o modelo de Estado nas vindeiras semanas.

  A iniciativa xurdida na Universidad Autónoma de Madrid espallouse axiña por todos os campus do Estado

Polo momento, son xa máis de vinte en todo o Estado as universidades que están a organizar consultas. Todas cun obxectivo: "axitar o debate" sobre o modelo de Estado e o réxime actual. "Vimos o que estaba pasando noutros lugares e empezamos a organizarnos porque cremos moi importante que a mocidade, que debe cuestionalo todo, entre neste debate", explica Sofía, unha das organizadoras na UDC, que cre que "é o momento" de abordar unha cuestión, a do modelo de Estado, "que está na rúa, na cidadanía". 

"É moi importante que a mocidade, que debe cuestionalo todo, entre tamén neste debate; é o momento de abordalo"

Desde Vigo, Alberto vai máis aló. "É tamén unha forma de amosar o noso malestar, o cabreo coa monarquía que percibimos entre a mocidade", explica un dos membros do movemento que organiza o referendo que terá lugar no campus vigués o vindeiro 4 de decembro e que celebrou a súa primeira asemblea aberta o pasado día 20. 

Un día despois celebrouse no campus da Coruña outra na que acordaron volver xuntarse o día 29 para fixar tamén a data, que será probablemente na semana seguinte á ponte de decembro. En Santiago, a primeira das asembleas celebrarase o vindeiro martes 27 na Facultade de Historia, mentres que no campus de Ourense, da Universidade de Vigo, a xuntanza aberta está fixada para o vindeiro luns no pavillón de estudantes. 

Serán consultas "simbólicas" pero que, coinciden en ambos casos, supoñen "un punto de partida para organizarse máis aló e abrir o debate sobre este réxime", ademais de impulsalo e fomentalo entre a cidadanía e mocidade mesmo non tan mobilizada. Malia que integrantes de organizacións estudantís colaboraron na posta en marcha das asembleas, desde A Coruña destacan que "a maioría da xente presente non pertencía a ningunha, era xente independente e é moi importante esa implicación". De feito, varios dos colectivos políticos acordaron que non haberá siglas partidarias de ningún tipo neste movemento. 

Na consulta elixirase entre monarquía e república, pero tamén se abordará a relación de Galicia co Estado

Malia que cada asemblea se autoorganiza e decide a forma do referendo, en Galicia procúrase unha "coordinación" na busca de que sexan as mesmas preguntas en todos os campus. En principio, serán varias: unha cuestionará sobre a preferencia entre monarquía ou república, pero tamén se poderá elixir que tipo de república, así como a relación que Galicia debería ter co Estado.

"A cuestión nacional en Galicia e a relación do país co Estado tamén é importante, ao igual que expresar a problemática do desemprego ou da vivenda", di Alberto, que considera que o referendo é tamén unha forma de "cuestionar a monarquía". 

"O rei é a personificación de todas as cousas que non nos gustan deste réxime, herdeiro do franquismo, chamado democracia pero que é unha democracia moi limitada", explica Alberto, que cre que a intervención do rei Felipe "na cuestión catalá" supuxo un pulo máis a quen opta por decidir xa entre monarquía ou república. "Entrou de cheo pola dereita, situándose claramente nun ámbito que ocuparían Ciudadanos, PP ou Vox", insiste quen cre que a mocidade debe ser quen impulse un debate que está presente en toda a cidadanía. "E máis aínda agora, nestes tempos. É o momento", engade Sofía.  

No resto do Estado, a convocatoria de consultas avanza tamén rápido. "Está a estenderse rapidísimo", contaba hai uns días Lucía Nistal, portavoz da Plataforma da UAM e unha das persoas que deu orixe a todo o movemento. "Está a ter bastante eco na universidade", responden de xeito similar os portavoces dalgúns dos centros que van realizar os referendos. De feito, ao pouco de anunciarse a primeira consulta, un grupo de varias decenas de profesores emitiu un comunicado apoiando a iniciativa, que cualificaron de "oportuna". Os apoios chegaron logo desde os sitios máis variados, como os traballadores en loita de Amazon. Para os portavoces estudantís, isto apoia a súa versión de que hai unha demanda social de realizar esta consulta.

"O réxime planta un cadeado sobre unha institución herdeira do franquismo, que nos meteron como un pack coa Constitución, reaccionaria e que só o 20% da poboación en idade de voto puido elixir"

"O réxime planta un cadeado sobre unha institución herdeira do franquismo, que nos meteron como un pack coa Constitución, reaccionaria e que só o 20% da poboación en idade de voto puido elixir", conta Jorge Remacha, estudante de Historia e portavoz da Plataforma Referendo Unizar.

"O que nos parece moi potente da iniciativa é que volve pór sobre a mesa en debate un tema que estaba latente, pero non tanto no foco", explica Pablo Acedo, estudante de Filosofía, Política e Economía na Universitat Pompeu Fabra e portavoz da plataforma catalá Fora el Borbó de les universitats catalanes.

Para as diferentes plataformas, o referendo é só un medio, non un fin en si mesmo. Aspiran a máis, quizais a que calle nunha agrupación de estudantes a nivel estatal. "Son só o primeiro paso. Temos a idea de que de aquí saia un movemento estudantil forte, que se una a outros sectores como o potente movemento de mulleres, os precarios, migrantes, etc", conta Nistal, da UAM.

"Os referendos son só o primeiro paso. Temos a idea de que de aquí saia un movemento estudantil forte"

"Se pensamos no que vén despois, enfocámolo á autoorganización estudantil, a asembleas masivas, a que se unan institutos, universidades, profesores, traballadores. Isto vai máis polo tema dunha loita conxunta e a organización social a que a universidade faga algo co resultado do referendo", reflexiona Acedo, de Fora el Borbó.

"Queremos impulsar un cambio verdadeiro e camiñar cara a un proceso constituínte, aínda que neste momento vémolo lonxe por como está a situación política. Pero si nos gustaría unirnos ao resto de universidades e articular un movemento", engade Del Barrio, da UCM-UPM, que tamén realiza, "a título persoal", unha reflexión: "Creo, e bastantes compañeiros comigo, que o movemento estudantil estivo un pouco parado [estes últimos anos]. Agora móvenos a posibilidade de ilusionar a estudantes, mozas en xeral e a todo o que se queira unir para crear un movemento potente en base aos valores republicanos e democráticos".

A cuestión dos procesos constituíntes é especialmente relevante para a plataforma catalá, que coincide en moitas cousas na súa análise coa expresada desde Galicia. "Consideramos que aquí hai un desenvolvemento diferente no tema monarquía/república que no resto do Estado polo 1-O, as reprobacións ao rei, etc.", explica Acedo. "Nese contexto, consideramos que a primeira pregunta da consulta fala sobre monarquía ou república e a segunda, sobre abrir un proceso constituínte, pode incluír o dereito de autodeterminación", engade.

Aínda que a idea é que o referendo sexa aberto a todas as opcións e a organización espera que cada un defenda o seu, as plataformas non serán neutrais, segundo explica Pablo do Barrio, da UCM-UPM. "A plataforma é republicana. Evidentemente, todo o mundo está chamado a votar, pero nós facemos campaña pola República", conta.

Son, a tal hora, máis do 40% das universidades públicas do Estado as que se uniron a este movemento. Ademais de nas galegas de Santiago, A Coruña e Vigo, tamén haberá referendos na UAM, Complutense, Politécnica, Rey Juan Carlos e a Carlos III (Madrid); Universidad de Zaragoza, Universitat Pompeu Fabra e Universitat de Barcelona, Universidad Miguel Hernández (Elche), Universidad de La Laguna (Tenerife), Universidad de Asturias (Oviedo), Universidad de León, Universidad de Cantabria, Universitat d'Alacant, Universidad Castilla-La Mancha, UNED, Universidad Politécnica de Valencia, Universidad de Valladolid e Universidad de Burgos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.