Feijóo acusa a oposición de amosar o Sergas como "un servizo africano" por reprocharlle recortes

Feijóo, durante a sesión de control © Xunta

O orzamento sanitario da Xunta medrou un 3% no último ano e a súa dotación é aínda un 3,8% menor que no ano 2009, tras perder uns 370 millóns de euros nos peores anos da crise por diversas vías. Unha delas foi a farmacia, con medidas como o incremento dos medicamentos xenéricos, pero outras foron os servizos e o persoal, toda vez que o plantel do Sergas chegou a ver reducidos os seus efectivos en case 2.000 persoas, que aínda non foron recuperadas por completo por, entre outras razóns, as restricións do Goberno de España á contratación. Este é o pano de fondo co que o voceiro de En Marea, Luís Villares, e mais o do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, acudiron este mércores á sesión de control ao presidente, quen ante os reproches de recortes sanitarios deu en acusar as bancadas da esquerda de amosar a sanidade pública galega como "un servizo africano".

Os primeiros trazos do retrato achegounos o voceiro socialista. Entre apelacións a datos como o barómetro do CIS, que presenta a sanidade como unha das principais preocupacións cidadás, Leiceaga alertou dun panorama de "substitucións precarias, baixos salarios e condicións moi duras" para o persoal sanitario que, malia ao "esforzo dos profesionais", acaban "afectando á calidade" da asistencia. A Xunta, di o parlamentario do PSdeG, debera apostarpor un "plan de estabilización" do persoal co obxectivo de lograr unhas "2.500 prazas adicionais en cinco anos", entre consolidacións e novas incorporacións.

Leiceaga reclama un plan para estabilizar 2.500 prazas no Sergas e Feijóo condiciónao a un pacto PP-PSOE nos Orzamentos do Estado

"Non se cegue en criticarme a min e en amolar a efectividade do Sergas", retrucou o presidente, quen como en anteriores ocasións equipara as críticas á xestión sanitaria da Xunta cunha censura ao sistema sanitario público. En plena recesión, gábase Alberto Núñez Feijóo, "se incrementaron as intervencións, un 22% máis que cando vostedes estaban no Sergas", hai "máis consultas" e "máis investimento sanitario por habitante" porque "temos unha poboación máis envellecida pero a tendemos, porque poderíamos non facelo". A respecto do incremento de persoal o titular do Goberno galego opta pola mesma estratexia que co AVE hai apenas dúas semanas: o Estado permitirá ás autonomías contratar máis efectivos se son aprobados os Orzamentos Xerais e iso, advirte, depende dun pacto entre PP e PSOE.

"Garantir dereitos"

A petición de reversión dos recortes continuou na intervención de Villares. A "redución de medios" no Sergas nos últimos anos traduciuse en "redución de dereitos", lamenta o voceiro de En Marea, quen instou a Feijóo a aclarar se "vai facer algo para que non se repitan" episodios como os "colapsos nas urxencias", a "peregrinación de mulleres a interromper o embarazo a Madrid en condicións humillantes" ou "mortes de persoas por non obteren en tempo" os medicamentos da Hepatite C. 

Villares insta o presidente a aclarar se "vai facer algo" para "evitar" os "colapsos nas urxencias" ou as "mortes por non obter a tempo os medicamentos"

"Eu síntome orgulloso do Servizo Galego de Saúde e vostede, non, hai unha grave discrepancia", retrucou o presidente. Para o líder conservador Villares "considera que o Sergas é un servizo africano ou dos peores países do mundo" e por iso "vén describir a apocalipse". "Se nota que non coñece o servizo sanitario público do país" e por iso "di o que lle peta". "Vostede, que é deputado por Lugo -retou-, dea unha volta por Lugo" para ver que "equipamos na súa totalidade" o hospital Lucus Augusti con maquinaria como "aceleradores, medicina nuclear e hemodinámica", equipamentos instalados con media década de atraso sobre o anunciado polo propio Feijóo na inauguración do complexo.

Feijóo: "Considera que o Sergas é un servizo africano ou dos peores países do mundo, quédalle moito que patear"

"Este deputado por Lugo estivo en Foz e viu como lles quitaron o servizo de pediatría. E viu como pasaba o mesmo en Baralla. Isto é o que ve un deputado que pisa e está na sanidade pública", censurou Villares, quen lamenta que o presidente reduza a "cousas inventadas" os "datos reais" e mais os "feitos denunciados por xente real que tarballa na sanidade pública e a defende". "Por iso denunciamos feito como o suicidio dunha persoa e a agresión sexual a outra" na unidade psiquiátrica de Conxo, en Santiago, ou a morte "dunha persoa nos boxes de urxencias" no Clínico compostelán. "Defendemos o dereito á saúde e á dignidade das persoas, aquí é onde nos van atopar".

"Lle queda moito que patear para coñecer a sanidade pública", concluíu Feijóo na súa quenda de peche. "Algo de sanidade sei" e por iso proclama que "non é posible tomalo en serio en materia de sanidade". As críticas de Villares son "unha utilización perversa da sanidade pública" e unha "falta de respecto aos familiares, ao Sergas e aos médicos". "Temos un dos mellores servizos de saúde, temos menos espera e atendemos a máis xente". E iso sucede "non pola súa actitude construtiva, senón polo compromiso deste goberno", asegura.

Luís Villares, durante a sesión de control deste mércores © Parlamento de Galicia
Leiceaga, voceiro do PSdeG, dirixíndose a Feijóo © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.