Ferrol recuperará a propiedade do panteón que aloxa os restos dos familiares de Franco

Entrada ao Cemiterio Municipal de Catabois © Google Maps

Ferrol buscará revogar a titularidade do panteón que a familia Franco ocupa nestes momentos no cemiterio municipal de Catabois. A posible exhumación do ditador no Val dos Caídos e a hipótese de que os seus restos puidesen acabar na cidade naval sacou á luz a existencia deste nicho, cedido polo consistorio ferrolán en 1967 e que neste momento ocupan os avós paternos do ditador (Hermenegilda Salgado e Francisco Franco Vietti), a su tía (Hermenegilda Franco) e súa irmá (Paz Franco). 

O Concello de Ferrol tentará dúas vías para recuperar a propiedade do nicho 48 do camposanto municipal. Por unha banda, de acordo coas ordenanzas municipais que regulan a xestión e os prezos públicos do cemiterio, instará á familia Franco a pagar os moitos recibos que ten pendentes (non hai constancia de pagaran nalgún momento o que debían pola ocupación do panteón), de xeito que se non aboasen a cantidade requirida, o Goberno local podería forzar a exhumación das cinzas alí depositadas.

Tamén se buscará unha vía política para desaloxar a familia do ditador do cemiterio municipal, evitando de paso que os restos de Francisco Franco poidan acabar en Ferrol se finalmente son extraídos da súa localización actual. O vindeiro luns o pleno municipal debaterá unha moción do BNG neste senso, que xa conta co apoio de Ferrol en Común. A súa aprobación dependerá polo tanto do apoio dos tres concelleiros e concelleiras do PSdeG-PSOE.

O pleno deste luns debaterá unha moción do BNG para recuperar a propiedade do Panteón da familia Franco

A moción pide que o pleno manifeste “a súa oposición a que os restos mortais do ditador Francisco Franco sexan trasladados á nosa cidade para a súa sepultura” e, ademais, insta a “iniciar os trámites administrativos oportunos para recuperar a propiedade do Panteón existente no cemiterio municipal de Catabois”. O texto destaca que “a nosa cidade xa padeceu suficiente estigma histórico polo feito de ser a cidade natal de Francisco Franco” e sinala que “é hora de librarnos completamente dos retazos que o franquismo aínda mantén na nosa cidade para dar cumprimento á Lei de Memoria Histórica”. A moción inclúe a aprobación doutras medidas, como a eliminación da placa que hai anos foi colocada na casa natal do ditador e a supresión doutros elementos e simboloxía franquista que aínda existe na cidade.

O Goberno municipal optaría por revogar o acordo de 1967, adoptado por un consistorio non elixido democraticamente

O nicho da familia Franco foille concedido en 1967 por parte do daquela alcalde Rogelio Cenalmor Ramos, no momento que foi clausurado o vello cemiterio municipal, situado en Canido, onde ata ese momento estaban os restos dos e das familiares do ditador. Curiosamente, aquel cemiterio de Canido foi un dos lugares no que máis esquerdistas e republicanos foron executados nos primeiros meses tralo Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. O nicho foi entregado "en atención a la gran deuda de gratitud que esta ciudad tiene contraída con su hijo más ilustre, el excelentísimo señor don Francisco Franco Bahamonde", segundo consta nos arquivos municipais.

O actual Goberno municipal optaría, pois, por revogar aquel acordo, adoptado por un consistorio non elixido democraticamente, algo que por si só xustificaría a anulación daquela decisión. No ano 2008 o Concello de Ferrol xa lle retirou a Francisco Franco a súa condición de "fillo predilecto" da cidade. Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, subliña que "non imos permitir que trasladen os restos do ditador a un panteón que foi obtido a través de privilexios" e destaca que cómpre evitar que a cidade se converta nun lugar de peregrinaxe franquista.

Jorge Suárez advirte de que se a familia Franco se nega a recoller as cinzas para trasladalas a outra localización, os restos serían depositadas nunha foxa común

Suárez sinala que unha vez que o nicho sexa desaloxado, os restos dos catro familiares do ditador serán entregados aos seus descendentes. E advirte de que se estes se negasen a recoller as cinzas para trasladalas a outra localización, estas serían depositadas nunha foxa común, ao igual que sucede noutros casos nos que non é posible localizar os propietarios dun nicho, ou no caso de persoas sen familia coñecida.

 

Casa natal de Franco, aínda coa placa que se propón retirar CC-BY-NC-SA Trevor Huxham
Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, no seu despacho CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.