Feijóo pide un galego "que non separe", a oposición ínstao a cumprir a lei

Feijóo e Dorado, no acto do PP © PPdeG

Hai dous días no ano nos que Alberto Núñez Feijóo acode ao Panteón de Galegos Ilustres en calidade de líder do PPdeG: a xornada previa ao Día Nacional de Galicia e antes do Día das Letras. No primeiro caso realiza unha ofrenda floral a Castelao e no segundo, a Rosalía. En ambos, faino acompañado de membros das Novas Xeracións da formación conservadora, que o acompañan nas escaleiras de San Domingos de Bonaval durante a lectura dun manifesto que xira, esencialmente, sobre a lingua e a identidade galegas e a necesidade de que ambas non "separen", senón que "unan". Isto vén sendo así dende que Feijóo é xefe do Goberno galego e este ano non foi unha excepción. Nas horas previas ao 17 de maio depositou unha coroa de flores ante o sartego de Rosalía xunto ao líder das mocidades do seu partido, Javier Dorado, que o acompañou cunha bandeira galega pendurada do cinto. Despois, o presidente transmitiulles aos mozos e deputados presentes a súa visión sobre o idioma que debe ser "ponte" e non "muro".

Trátase, segundo Feijóo, de recoller a herdanza dos "milleiros de galegos anónimos" que "non están aquí, pero merecen un panteón na nosa memoria". Como xa asegurara en anteriores visitas a Bonaval, eses antergos "formaron un exército invisible e pacífico conxurado para a supervivencia da nosa cultura". "Non hai peor inimigo da lingua que o que a utiliza para separar, para establecer lindes ou diferenzas", explicou. Porque as linguas "utilizadas como ferramentas de división acaban suicidándose porque o seu propósito é cativo". Só "perduran", asegura, "as que son gardadas con agarimo por un pobo que quere sentirse unido".

O xefe de filas dos conservadores galegos "pídelles" aos seus que sexan "axentes activos" nun "gran reto" para a lingua, que non é outro que "desempeñar o seu papel entre os demais pobos de España, de Europa e do mundo", para que así os galegos poidan achegar "os innumerables valores dos que fixeron acopio os nosos avós". 

Cumprimento do Plan Xeral de Normalización

Tamén houbo peticións nos actos protagonizados polas dúas forzas da oposición na xornada previa ao 17 de maio. O BNG, como membro da plataforma Queremos Galego, asiste á manifestación convocada por este colectivo en Compostela como acción central do Día das Letras, se ben tamén enmarca nesta data a presentación dunha iniciativa parlamentaria con aire de "última oportunidade" para o PP na que se inclúe unha petición esencial: o "cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega" aprobado por unanimidade da Cámara en 2004. O PP, di o voceiro nacionalista en materia de lingua, Bieito Lobeira, "mántén unha posición belixerante e de desprezo co idioma galego" polo que, "de non mudar esta política, votaremos á situación de hai trinta anos", "con mobilizacións sociais e a golpe de pincel e spray".

Lobeira: "De non mudar a política do PP volveremos á situación de hai trinta anos, con mobilizacións e a golpe de pincel e spray"

Se esta proposta non sae adiante, advirte Lobeira, "o BNG romperá calquera tipo de acordo ou interlocución co PP". "Nós non imos ficar sós na defensa duns acordos que sistematicamente son desprezados polo Goberno", di o parlamentario, polo que, se os conservadores non desenvolven o acordo, "volveremos á situación previa ao ano 2004 para restituír a lingua galega alá onde quede excluída".

Pola banda do PSdeG os actos previos ao Día das Letras levaron o seu secretario xeral, Pachi Vázquez, ata o cemiterio de Lérez, en Pontevedra, nunha homenaxe a Valentín Paz Andrade. Acompañado do fillo do autor homenaxeado, Alfonso Paz-Andrade, Vázquez presentou un manifesto a prol da cultura e da lingua galega no que resumiu as posicións do partido "como galeguista e socialista". Despois de que, nos últimos días, diversos representantes da formación tamén lle esixisen á Xunta o cumprimento do PXNL, Vázquez comprometeuse a que, "dende calquera ámbito da acción política" no que o PSdeG "teña a confianza da cidadanía", apoiará "as industrias culturais, a creación artística, a produción e programación cultural" en lingua galega.

Nun marco de "revalorización e aposta pola nosa cultura e a nosa lingua" o líder socialista ve ademais "imprescindible" que a CRTVG "conte con medios humanos, económicos e técnicos precisos" e fai especial fincapé na "necesidade de dotar a Galicia dun novo marco estatutario", un ámbito no que "reivindica o papel xogado polos nosos compañeiros socialistas e galeguistas demócratas na historia da nosa autonomía, na que tiveron papel protagonista figuras como a de Xaime Quintanilla, na defensa do Estatuto da II República, ou de Rodríguez Pardo e Ceferino Díaz no de 1981".

Vázquez, con Paz-Andrade na ofrenda CC-BY-NC-SA PSdeG
Feijóo e Dorado, no acto do PP © PPdeG
Lobeira, na presentación da iniciativa sobre lingua CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.