Feijóo pide mudar o Código Penal e considerar os incendios como terrorismo tras negar a Fiscalía que o sexan

Reunión do Consello da Xunta deste xoves Dominio Público Xunta de Galicia

O pasado luns o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, negou que os incendios da vaga de lume do pasado outubro poidan ser considerados como terrorismo, como os cualificou a Xunta. E argumentou que para iso, máis alá de que fosen intencionados, requirirían condicións que ao seu ver non se deron: que buscasen “subvertir a orde constitucional, alterar gravemente a paz pública ou provocar estado de terror na poboación, e iso non foi así”, dixo. Tras esas palabras, este xoves o presidente Feijóo pediu que se cambie o Código Penal para que os incendios intencionados teñan cabida no delito de terrorismo.

Na súa rolda de prensa semanal tras a reunión do seu Goberno, Feijóo asegurou que coincide con tres das principais conclusións expresadas polo fiscal no Parlamento de Galicia: que os incendios foron intencionados, que non houbo unha trama detrás deles e que non son terrorismo. E matizou especialmente as dúas últimas para tentar trasladar a imaxe de que non contradín o discurso oposto a elas que viña trasladando a Xunta.

“De tramas falaron outros gobernos, o goberno que eu presido nunca”, dixo, sen indicar que outros executivos, entre os que se sitúa o Goberno central de Mariano Rajoy, que si empregou esa expresión

Feijóo salientou que a maioría dos incendios foron intencionados, pero volveu atribuír á propia Fiscalía as dúbidas sobre a posible existencia de tramas organizadas detrás deles malia que o seu propio Goberno e o PP alentaron as sospeitas ao respecto. Malia empregar el mesmo expresións como “atacáronnos indiscriminadamente” ou “o sucedido non é resultado da casualidade”, vinculadas á antedita expresión de “terrorismo incendiario”, Feijóo insistiu este xoves en que el nunca empregou a expresión “trama”. “De tramas falaron outros gobernos, o goberno que eu presido nunca”, dixo, sen indicar que outros executivos, entre os que se situaría o Goberno central de Mariano Rajoy, que si empregou esa expresión, ademais do bipartito de PSdeG e BNG.

Sobre a consideración dos incendios intencionados como “terrorismo incendiario”, expresión que a Xunta divulgou mesmo pagando anuncios en prensa, e que Feijóo alentou que tivese repercusión penal, o presidente admitiu este xoves que “non se pode falar desde o punto de vista de recoñecemento xurídico no Código Penal de terrorismo incendiario, e por iso nós defendemos que haxa as modificacións legais axeitadas para que esas actuacións intencionadas se poidan cualificar desde o punto de vista penal como delitos de terrorismo incendiario”. Un cambio que, segundo o expresado polo fiscal superior, implicaría aumentar os anteditos criterios para que un delito sexa considerado terrorismo.

O manifesto da Xunta sobre os incendios, nas páxinas dun dos xornais impresos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.