Feijóo: "Se estou a favor das mamografías? Depende a que idade"

Feijóo, tras o Consello da Xunta © Xoán Crespo

Non pasaran nin vinte e catro horas dende que o presidente da Xunta se esforzara en desmarcarse das políticas do Goberno central. "Os galegos distinguirán entre o Goberno central e eu", aseveraba Alberto Núñez Feijóo mentres o voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, ratificaba que ningún cargo estatal da formación, nin o propio Mariano Rajoy, participaría na proclamación do xefe do Executivo galego como candidato á reelección. Neste contexto transcendía este xoves unha nova mala noticia para os servizos públicos, pero tamén para as expectativas electorais dos conservadores. A Cadena SER revelaba que un dos grupos de expertos que están a asesorar ao Ministerio de Sanidade ten sobre a mesa a posibilidade de aplicar novos repagamentos pola vía de eliminar da carteira "básica" de servizos do Sistema Nacional de Saúde (SNS) prestacións como a reprodución asistida ou as mamografías en determinados supostos, entre outras. E o presidente da Xunta viuse forzado a tomar posición.

Ao ser cuestionado polos xornalistas sobre a opinión que lle merecería unha nova vaga de recortes sanitarios Feijóo tentou evitar a cuestión alegando que descoñecía os asuntos concretos que están a tratar os devanditos expertos. En todo caso e ante unha nova pregunta o presidente tomou posición dun xeito máis ou menos claro. "Se estou a favor das mamografías? Depende a que idade", sinalou, nun contexto no que "dicir se estou a favor ou en contra das mamografías con carácter xeral" é algo "de imposible resposta". "Cremos que hai que facer screening de mama e polo tanto estou a favor das mamografías", abonda, para a continuación matizar que "se me di en mulleres que non teñen risco de padecer cancro de mama, é outra cuestión". En todo caso non cre Feijóo que "deba" ser el "un experto en mamografías dentro da política española".

Ana Luisa Bouza: "Se dispón de dous millóns para unha campaña de publicidade pode e debe costear estes servizos"

Mentres a noticia dos posibles novos recortes xa corría por todo o Estado e mesmo algúns conselleiros de sanidade do PP, como o aragonés Ricardo Oliván, admitían a posibilidade de que os recortes cheguen tamén ás mamografías, en Galicia producíanse tamén as primeiras reaccións políticas, concretamente da banda do BNG. A través da súa voceira en materia sanitaria, Ana Luisa Bouza, os nacionalistas botaron man da hemeroteca máis recente para ofrecerlle ao presidente unha posible vía para compensar os novos recortes do Ministerio: dedicar a servizos sanitarios os case dous millóns de euros que, como avanzou Praza Pública, destinou o departamento de Rocío Mosquera a unha campaña publicitaria sobre medicamentos xenéricos.

"Se o Goberno galego dispón de máis de dous millóns para costear a campaña pode e debe", en opinión de Bouza, "costear os servizos que van ficar excluídos da carteira básica". Feijóo, di a parlamentaria do Bloque, debería declarase "insubmiso" ante un recorte que, "unha vez máis", prexudica especialmente ás mulleres, xa que "se está a falar mesmo de servizos tan fundamentais para a saúde das mulleres como as mamografías". "Non basta con afirmar que el non toma as mesmas medidas que Rajoy, como proclama nos medios de comunicación, nin anunciar electoralmente que Galiza si vai dar cobertura sanitaria aos inmigrantes sen papeis", sinala Bouza, xa que "lida a letra pequena" fica "demostrado" que se trata dunha "mentira electoralista".

Feijóo, tras o Consello da Xunta © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.