Feijóo volve debilitar a Xunta para tentar que o PP recupere cidades que controla a esquerda

Feijóo e os membros do Goberno coa súa nova estrutura Dominio Público Praza Pública

Os intereses de partido volven estar novamente por tras da crise de Goberno que vén de anunciar o presidente Feijóo. Como en ocasións anteriores, en que as principais mudanzas no seu Executivo non se produciron como consecuencia de resultados das eleccións autonómicas senón por motivos preelectorais ou derivados dos resultados doutros comicios estatais ou municipais, as eleccións municipais do próximo maio veñen de motivar a saída da Xunta da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e do titular de Política Social, José Manuel Rey Varela, que levan meses postulándose ás alcaldías da Coruña e Ferrol. Como xa fixera antes nas municipais de 2015, Feijóo volve prescindir de conselleiros para tentar recuperar cidades que controla a esquerda ao tempo que dá entrada no seu Goberno a cargos inferiores de menor peso político e separa os departamentos de Cultura e Educación.

Saen do Goberno galego a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o de Política Social, José Manuel Rey Varela, aspirantes ás alcaldías da Coruña e Ferrol, e separa os departamentos de Cultura e Educación

A actual crise de Goberno prodúcese a metade do terceiro mandato de Feijóo, pero ningunha nova pista parece dar sobre a súa sucesión máis alá de que o único vicepresidente segue a ser Alfonso Rueda, que o acompaña como número dous de facto dos seus executivos desde 2009 pero que desde hai dous anos xa non é ao tempo número dous tamén do PP galego. O actual cambio, de feito, é o primeiro que se produce desde hai tres anos, xa que Feijóo mantivo no comezo deste o seu terceiro mandato a exactamente os mesmos conselleiros cos que rematou o segundo.

A saída de Mato de Medio Ambiente e Territorio supón a súa substitución nese departamento pola ata o de agora conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez. Ao tempo, as consellerías de Medio Ambiente e Infraestruturas intercámbianse entre elas as competencias en materia de Vivenda e Augas. Pola súa banda, a saída de Rey Varela de Política Social é cuberta co ascenso a conselleira da ata o de agora directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez.

O novo conselleiro de Medio Rural é José González Vázquez, deputado que levaba as cuestións forestais no Parlamento de Galicia; a de Política Social, Fabiola García, ata agora directora xeral; e a de Educación Carmen Pomar Tojo, profesora universitaria

O traslado da conselleira Ángeles Vázquez a Medio Ambiente implica o nomeamento para Medio Rural de José González Vázquez, ata o de agora deputado no Parlamento de Galicia a cuxo cargo estiveron os principais debates e propostas en materia de política forestal e a representación do PP na comisión de estudo sobre os incendios de 2017.

Xunto con eses nomeamentos motivados pola saída de Mato e Rey Varela para a carreira das municipais, Feijóo aproveita para separar os departamentos de Cultura e Educación, ata o de agora baixo o mando conxunto de Román Rodríguez. El seguirá agora á fronte da Consellería de Cultura e Turismo, competencia esta última que antes asumía a propia Presidencia da Xunta e que agora muda de departamento coa vista posta no Xacobeo. Mentres, a nova Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional será asumida por Carmen Pomar Tojo, profesora da Universidade de Santiago doutora en psicoloxía sen experiencia política previa.

Cambios motivados por intereses partidarios

A saída da Xunta de Mato (presente en distintas consellerías desde o primeiro Goberno de Feijóo de 2009) e Rey Varela para intentar facerse coas alcaldías da Coruña e Ferrol -das sete cidades galegas, actualmente o PP só controla en minoría a de Ourense- volve deixar en evidencia que a maioría dos cambios de goberno impulsados por Feijóo desde a súa primeira vitoria de 2009 veñen motivados non por buscar o mellor executivo autonómico posible senón por outros condicionantes partidarios externos. A súa primeira gran crise de goberno, a comezos de 2012, viu motivada pola marcha a distintos postos do novo Executivo central de Mariano Rajoy dos seus daquela conselleiros de Facenda (Marta Fernández Currás), Sanidade (Pilar Farjas) e Medio Rural (Samuel Juárez).

A finais de 2014 Feijóo prescindiu dun dos seus homes de confianza, o daquela conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, Agustín Hernández, para envialo a tentar solucionar a crise política do goberno local do PP en Santiago, onde non foi quen de manter a alcaldía nas municipais celebradas poucos meses despois. Para aqueles comicios Feijóo tamén sacrificou, a principios de 2015, aos seus daquela conselleiros de Facenda (Elena Muñoz) e Educación e Cultura (Jesús Vázquez), dos que só o segundo logrou o obxectivo de facerse coa alcaldía de Ourense, mentres que a primeira, candidata en Vigo, empeorou aínda máis os resultados do PP na cidade.

Tras todos estes cambios, do seu denominado “goberno dez” de 2009 Feijóo xa só conta co vicepresidente Rueda e coa conselleira de Mar, Rosa Quintana.

O cambio de goberno máis importante dos realizados por Feijóo nos máis de nove anos que leva na Xunta foi o que acometeu en outubro de 2015, cando non só mudou nomes senón tamén a estrutura de diversas consellerías. Aquela remuda foi aproveitada para buscar acomodo na Xunta a membros do PP que perderan os seus postos tras as municipais duns meses antes nuns cambios que foron interpretados como un intento de dotar ao seu executivo dun maior peso político para encarar as eleccións autonómicas que se celebrarían menos dun ano despois. Pola contra, tras a súa terceira vitoria electoral en setembro de 2016, hai agora dous anos, non mudou un só dos seus conselleiros a respecto dos que tiña ao remate do seu segundo mandato.

Tras todos estes cambios, do seu denominado “goberno dez” de 2009 Feijóo xa só conta co vicepresidente Rueda e coa conselleira de Mar, Rosa Quintana. Ademais, nestes máis de nove anos no poder veñen sendo constantes os cambios nos seguintes niveis da administracións, o das secretarías e direccións xerais así como responsables dos entes paralelos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.