Feijóo anuncia un novo edificio na Cidade da Cultura para as universidades que custará outros 17 millóns de euros

Espazo que ía ocupar o nunca construído Teatro da Ópera, pouco antes da súa paralización CC-BY-SA Merixo

Malia o seu compromiso persoal anunciado en 2013 de paralizar as obras pendentes da Cidade da Cultura, en cuxa construción a Xunta leva gastados uns 300 millóns de euros, tres veces máis do previsto cando Manuel Fraga iniciou o proxecto, o presidente Feijóo anunciou este luns que o Goberno galego vai construír nela un novo edificio. Será unha sede para o novo consorcio que veñen de crear as tres universidades galegas para coordinar o seu funcionamento e terá un custo doutros 17 millóns de euros, segundo avanzou Feijóo, que presentou a decisión como froito do “sentidiño económico”.

O 26 de marzo de 2013 o PP aprobou por sorpresa no Parlamento de Galicia unha moción presentada polo BNG que pedía a “paralización definitiva dos dous edificios pendentes de construír na Cidade da Cultura”, os que segundo o proxecto inicial de Fraga ían albergar o gran Teatro da Ópera e o Centro de Arte Internacional. Dous edificios cuxa construción adxudicara a Xunta de Fraga, con Feijóo como conselleiro, gobernando en funcións tras perder as autonómicas de 2005.

Un día despois daquela votación que paralizou a construción, en rolda de prensa tras unha reunión do seu Goberno, Feijóo facía propio o compromiso de non seguir gastando cartos en máis edificios no Gaiás senón en rematar a urbanización da contorna e dotar de contido aos xa existentes. Os outros catro edificios xa levantados, Museo, Biblioteca e Arquivo, Centro de Emprendemento e Centro de Innovación (este último alberga hoxe os sistemas informáticos da Xunta) así como os cimentos dos dous pendentes, supuxeran xa preto de 300 millóns de euros.

En marzo de 2013 o PP apoiou por sorpresa paralizar as obras do Gaiás e Feijóo fixo propio o compromiso de non gastar máis cartos en novos edificios

Este luns, cinco anos despois, Feijóo anunciou que os cimentos e as estruturas xa iniciadas pero nunca rematadas do Teatro, en cuxo gran burato anexo a Xunta contempla un auditorio ao aire libre xa en construción, serán aproveitadas para construír o denominado “edificio Fontán”, en homenaxe ao matemático e xeógrafo galego do século XIX, onde se instalará o novo Consorcio Interuniversitario de Galicia (CISUG), entidade creada polas tres universidades galegas para coordinar o seu funcionamento. Tamén albergará a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e o futuro Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais.

O presidente admite que o 'Edificio Fontán' para albergar o novo Consorcio Interuniversitario custará 17 millóns de euros e presenta a decisión como froito do "sentidiño económico"

Feijóo presentou “o edificio que necesitan as nosas universidades” esforzándose en xustificar o seu custo. Segundo dixo, construílo noutro lugar custaría 30 millóns de euros mentres que facelo no monte Gaiás aproveitando as estruturas inacabadas do paralizado Teatro custará 17 millóns, que serán cofinanciados entre fondos interuniversitarios e o orzamento da Xunta. Segundo Feijóo, o custo será “só 7 millóns de euros máis do que gastamos nesa estrutura [non rematada do Teatro] e do que gastaríamos na demolición da estrutura xa construída”, o que presentou como unha decisión froito do “sentidiño económico”.

Segundo o presidente, a decisión é “boa para a Cidade da Cultura porque vai completar a oferta de servizo nestas instalacións, que agora pasarán a ser tamén universitarias” pero non “dunha universidade” senón de “todas as universidades” e é “desde o punto de vista económico sen dúbida a alternativa máis eficiente”. “Situando este edificio no complexo do Gaiás tomamos unha decisión responsable para as arcas públicas, respectuosa co investimento que os galegos xa fixemos neste espazo e beneficiosa para as nosas universidades, porque está ao carón da arteria principal de Galicia, a Autoestrada do Atlántico”, sentenciou.

Feijóo, o conselleiro de Educación e os reitores, no acto en que anunciou o novo edificio © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.