Feijóo reivindícase e erixe o seu goberno no "máis estable de España" tras o 24M

CC-BY-SA Praza Pública

Alberto Núñez Feijóo reivindícase. Aínda que as eleccións do 24M se saldaron no PPdeG co peor resultado municipal da súa historia os resultados do partido nas comunidades nas que se celebraron eleccións autonómicas deixaron o presidente da Xunta o único dirixente popular que, xunto a Mariano Rajoy, goberna con maioría absoluta. Neste escenario e a apenas tres días de perder gran parte do seu poder local Feijóo aproveitou a sesión de control no Parlamento para enviar un recado que, dadas as circunstancias, pode ir dirixido tanto á oposición galega como aos seus compañeiros de partido na madrileña rúa de Génova.

O portavoz socialista, José Luis Méndez Romeu, cuestionou a Feijóo sobre se os resultados das municipais derivarían en "inestabilidade" no Executivo galego, dadas as quinielas políticas que sitúan o presidente na dirección estatal do PP e mesmo no Goberno de España. "No novo escenario político o que queda máis claro é a estabilidade da Xunta de Galicia", respondeu Feijóo, que apela aos seus resultados electorais de 2009 e 2012 para proclamar que o seu é o goberno autonómico "máis estable de España".

Segundo o líder conservador o PSOE pon o foco na súa posible marcha a Madrid para "ocultar o que van facer o vindeiro sábado", isto é, apoiar -na Coruña e Ferrol- ou non impedir -en Santiago- gobernos municipais de Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común. Por culpa dos socialistas, acusa Feijóo, estas cidades terán "gobernos xestionados por partidos minoritarios", partidos que "están de acordo co réxime de Venezuela" e que, no caso coruñés, "nin sequera son nacionalistas", senón "dez partidos que din que naceron do 15M".

O presidente culpa o PSOE de que vaian gobernar A Coruña, Santiago e Ferrol "partidos que están de acordo co réxime de Venezuela"

Feijóo lanza estas críticas porque, afirma, "creo na democracia e nos gobernos que saen das urnas". Segundo o presidente galego é "evidente" que "as coalicións están no ADN do PP", pero esas coalicións "non teñen tanto de democrático e nada de ético" se nelas non participa a forza máis votada. Aínda que, obviamente, as alcaldías son elixidas polos edís e non pola cidadanía nas urnas o presidente da Xunta alerta de que "un millón de galegos" podería, desde o vindeiro sábado, "ter un alcalde que non fose o máis votado nas urnas". "Non se crea, hai moitos socialistas preocupados" por este motivo, asegura.

Romeu insta a Feijóo a "deixar de facer o ridículo ameazando so cidadáns" e "empezar a gobernar"

"Véxoo confuso e confundido", retrucou o voceiro do PSdeG. O resultado electoral do 24M, sinala Méndez Romeu, é o decididido por unha cidadanía "farta de corrupción" que non cambiou o sentido do seu voto malia os "quince días de campaña apocalíptica" protagonizados polo propio Feijóo. "Sexa demócrata, deixe que se formen os gobernos" e, se pode, "busque consensos". "Déixese de facer o ridículo e de ameazar os cidadáns", recomenda, nun contexto no que o presidente da Xunta, di, debería preguntarse se "vai seguir demonizando" ou, no seu defecto, vai empezar a gobernar", se "continuará coa súa autopropaganda en Madrid" ou "se ocupará dos problemas de Galicia".

Feijóo, este mércores durante a sesión de control © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.