Feijóo retruca á vaga de protestas pedindo “respecto” para “a maioría da sociedade que decide non manifestarse”

Feijóo, durante a súa intervención este mércores no Parlamento de Galicia Dominio Público @GrupoPopularGal

Nun debate centrado por el mesmo na igualdade malia que o BNG lle preguntaba por diversas protestas sociais dos últimos tempos en Galicia ademais da feminista, o presidente Feijóo recuperou este mércores no Parlamento de Galicia o argumento de que as maiorías silenciosas están co PP e pediu “respecto” para “a maioría da sociedade galega que decide non manifestarse na rúa”. Foi nunha sesión de control ao Goberno galego na que o presidente volveu evitar aclarar que delegado do Goberno o avisou das súas fotos con Marcial Dorado para, pola contra, pedir el explicacións a En Marea pola actuación da súa deputada Paula Quinteiro, implicada nunha actuación policial por vandalismo na pasada noite do sábado ao domingo.

O presidente evita novamente responder, agora no Parlamento, cal delegado do Goberno o avisou das súas fotos con Marcial Dorado e pide explicacións a En Marea pola deputada implicada nunha actuación policial por vandalismo

A portavoz do BNG, Ana Pontón, preguntou este mércores a Feijóo non só pola mobilización feminista senón tamén polas protestas dos pensionistas, do persoal da xustiza ou contra a reforma sanitaria. “A democracia é máis que ir votar cada catro anos e a rúa estalle a dicir que non lle deu un cheque en branco para gobernar en contra das maiorías sociais”, dixo Pontón, para quen Feijóo “non pode desprezar a todo o mundo todo o tempo”.

A resposta do presidente, ao tempo que se centraba en enumerar as súas políticas en materia de igualdade, foi a de asegurar que o Goberno galego escoita as reclamacións que se fan en todas as manifestacións ou conflitos sociais e, ao tempo, reclamar o antedito “respecto” para “a maioría da sociedade galega que decide non manifestarse”. Feijóo chegaría máis tarde a pedir á oposición que atenda “o clamor social da prisión permanente revisable” ou “o clamor de Cataluña en defensa da lei, da Constitución e do Estatuto” asegurando que o PP vai “atender todos os clamores sociais”.

Feijóo insinuou que a actuación da deputada de En Marea Paula Quinteiro, implicada nun caso de vandalismo, foi premeditada mentres que Villares evitou referirse á cuestión

Tamén o portavoz de En Marea, Luís Villares, inquiriu a Feijóo polas mobilizacións sociais. Pero na súa intervención aproveitou para formularlle tamén a pregunta que o pasado xoves o presidente rexeitou contestar a este diario sobre cal dos tres delegados do Goberno que houbo en Galicia en 2004 o avisou, como revelou el mesmo na súa entrevista no programa Salvados, da existencia das súas fotos co contrabandista Marcial Dorado. Este mércores, en sede parlamentaria, o presidente rexeitou novamente responder a cuestión sobre a súa amizade con Dorado e volveu tornar a sesión de control ao goberno nunha nova sesión de control á oposición.

Feijóo replicou a Villares pedíndolle explicacións pola implicación na noite do sábado ao domingo pasados da súa deputada Paula Quinteiro nunha actuación policial por vandalismo. Segundo atestado policial, Quinteiro tento dificultar, facendo valer o seu cargo de deputada, a identificación dun acompañante supostamente implicado na rotura de varios espellos retrovisores de coches aparcados nunha rúa de Santiago. Feijóo preguntou a Villares que “decisión” vai tomar, como portavoz do seu grupo parlamentario, a respecto de Quinteiro, para a continuación asegurar que non vai facer nada porque carece do respaldo das diversas correntes que conforman En Marea. O presidente mesmo insinuou que a actuación  da deputada fora premeditada e dixo que “o sábado saíron á rúa unha serie de persoas simplemente co interese de vandalismo puro”. Villares, pola súa banda, non dixo nada sobre Quinteiro ou os feitos do sábado.

Feijóo gabou e criticou a un tempo ao PSOE ao lamentar a herdanza recibida polo PP de gobernos socialistas e asegurar que “o PSOE ata que chegou o señor [Pedro] Sánchez era un partido moi serio coas pensións”

Pola súa banda, o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén preguntou a Feijóo polas mobilizacións dos pensionistas e criticou o que considerou reducidos recursos autonómicos para as persoas maiores. En particular, o socialista lamentou as dificultades para atopar prazas en residencias. Feijóo respondeulle asegurando que desde a súa chegada á Xunta as prazas en residencias pasaron de 6.900 a 11.100, e prometeu 900 prazas máis nesta lexislatura, ao que o socialista replicou salientando que a inmensa maioría son prazas en centros privados concertados e que o Goberno galego rexeita incrementar as públicas.

O presidente, ao tempo que criticou novamente a herdanza recibida polo PP de gobernos socialistas, gabou e censurou a un tempo que “o PSOE ata que chegou o señor [Pedro] Sánchez era un partido moi serio coas pensións”. Unha materia na que Feijóo avalou as subas limitadas aínda sen concretar das pensións anunciadas polo Goberno central.

Villares, Leiceaga e Pontón, durante unha sesión de control Dominio Público Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.