Feijóo cede á multinacional Indra un espazo da Cidade da Cultura para un centro de tecnoloxías socio-sanitarias

Feijóo e o presidente de Indra, Abril-Martorell, recorren o espazo da Cidade da Cultura que a Xunta cede á empresa Dominio Público Xunta de Galicia

A multinacional Indra ocupará un dos espazos máis visibles da Cidade da Cultura, a Sala Eisenman, cun centro de tecnoloxías no ámbito socio-sanitario. Así o vén de anunciar este martes o presidente Feijóo na sinatura dun convenio entre a Xunta e a empresa, que xa é socia do Goberno galego na base de drons de Rozas. O anuncio prodúcese un día despois de que o propio presidente galego rectificase este luns o seu compromiso de non seguir construíndo o complexo cultural ideado por Fraga e avanzase que no lugar que ía ocupar o nunca rematado Teatro da Ópera se levantará un novo edificio para as universidades galegas que custará 17 millóns de euros.

A empresa xa é socia da Xunta na base de drons de Rozas e ocupará agora a Sala Eisenman do Gaiás, un dos lugares máis visibles do complexo

Pouco informou este martes a Xunta dos detalles do convenio agora asinado con Fernando Abril-Martorell, presidente de Indra, multinacional tecnolóxica privada da que o Estado posúe o 18% do accionariado. O Goberno galego non detalla nin se haberá pagamento de algún tipo de alugueiro ou outro tipo de compensacións. Só se sabe que no espazo que a partir deste mesmo verán ocupará a empresa na Cidade da Cultura “traballarán entre 35 e 50 persoas”. Si se informou do nome da iniciativa, Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras no Ámbito Socio Sanitario (CETISS), igual que tamén se lle puxeron siglas este luns ao edificio que se levantará no complexo para as universidades, CISUG, de Consorcio Interuniversitario de Galicia. A iniciativa é un paso máis, en verbas do propio Feijóo, do seu proxecto de converter a Cidade da Cultura no “polo tecnolóxico de Galicia”.

Tras anos de indefinicións e bandazos dos sucesivos gobernos autonómicos para dotar de contido o complexo arquitectónico impulsado hai dúas décadas por Manuel Fraga e deseñado polo arquitecto Peter Eisenman, cuxa construción xa consumiu uns 300 millóns de euros, o presidente Feijóo está a desvelar aos poucos esta semana os seus plans para o recinto. Tras o acordo unánime do Parlamento de Galicia adoptado en 2013 de non seguir construíndo os dous edificios que faltaban, o Teatro e o Centro de Arte, que suporían outros 170 millóns máis pero dos que só se executaran os seus cimentos, a Xunta foi reformulando e tratando de dotar de contido os outros catro edificios xa rematados: Museo, Biblioteca e Arquivo, Centro de Emprendemento e Centro de Innovación.

Sucesivos gobernos autonómicos levan anos tratando de dotar de contido o complexo cultural ideado por Fraga

Pensado todo o complexo do monte Gaiás inicialmente para contidos exclusivamente culturais, como indica o seu propio nome, o Centro de Emprendemento ía ser inicialmente o Arquivo de Galicia, pero este incorporouse á Biblioteca e o seu edificio dedícase agora a incubadora de empresas e coworking. Pola súa banda, o Centro de Innovación acolle agora os servizos informáticos centrais de toda a Xunta. Canto aos dous edificios sen construír, o oco escavado para os cimentos do Centro de Arte ocupouse cun lago artificial ao redor do cal se fixo un parque. Pola súa banda, o oco do Teatro non rematado está a ser convertido en auditorio ao aire libre, mentres que as estruturas que xa se comezaran a levantar serán as que agora se aproveiten para o novo edificio de oficinas que ocupará o consorcio formado polas tres universidades galegas.

Nesta reformulación da que a Xunta vai informando a pingas e sen comunicar ningún plan de conxunto global faltaba un espazo por dotarse de contido. Entre o Centro de Emprendemento, o edificio máis ao sur do complexo, e o seguinte cara ao norte, a Biblioteca-Arquivo, hai un gran espazo que se abre tamén sobre a praza central da Cidade da Cultura denominado Sala Eisenman, un dos máis visibles do complexo, que ata o de agora tivo todo tipo de usos. Durante varios anos albergou unha mostra explicativa sobre o proceso de deseño e construción da propia Cidade da Cultura, con maquetas da mesma. Ese espazo viña sendo usado de xeito recorrente polo Goberno galego para dar roldas de prensa que contribuían a xustificar o uso do complexo.

Vista da Sala Eisenman da Cidade da Cultura que agora ocupará Indra [Foto: Cidade da Cultura]

Coa cobertura legal da reforma sanitaria

Agora será esa Sala Eisenman, que deberá ser reformulada como lugar de traballo, xa que non é máis que un amplo espazo diáfano de paredes exteriores acristaladas, a que a Xunta cederá a Indra. A empresa xa é socia do Goberno galego noutro dos seus proxectos estrela, a base de investigación sobre drons do aeródromo de Rozas, na que participa tamén Inaer, a empresa de cabeceira de alugueiro de helicópteros da Xunta. Este martes o propio Feijóo lembrou que Indra vén sendo adxudicataria doutros moitos servizos autonómicos como a implantación da historia clínica electrónica ou a historia social única.

Aínda que a Xunta desenvolve dende hai anos acordos en materia sanitaria co sector privado pola vía dos convenios, ata hai escasos meses estes pactos non contaban cunha cobertura legal específica

Aínda que a Xunta desenvolve dende hai anos acordos en materia sanitaria co sector privado pola vía dos convenios, ata hai escasos meses estes pactos non contaban cunha cobertura legal específica. Si a teñen dende o pasado marzo, cando o PP sacou adiante en solitario o trámite definitivo da súa reforma sanitaria.

Como informou este diario, a nova redacción da lei de saúde inclúe unha cobertura legal explícita para asinar "contratos ou convenios" con "entidades públicas ou privadas" para o "desenvolvemento conxunto" de "produtos ou tecnoloxías sanitarias". Isto permite, de ser o caso, encaixar no Servizo Galego de Saúde o labor de compañías privadas como Indra ou, como xa sucedeu nos últimos anos, a estadounidense Medtronic.

Feijóo no acto no que anunciou a cesión a Indra do propio espazo da Cidade da Cultura no que estaba a falar Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.