Feijóo presume de "pioneiro" no aforro en administración paralela, que o Consello de Contas ve "residual"

A Axencia Galega de Innovación é un dos últimos entes paralelos postos en marcha pola Xunta © Xunta

Tras anunciar o PP para Andalucía un recorte dos coñecidos como 'chiringuitos', o presidente galego salienta que a Xunta suprimiu 69, cifra que o ente independente fiscalizador reduce en contía e importancia

Unha das principais medidas que está a anunciar o PP para a Junta de Andalucía agora que vén de obter a súa presidencia é un recorte da súa administración paralela, os coñecidos como chiringuitos. A iniciativa está a ter un importante eco en medios estatais e, nese contexto, este xoves o presidente Feijóo quixo presentarse a si mesmo como un adiantado nese eido: “Galicia foi pioneira en avaliar e reducir os seus entes paralelos”, dixo, para cuantificar en 88 os suprimidos desde 2009. Pola contra, o Consello de Contas, organismo independente que fiscaliza á Administración autonómica, reduciu esa cifra á metade no seu seu último informe ao respecto, o terceiro consecutivo no que cualifica de “residual” o aforro logrado polos Gobernos de Feijóo.

O xeito elixido por Feijóo para introducirse a si mesmo no debate sobre a redución de entes paralelos reaberto a raíz do cambio de goberno en Andalucía foi o de aprobar na reunión semanal da Xunta deste xoves un informe sobre a situación dos entes paralelos en Galicia, un tipo de documento sen valor legal empregado habitualmente polos gobernos de xeito propagandístico. Segundo ese informe, debullado por Feijóo, desde 2009 a Xunta suprimiu 88 entes paralelos e logrou un aforro de 90 millóns de euros.

Na quenda de preguntas a Feijóo pedíuselle unha valoración sobre outro informe menos favorable que o seu, o que cada ano vén elaborando o Consello de Contas de xeito independente sobre a situación deses entes paralelos. O último, presentado hai menos de medio ano con datos a 1 de xaneiro de 2017, polo que desde aquela poderían variar algo as cifras, cuantificaba en 47 os entes suprimidos pola Xunta, case a metade dos anunciados por Feijóo, e deles 34 eran as fundacións comarcais espalladas por toda Galicia creadas durante os gobernos de Manuel Fraga. 

Fragmento do informe do Consello de Contas que considera "residual" o aforro logrado coa redución de entes paralelos CC-BY-SA Praza Pública

Contas cualifica de “residual” a importancia económica dos aforros logrados, que cuantifica en “menos do 1% dos fondos xestionados” por todos os entes paralelos da Xunta, o que leva a dicir que “a redución no sector é máis nominal que real”

Ese informe do Consello de Contas, como os de anos anteriores, cualifica de “residual” a importancia económica dos aforros logrados, que cuantifica en “menos do 1% dos fondos xestionados” por todos os entes paralelos da Xunta, o que leva a dicir que “a redución no sector é máis nominal que real”. Igualmente, Contas, que censura que a Xunta non fixo públicos eses plans de redución de entes nin actualiza o listado dos mesmos incumprindo así a lei desde 2010, tamén di que o feito por Galicia nese eido “se corresponde co acadado pola media autonómica”. 

Feijóo admitiu que as súas cifras e as do Consello de Contas difiren, pero optou por quedarse coas propias, “datos nos que nos reafirmamos, un por un”. Porén, a continuación matizou a cifra que dera previamente de 88 entes suprimidos e engadiu que, ao tempo, a Xunta creou neste tempo outros 19, polo que o saldo sería de 69 menos durante os seus gobernos. O presidente chegou dicir que o seu informe “está a disposición do Consello de Contas” e engadiu: “supoño que a Consellería de Facenda faría alegacións a ese informe”. Efectivamente, Facenda e varios entes paralelos da Xunta presentan cada ano alegacións a Contas, que desestima a maioría e inclúe unhas poucas como matices menores ao seu informe final crítico co Goberno galego que fai público.

34 dos entes suprimidos foron as fundacións comarcais creadas en tempos de Fraga, cuxos directivos Feijóo recolocou en postos creados de xeito específico para eles

A cifra de 69 entes menos ofrecida por Feijóo, asumindo que a análise do Consello de Contas non está actualizada, difire en todo caso moito dos 47 que os fiscalizadores contabilizaron e cuxo efecto consideraron residual pola súa propia reducida entidade, ao ser 34 deles as anteditas similares fundacións comarcais. Os ex-directivos desas fundacións, por outra parte, foron recolocados pola Xunta en postos creados de xeito específico para eles en oficinas de emprego. Ao tempo, na última década o orzamento total destinado a soldos de altos cargos dos entes paralelos aumentou un 60%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.