Feijóo admite o traspaso de fondos de axudas para pagar a luz a outros gastos da Xunta

Feijóo, no inicio do pleno © Conchi Paz

A comezos de 2015 a Xunta comezaba a escenificar o seu 'xiro social' tras o pau electoral sufrido polo PP nas eleccións europeas e a Xunta anunciou a través do presidente, Alberto Núñez Feijóo, que o tícket eléctrico -axuda para pagar a luz equivalente a un recibo e medio ao ano- ía pasar de beneficiar uns 15.000 fogares a chegar a ter "ata 40.000 familias beneficiarias" grazas a unha dotación orzamentaria de 1,5 millóns, máis do duplo do ano anterior. En 2016 ese orzamento volveu subir e chegou aos 2,1 millóns de euros, pero apenas o 20% do consignado acabou pagando axudas para afrontar recibos da luz, mentres que o 40%, uns 830.000 euros, foron transvasados para atender outros gastos da Administración. Este mércores Feijóo viuse obrigado a admitir no Parlamento esas transferencias de fondos e, daquela, que o que fora presentado como unha das medidas estrela para combater a "pobreza enerxética" ficou moi por baixo das expectativas xeradas dende o propio Goberno.

Fondos do tícket eléctrico pagaron gastos como un estudo sobre publicidade ou alumeado da Cidade da Cultura

Como informou Praza.gal, tras non gastar en axudas o 80% do orzamento, neste 2017 a dotación destes subsidios redúcese un 62% e queda un chisco por baixo dos 800.000 euros. Non en van, segundo confirma a Consellería de Economía, as familias atendidas non foron as 40.000 auguradas polo presidente a partir de 2015, senón unhas 6.000 entre 2014 e 2016. Esa cifra de fogares beneficiados foi a repetida polo xefe do Executivo no Parlamento despois de que o voceiro de En Marea, Luís Villares, o instase a render contas polo devandito "desvío de fondos". "Valle Inclán estaría orgulloso de vostede", ironiza Villares, xa que esta "master class de desviación de fondos" incluíu o transvasamento de 111.000 euros do tícket ao alumeado da Cidade da Cultura, "o monumento ao desbalde".

"Me di que non executamos a partida correspondente, sabe por que?", retrucou Feijóo. "Porque atendimos todas as solicitudes que chegaron, a todos os que as pediron, se lles concedeu", afirma, se ben os propios datos da Consellería de Economía evidencian que houbo solicitudes non admitidas por non cumprir algún dos requisitos esixidos na orde. "De que se me acusa? É a primeira vez que me acuscan de ter un orzamento excesivo", proclamou Feijóo, mentres cifra esta axuda en "300 euros ao ano" cando, realmente, esa contía é só a correspondente para familias numerosas -o importe das restantes é de 180-.

Feijóo defende o transvasamento porque "atendemos todas as solicitudes que chegaron": "Aquí non hai desvío, hai defensa do país", proclama

Neste contexto Feijóo dá en admitir "onde foron as partidas" transferidas, pero só algunhas delas. Así, o presidente recoñece que os fondos do tícket pagaron proxectos para "impulsar o comercio de proximidade" -que xa estaban previstos-, para "promover o termalismo" ou para "desenvolver medidas de eficiencia enerxética na Cidade da Cultura". Tamén, recoñece, para "defender os intereses de Galicia no Tribunal Internacional da Haia" pola demanda da mina de Corcoesto. Non especifica, no entanto, que con estes fondos a Xunta tamén atendeu, por exemplo, a cota da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo ou sufragou un estudo sobre a súa publicidade, transferencia que foi autorizada polo Consello da Xunta tres días antes das eleccións e non incluído na referencia pública dos asuntos abordados na xuntanza. "Aquí non hai desvío, hai defensa do país", asegura.

"Está moi ben que diga que atenden todas as solicitudes", agregou na súa réplica Villares, quen censura que o Goberno obvie que parte das causas da baixa execución deste orzamento está "no problema xa denunciado polos traballadores sociais": que "os requisitos" das axudas "deixan fóra a moita xente" e que a súa tramitación é complexa, porque só pode realizarse a través de internet e coa documentación en formato dixital. "Teñen unha política social de cartón pedra: falsa, fría e insensible", conclúe.

 

"Quere que lle fale da Coruña?"

Alén de preguntarse "que quere que faga" para que todo o orzamento do tícket chegue ás familias o presidente da Xunta defendeuse das críticas por este transvasamento de fondos trasladándose, como adoito, a un dos concellos gobernados polas mareas. Neste caso o elixido foi A Coruña: "Que é o que me pregunta? Quere que lle fale do Concello da Coruña?", retou o líder conservador, antes de acusar o goberno da Marea Atlántica de "rebaixar un 85% as partidas da renda de integración", en referencia á modificación orzamentaria aprobada o pasado outubro que diminuíu esta partida de 2,1 millóns a 410.000 euros para o ano 2016, aprobado nun pleno no que o PP se abstivo. Os fondos transferidos destináranse a atender a débeda da empresa municipal de vivenda de anos anteriores e a expandir un programa municipal de préstamo de bicicletas.

"Me parece unha broma que En Marea veña a dicirme que facemos unha modificación despois de esgotar todas as solicitudes"

A operación tivera a súa orixe, sinalara o Concello, na demora na implantación da renda social pola aprobación serodia dos orzamentos e a tardanza da Xunta en autorizar a súa posta en marcha. Ambos factores provocaran que a renda, que ten unha tramitación "duns dous meses" por solicitude, comezase a funcionar a finais de setembro. En 2017, agregara, o orzamento da renda é de 2 millóns.

Feijóo di lanzar esta acusación non para "facer oposición" ao goberno da Coruña, como reprocha Villares, senón porque "son o presidente tamén dos coruñeses" porque ademais, "na Coruña tivemos moitos máis votos que o resto de grupos. "Por iso -concluíu, visiblemente irado- me parece unha broma que un representante de En Marea veña a dicirme que facemos unha modificación despois de esgotar todas as solicitudes". A decisión do goberno local coruñés, espeta, si foi "un recorte". 

Luís Villares, voceiro de En Marea, na sesión de control © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.