Feijóo non cobrará polas ambulancias non urxentes... ata que o ordene o Estado

Feijóo, ante a prensa tras o Consello © Ana Varela

Os pacientes do Servizo Galego de Saúde non pagarán polas ambulancias non urxentes. Polo momento. O presidente da Xunta viuse obrigado este xoves a terciar na alarma prendida dende Madrid polo Real Decreto "de medidas urxentes" do Ministerio de Sanidade, cuxo estourido afecta inmediatamente aos pensionistas en forma de novo repagamento dos medicamentos pero que trae consigo unha onda expansiva que non é menor e que afecta a áreas tan sensibles como o "transporte sanitario non urxente, suxeito a prescrición facultativa, por razóns clínicas" e, máis concretamente, ao xeito de financialo. Como xa fixera a mediados de marzo no caso dos fármacos Alberto Núñez Feijóo opta por nadar e gardar a roupa expoñendo do xeito máis dixerible posible para a cidadanía os preceptos ditados por un Ministerio cuxa confusa política comunicativa contribuía a acrecentar o desacougo dos pacientes. Cobrará o Sergas polas ambulancias non urxentes? Non hai "ningunha novidade" e cando a haxa, a Xunta "a avaliará".

Con ser certa, a resposta do presidente non é todo o ampla que puidera ser. Asegura Feijóo que as normas urxentes do Goberno central non establecen un repagamento inmediato para este servizo, empregado por exemplo por persoas con problemas de mobilidade para acudiren a unha consulta ou para realizar probas diagnósticas, así como por pacientes sometidos a tratamentos continuados, caso por exemplo da quimioterapia. Ata o de agora en Galicia -non así noutras comunidades- o médico encargado do doente prescribe a ambulancia para un día determinado e paciente é recollido sen ter que abonar taxa ningunha. Neste estado de cousas o xefe do Executivo quere "mandar unha mensaxe de tranquilidade", porque "non se vai cobrar neste momento nin nas seguintes semanas, nin nos seguintes meses". Pero quere isto dicir que non se vaia cobrar nunca? Non. De feito, o propio Real Decreto ponlle prazo de caducidade á actual situación: seis meses.

O Real Decreto establece que en seis meses se regulará o repagamento das ambulancias non urxentes dun xeito semellante ao dos medicamentos

Será dentro dese tempo cando Sanidade regule, vía orde ministerial, o xeito en que se prestará o transporte sanitario non urxente, considerado parte da "carteira común suplementaria do Sistema Nacional de Saúde". Farao especificando que haberá "un nivel de achega do usuario acorde ao determinado para a prestación farmacéutica", isto é, semellante ao 10% dos medicamentos que pagarán os pensionistas -con límites de 8 ou 18 euros ao mes en función da renda- e ao 50% que pagan as persoas traballadoras activas. Non quere isto dicir que estas cifras vaian ser idénticas, senón que o Consello Interterritorial de Saúde -que xunta a Estado e autonomías- poderá establecer un abano máis ou menos flexible. E é a este punto ao que se aferra Feijóo.

"En función das marxes" que deixe o departamento de Ana Mato "nos moveremos", di o presidente, que asegura ademais que dende a Xunta serán "sensibles coa nosa propia demografía e coa patoloxía dos pacientes", tendo sempre en conta, non obstante, que "o obxectivo é a carteira de servizos única" en "todo o Estado", unha "uniformidade mínima" que o Goberno galego apoia e que sairá adiante sen problemas no Consello Interterritorial, dado que o PP goberna na maioría das comunidades autónomas. En síntese, cando dende Madrid se detalle o novo repagamento, o Sergas aplicarao, aínda que cabe que o faga empregando as taxas máis baixas da escala, caso de que exista unha escala.

PSdeG, BNG e SOS Sanidade Pública "solicitan o incumprimento da Constitución"

Neste contexto, aínda que amortecendo algúns dos sons que máis renxen ao ouvido cidadán, o presidente segue a interpretar a partitura sanitaria do gabinete de Rajoy, tamén á hora de rexeitar as alternativas lanzadas pola oposición parlamentaria e polos grupos de defensa da sanidade. Como xa fixera na sesión de control do Parlamento Feijóo identifica a petición de non aplicar o repagamento farmacéutico cunha petición expresa de non cumprir as leis fundamentais do Estado. As normas que dita o Ministerio de Sanidade son "lexislación básica" e por iso, di, "sorprende" que, por exemplo, o PSOE "solicite un incumprimento da Constitución", afirma para rexeitar a lei proposta polo secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, para "blindar" os servizos públicos de sanidade e educación. 

SOS Sanidade reclamou que a Xunta lles abone aos pensionistas o que teñan que pagar pola medicación

"Eu represento o Estado en Galicia, conforme o Estatuto e a Constitución" e "pedirlle a un responsable que sexa irresponsable non me parece axeitado", razoa Feijóo, evitando valorar a proposta lanzada tanto por grupos políticos como por SOS Sanidade Pública, que o pasado mércores lle expuñan unha vía para pasar por riba das novas taxas para pensionistas sen incumprir lei ningunha. Abondaría, explicaba o voceiro da plataforma, Ramón Veras, con que a Xunta se comprometese a abonarlles ás persoas xubiladas os cartos que teñan que achegar para cumprir coas normas estatais. "O anterior Goberno decidiu conxelar as pensións e subirlles os impostos aos pensionistas para financiar beirarrúas parques e xardíns", "este Goberno decidiu pedirlles axudas aos pensionistas que teñen un pouco máis de renda para poder seguir indo gratis ao médico", conclúe Feijóo.

Feijóo, ante a prensa tras o Consello © Ana Varela
Ambulancia do 061 © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.