Feijóo ignora a quen pertence a colección de arte das antigas caixas

Feijóo observa un cadro nun centro de Caixanova en febreiro de 2010 © Conchi Paz

"O patrimonio artístico era propiedade da caixa, se non lembro mal". "Se segue sendo así, agora é propiedade do banco". "Despois da fusión non sei se cambiarían ese criterio, pero a colección de arte da caixa era propiedade da caixa, non da fundación". No seu displicente discurso ante a comisión de investigación das caixas o ex director xeral de Caixa Galicia, José Luis Mendez, respondía deste xeito ás preguntas dos grupos parlamentarios sobre o futuro dun dos bens máis relevantes das antigas entidades financeiras. Estes fondos artísticos constitúen unha das máis importantes coleccións da arte galega que agora pode ser, cando menos en parte, unha vítima máis da desaparición destas institucións.

As dúas caixas non fixeron o mesmo con cadansúas coleccións. Así, mentres que Caixanova tiña as obras baixo custodia da súa fundación Caixa Galicia, como explicou Méndez, tíñaas adscritas directamente á entidade financeira, como unha parte máis do seu patrimonio. Deste xeito, despois da bancarización o patrimonio artístico de Caixanova mantense na Fundación Novacaixagalicia, na actualidade pendente de que a o Goberno galego a dote dun padroado. No entanto, os cadros, esculturas e demais obras que pertencían a Caixa Galicia son agora de Novagalicia Banco e, polo tanto, se ninguén o impide a súa sorte dependerá unicamente da vontade de quen compre esta empresa cando o FROB a venda.

Feijóo mantén que toda a colección artística é da Fundación Novacaixagalicia, pero a que provén de Caixa Galicia é de Novagalicia Banco

Esta cuestión, nada menor, é precisamente a que semella que se lle escapa ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Despois de que o pasado mércores o actual responsable da Fundación Novacaixagalicia e antigos dirixentes das dúas obras sociais alertasen na propia comisión parlamentaria da posibilidade de que parte desta "excepcional" colección chegase a marchar de Galicia, Feijóo foi cuestionado ao respecto. Ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta Feijóo amosouse convencido de que "o patrimonio das caixas non é do banco, senón da caixa" e por iso o Goberno galego vai "concretar" a "proposta de padroado dunha fundación pública que salvagarde o patrimonio da caixa, vixente como obra social".Segundo o titular da Xunta "eses bens seguen sendo titularidade da comunidade autónoma e non se poden trasladar nin allear porque non son propiedade do banco", mantén, obviando que os cadros provenientes de Caixa Galicia si o son.

O presidente non foi quen de aclarar se o seu Goberno valora declarar BIC o conxunto do patrimonio artístico das caixas

Neste contexto os xornalistas preguntáronlle tamén ao presidente por outra das propostas lanzadas na comisión: que o conxunto do patrimonio artístico das caixas sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta, para así garantir a súa protección e unidade. Como a anterior cuestión, esta tamén colleu a Feijóo co pé cambiado, limitándose a observar que "os BIC non son unha decisión do presidente da Xunta". "Se da Consellería de Cultura se fai unha proposta, por suposto que o imos declarar", di, se ben admite que "non lle podo dar unha resposta a unha pregunta que ignoro a súa resposta a súa resposta o suficientemente sólida como para poder contestar". En calquera caso, reitera, "o patrimonio da obra social non se pode allear, agás con autorización do padroado da obra social" o cal se vai constituír "nos próximos meses". "Sobre o patrimonio do banco, se ten declaración de BIC, faremos a auditoría correspondente para, no seu caso, declaralo dese xeito", resolve. O futuro da coleccións semella, polo tanto, incerto.

Feijóo observa un cadro nun centro de Caixanova en febreiro de 2010 © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.