Feijóo apela a antigos cargos do PSOE para pedir "parar" o "goberno co Partido Comunista"

Feijóo, tras o Consello da Xunta deste 14 de novembro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

É coñecida a preferencia de Alberto Núñez Feijóo por unha gran coalición entre PP e PSOE para gobernar España. Así o reclamou en numerosas ocasións nos últimos anos, especialmente dende que o electorado deixou de outorgar maiorías absolutas. O presidente da Xunta volveu axitar esa proposta a finais do pasado verán, cando a repetición das eleccións xerais semellaba xa inevitable, e volve facelo agora con especial intensidade ante o preacordo dos socialistas con Unidas Podemos para gobernaren en coalición. Faino entre apelacións a vellos cargos do PSOE, cuxa intervención reclama no marco da súa petición de "parar" o que denomina "goberno co Partido Comunista".

Feijóo foi cuestionado sobre ese novo escenario político estatal este xoves, tras a reunión semanal do Consello da Xunta. Ao ser preguntado ao respecto, o presidente mudou de inmediato ao castelán para asegurar que a súa proposta de pacto PSOE-PP para "parar" o acordo de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias segue en pé e ten o apoio da cúpula dos conservadores -a mesma que, por boca de Pablo Casado, asegurou non estar disposta a ir "con Sánchez, nin á volta da esquina- porque "procede máis ca nunca".

"Se alguén pode parar esta coalición entre o Partido Socialista e Podemos debería facelo", proclamou Feijóo dende o atril de San Caetano na defensa da súa proposta de pacto de goberno PP-PSOE

Segundo Feijóo, que socialistas e populares gobernen xuntos ou cando menos pacten a investidura é agora especialmente necesario porque o pactado por Sánchez implica que "o que denominabamos ata hai ben pouco Partido Comunista, Podemos e as súas variedes", vai estar "no Goberno de España" con Iglesias na vicepresidencia. "E iso é preocupante", máis aínda porque "a chave entre ese goberno entre o Partido Socialista e o Partido Comunista téñena os partidos independentistas", en referencia a Esquerra Republicana de Catalunya. Se sae adiante, agrega, esta sería unha "coalición letal para a España constitucional", aplicando ao pacto PSOE-UP o mesmo cualificativo que el mesmo aplicara na campaña das municipais á posibilidade de que Gonzalo Pérez Jácome fose alcalde de Ourense, posto ao que o líder de DO chegou cos votos do PP un mes despois.

Feijóo segue o desfile militar do 12 de outubro de 2017 en Madrid xunto a Felipe González, a quen eloxiou en múltiplas ocasións CC-BY-SA Xunta

"Se alguén pode parar esta coalición entre o Partido Socialista e Podemos debería facelo cada un no ámbito das súas responsabilidades", clamou Feijóo dende o atril de San Caetano, dende o que elevou á categoría de "erro histórico" este pacto. Segundo o líder do PPdeG, o PSOE xa non é "socialista" nin "español" e por iso apela aos vellos tempos e a antigos líderes do partido. "É o partido de Sánchez, non é o Partido Socialista de Felipe González, de Alfonso Guerra, de Rubalcaba, de Ibarra, de Javier Fernández", láiase. 

Pedro Sánchez, a ERC: só PSOE e UP queren diálogo en Catalunya

Mentres Feijóo exhibía en calidade de presidente da Xunta as súas saudades polo pasado do PSOE, a actual dirección socialista mantiña os seus primeiros contactos con ERC no Congreso e dende La Moncloa o propio Pedro Sánchez, en comparecencia pública co presidente electo do Consello Europeo, Charles Michel, advertía os republicanos cataláns de que os virtuais socios de goberno son "as dúas únicas organizacións a nivel nacional que apostan polo diálogo dentro da Constitución para resolver a crise política en Catalunya", informa Irene Castro.

Sánchez, na Moncloa co presidente electo do Consello Europeo, Charles Michel, este 14 de novembro © Fernando Calvo / Goberno de España

Sánchez: "Aqueles que se opoñen a un Goberno progresista formado por PSOE e Unidas Podemos, que é o único posible, terannos que explicar que alternativa propoñen"

"Aqueles que se opoñen a un Goberno progresista formado por PSOE e Unidas Podemos, que é o único posible, terannos que explicar que alternativa propoñen", subliñou Sánchez nun contexto no que así e todo, advirte, continúa "apelando á responsabilidade de todos os partidos políticos sen excepción, agás a ultradereita", para que "deixen paso á única posibilidade de Goberno que hai", di o presidente español en funcións. 

Ese acordo, que Sánchez admite cualificar como "histórico", é "ilusionante" e "abre unha esperanza de entendemento entre a esquerda" e "é novidoso" porque "por primeira vez en corenta anos, ofrécese a posibilidade dun goberno de coalición entre forzas progresistas" no Estado. Os plans dos socialistas son, polo momento, que Sánchez poida ser investido polo Congreso en decembro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.