Feijóo estende as alianzas de Galicia deixando á marxe as nacionalidades históricas

Os presidentes de Aragón, Asturias, Galicia e Castela e León co alcalde de León no centro Dominio Público Xunta de Galicia

Galicia e Aragón, xunto con Castela e León e Asturias, “comparten intereses comúns, froito das súas características socioeconómicas, da súa relación de vecindade e dos seus fondos vínculos históricos”. Así se pode ler na declaración conxunta asinada este luns polos catro presidentes autonómicos en León coa que o Goberno galego continúa a estender a súa rede de alianzas deixando á marxe as nacionalidades históricas.

A Xunta, cos gobernos de Aragón, Asturias e Castela e León, urxe a Rajoy a reformar este ano o sistema de financiamento antes das eleccións autonómicas previstas o ano próximo na maioría das comunidades

A reunión deste luns en León estivo centrada en pedir ao Goberno central que acelere a reforma do sistema de financiamento autonómico. Os catro gobernos, coa vista posta nos comicios previstos en maio de 2019 na maioría das comunidades, “manifestan a súa preocupación polo calendario electoral dos próximos anos que podería engadir máis incerteza a uns acordos xa de por si complexos de acadar polo que consideran necesario dar cumprimento no presente exercicio” ao acordo acadado hai algo máis dun ano para avanzar nesa reforma do financiamento. Unha reforma na que agora Feijóo quere ir da man tamén de Aragón ao igual que hai uns meses xa escenificara unha sintonía similar coa Comunidade de Madrid asegurando que tamén con ela había intereses en común. Intereses que días despois a propia presidenta madrileña, Cristina Cifuentes, xustificou coa unidade de España.

Esta nova alianza prodúcese ao tempo que Galicia evita manter relacións igual de estreitas coas outras dúas nacionalidades históricas, Euskadi (cuxo sistema de financiamento non depende do Estado) e Catalunya. Igualmente, Castela e León e Asturias están a ser os socios cos que a Xunta quere impulsar a denominada Macrorrexión europea do noroeste peninsular que supón diluír o alcance político da histórica Eurorrexión co Norte de Portugal.

O Camiño de Santiago volve ser un dos exemplos salientado como interese común de Galicia con outras comunidades

Para xustificar a nova alianza, este luns a declaración institucional asinada en León sinala como “exemplos” de iniciativas conxuntas desenvolvidas ata o de agora polas catro autonomías a “planificación do Camiño de Santiago”, elemento que a Xunta salientou compartir mesmo con Madrid, ou a “constitución dun foro estable de colaboración entre Comunidades Autónomas con Desafíos Demográficos (FREDD)”.

Reunión en León dos gobernos de Galicia, Asturias, Castela e León e Aragón Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.