Feijóo reparte culpas ante a esixencia de investigar xa Novagalicia Banco

Feijóo e deputados do PP, nun intre do debate © Conchi Paz

Hai xa varias semanas que as sesións de control ao presidente da Xunta mudaron de ton. A intensísima treboada económica no conxunto do Estado e o desgaste que chega a San Caetano rebotado dende La Moncloa vénlles dando azos aos grupos da oposición á hora de esixirlle responsabilidades a Alberto Núñez Feijoo, especialmente cando a materia a tratar é sanitaria, educativa ou financeira. Este martes non foi unha excepción. Ben ao contrario, o penúltimo control ao presidente do período de sesións -e quizais da lexislatura- subíu a temperatura da tensión dialéctica no hemiciclo se cadra máis do habitual, nunha sesión que tivo un aquel de resumo do mandato. O socialista Pachi Vázquez e a nacionalista Ana Pontón coincidiron, con matices, en pedirlle contas a Feijóo pola xestión das antigas caixas e sobre o futuro de Novagalicia Banco tras o rescate e o xefe do Goberno centrouse en defender a súa propia xestión e, esencialmente, en distribuír culpas en porcións alícuotas entre o cada vez máis afastado no tempo bipartito da Xunta e o aínda máis próximo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero no Estado.

Aínda que con cadanseus lastres socialistas e nacionalistas conseguiron alterar os ánimos do presidente e tamén das bancadas populares, das que xurdiron intensos rebumbios que incomodaron visiblemente a presidenta da Cámara. O encargado de abrir fogo foi Vázquez, apostando por unha combinación de "responsabilidade" e "petición de responsabilidades a quen nos levou ata aquí". O líder socialista lembra que a actual situación da nacionalizada e en perdas Novagalicia Banco pouco ten que ver co cadro pintado pola auditoría "encargada hai dous anos e medio" pola Xunta á consultora KPMG, na que se "confirmaba a viabilidade da fusión" de Caixa Galicia e Caixanova e se aseguraba que, "cun préstamo de 1.190 millóns" do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), "obtería 1.161 millóns de beneficio bruto entre 2010 e 2015".

Pachi Vázquez lembra que a auditoría encargada pola Xunta garantía a viabilidade e rendibilidade da entidade resultante da fusión

Lonxe dese escenario, a entidade recibiu primeiro eses 1.190 millóns do FROB 1, despois 2.260 do FROB 2 e agora xa se fala de que poderían ter que chegar 4.400 máis dos cartos do rescate, todo isto, nun banco que xa é "practicamente de titularidade pública", co 93% baixo control do Estado. Cómpre, nesta situación, di, "unha fronte común para esixirlle ao Banco de España e ao Goberno de España" que, unha vez cuberto o proceso de recapitalización, ese banco "non se poxe, non se fraccione nin fusione" e, "aclarando co BNG" o "matiz entre titularidade pública e banco público", as tres forzas parlamentarias falen coa mesma voz. Ese proceso, di, ten que vir acompañado dunha convocatoria inmediata da comisión de investigación sobre o acontecido nas caixas, a mesma que o PP viña de rexeitar poucas horas antes.

Pontón: "Vota en contra da investigación porque hai responsabilidades que poden chegar a ser penais"

Tamén a voceira do BNG esixe "constituír xa unha comisión de investigación" despois de que o PP "leve meses votando en contra de que se poida investigar os ex directivos". "Fano porque hai responsabilidades que mesmo poden ser penais" e "queren evitar que esa situación chegue" nun contexto agravado pola "estafa social e o roubo ao conxunto da sociedade" que, di, supón o rescate. "A situación é dobremente lesiva para Galiza e supón o certificado de defunción para o sistema financeiro galego", di Pontón, en cuxa opinión "para o futuro a única alternativa é unha banca pública, pero galega", sinalou, dirixíndose a partes iguais a PP e PSdeG, xa que "PP e PSOE negaron no Parlamento do Estado que se transferise a Galiza a participación do FROB" en Novagalicia Banco.

Feijóo asegura que haberá investigación, pero "respectaranse os tempos"

Con estas cartas sobre a mesa dende o escano presidencial comezou o reparto. Para Vázquez, pola súa "deslealdade e apoio aos bandazos do Goberno socialista de Madrid", que Feijóo exemplificou botando man de titulares de prensa dos últimos tres anos; "Vázquez: Feijóo busca a fusión para entregar o paquete a Caja Madrid", "O PSdeG pídelle á Xunta que deixe traballar soas ás caixas", leu. "Non necesito que me recorde cales son as miñas funcións, seguireinas exercendo, diga o que diga o señor Vázquez e o PSdeG, se é que aínda lles queda algo de PSdeG", espetou. Sobre a investigación, "hai dous tipos de xustiza, a xustiza aínda que caia o mundo e para que non caia o mundo, nós preferimos a segunda", isto é, agardar. Haberá investigación, garante, pero "respectaranse os tempos".

Da prensa, pero dun anuncio, tirou tamén o presidente para responderlle ao BNG. "Eu podería facer o que vostedes fan, destinar diñeiro público da Deputación de Lugo a facer propaganda política en todos os xornais de Galicia", reprochou, en referencia a un anuncio contra o rescate publicado o pasado luns dende a vicepresidencia da entidade luguesa. Mentres os deputados do Bloque amosaban cartaces contra o rescate e a vicevoceira do PP, Marta Rodríguez, facía o propio co devandito anuncio, Feijóo ollou de novo atrás para segurar que no bipartito "ninguén estudou a situación das caixas" porque "ninguén no bipartito se preocupou realmente por Galicia". A culpa, en definitiva, di, tamén é do BNG por ser "socio" do PSdeG e do PSOE. "Sigan acordando e se teñen algún acordo, trasládeno, nós seguimos onde estamos", conclúe o presidente de cara aos dous voceiros, "tentando construír o que nos atopamos destruído". A comisión de investigación seguirá a agardar.

Vázquez realiza a pregunta a Feijóo CC-BY-NC-SA PSdeG
Os deputados do BNG amosan carteis contra o rescate CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.