Feijóo visita Israel catro anos despois de que declarase “inimigo” ao Parlamento de Galicia

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, recibindo unha delegación da Embaixada de Israel Dominio Público Parlamento de Galicia

En maio de 2014 o Parlamento de Galicia recibía unha carta do embaixador de Israel en Madrid na que este acusaba á Cámara galega de unirse “aos peores e máis extremistas inimigos de Israel” por lembrar o éxodo palestino ocasionado pola fundación do estado israelí. Este martes, segundo vén de anunciar a Xunta, o presidente Feijóo iniciará unha “misión comercial a Israel”. Faino dúas semanas despois de que Tel Aviv impedise a entrada en Gaza de varios deputados, entre eles o galego Gómez-Reino, último capítulo dunha longa historia de encontros e desencontros entre políticos galegos e israelíes con Fraga nun papel protagonista.

Hai dúas semanas Tel Aviv impediu a entrada en Gaza de varios deputados, entre eles o galego Gómez-Reino, último capítulo dunha longa historia de encontros e desencontros entre políticos galegos e israelíes con Fraga nun papel protagonista

Cada ano, a finais de xaneiro, como fixo esta mesma semana, o Parlamento de Galicia lembra o Holocausto xudeu. Dende hai menos tempo, tamén en maio de cada ano lembra igualmente o éxodo palestino orixinado coa fundación do Estado de Israel. Pero en 2014 esa homenaxe aos palestinos atopou a dura resposta da carta que acusou á Cámara galega de unirse aos peores inimigos de Israel. O embaixador consideraba que "o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas" suporía "a desaparición do Estado de Israel". E así llo fixo saber non só á daquela presidenta do Parlamento, a agora deputada popular no Congreso Pilar Rojo, senón que tamén enviou copias da carta aos portavoces de PP e PSdeG na Cámara galega, á secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, e ao daquela portavoz do PP no Congreso, Alfonso Alonso.

A unanimidade coa que o Parlamento aprobara a declaración institucional de apoio aos palestinos non se mantivo uns días despois cando houbo que defendela da crítica israelí e cada grupo reaccionou pola súa conta. Rojo escribiulle ao embaixador unha resposta na que lle lembraba as veces que se ten condenado o Holocausto na Cámara galega, o PP restou importancia á crítica, o PSdeG obviouna e AGE e BNG cargaron cada un pola súa conta contra o embaixador.

En 2016 unha delegación da embaixada visitou o Parlamento de Galicia, que obviou o conflito previo

Aquel conflito diplomático deuse por superado hai dous anos, cando en xuño de 2016 unha delegación da embaixada visitou o Parlamento de Galicia e reuniuse co seu seguinte presidente, o tamén popular Miguel Santalices, que era vicepresidente cando se recibira a carta israelí. No comunicado co que informou dese encontro a Presidencia da Cámara obviou a polémica anterior e limitouse a dicir que “a visita enmárcase na rolda de contactos protocolarios que o presidente do Parlamento de Galicia adoita celebrar con representantes do corpo diplomático e das diferentes institucións que visitan a Comunidade Autónoma”.

Un ano antes desa reconciliación entre a embaixada israelí e o Parlamento galego, a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, que fora eurodeputada e volverá a selo nun mes, fora deportada por Israel tras tentar chegar a Gaza coa denominada “Flotilla da Liberdade”, integrada por políticos internacionais e activistas que foi interceptada en augas internacionais. E hai tan só dúas semanas Israel denegou tamén a entrada en Gaza de varios deputados do Congreso que pretendían visitar proxectos da axencia da ONU para os refuxiados en Palestina (UNRWA). No grupo había membros de PP, PSOE, Ciudadanos e Podemos e as súas confluencias, entre eles o galego Antón Gómez-Reino, de En Marea.

Ana Miranda a bordo da 'Flotilla da Liberdade' e Antón Gómez-Reino fronte ao muro de Gaza [Fotos: @rumboagaza e @AntonGomezReino]

Fraga visitou Israel en 1981 para reclamar o seu recoñecemento por España e en 1994 apoiou desde a Xunta un libro que negaba o Holocausto

Moi distinta foi a relación co Estado de Israel doutro político galego. En xaneiro de 1981, unha década antes de chegar á presidencia da Xunta, o daquela líder de Alianza Popular, Manuel Fraga, visitou Israel para reclamar o recoñecemento dese Estado por parte de España, relacións diplomáticas que non se establecerían ata 1986. Porén, unha década despois daquela viaxe, en 1994 a Xunta xa gobernada por Fraga financiaría un libro que negaba o Holocausto xudeu. A obra contou mesmo cun epílogo redactado polo propio Fraga, que posteriormente matizaría que non compartía as afirmacións do autor sobre o Holocausto.

Segundo a nota de prensa distribuída este domingo pola Xunta, o martes Feijóo, acompañado do conselleiro de Economía, Francisco Conde, iniciará unha misión comercial de tres días de duración “centrada en foros e encontros empresariais”. O Goberno galego salienta que en 2016 un total de 121 empresas galegas exportaron a Israel, un 70% máis que oito anos antes, por un monto que se aproxima aos cen millóns de euros.

Carta remitida en maio de 2014 polo embaixador definindo o Parlamento de Galicia como "inimigo de Israel" CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.