Fomento adía máis unha ducia de treitos alternativos á AP-9 que tampouco avanzaron co goberno do PP

Primeira pedra, en outubro de 2015, do único treito en obras da A-57 alternativa á AP-9 Dominio Público Ministerio de Fomento

Os orzamentos do Estado levan unha década incluíndo pequenas partidas para estudos previos de obras na N-550 que neste tempo nunca acabaron de arrancar e que agora volven reducirse

Os orzamentos do Estado levan unha década incluíndo pequenas partidas para estudos previos de obras que neste tempo nunca acabaron de arrancar, nin con gobernos do PP nin do PSOE. Unha ducia deles permitirían configurar unha alternativa sen peaxe á AP-9, sexa con melloras na paralela N-550 ou coa construción de novas vías, opción que tamén recibe críticas polo impacto ambiental que suporía, pero que está moi lonxe de converterse en realidade máis alá duns poucos treitos illados. 

Agora, os orzamentos para 2019 que vén de presentar o Goberno central reducen nalgúns casos aínda máis esas partidas simbólicas ou difiren no tempo as previsións plurianuais dos gastos que efectivamente permitirían pasar dos estudos ás obras. Pola contra, unha visión oposta sería a de que a redución para este ano desas partidas de actuacións que nunca se executan evitan inflar tanto de xeito irreal os orzamentos do Estado para Galicia como viña sucedendo en exercicios anteriores sen que se movese unha pedra.

O único treito en obras da A-57, na circunvalación de Pontevedra, non terá moita utilidade cando se remate de xeito illado

O treito máis avanzado canto a planificación desa vía alternativa á AP-9 sitúase no sur, na que a denominada A-57 chamada a conectar Pontevedra directamente coa Autovía das Rías Baixas (A-52) leva máis dunha década en estudo. Pero dela só hai obras iniciadas nun pequeno treito de seis quilómetros entre o leste e o sur de Pontevedra que formará parte tamén da circunvalación cidade. A súa primeira pedra púxoa a daquela ministra popular de Fomento Ana Pastor dous meses antes das eleccións xerais de decembro de 2015, para este 2019 contempla unha partida de 25 millóns e prevé que siga habendo obras nela ata 2021. Para daquela, pouca utilidade terá ese treito illado que non conectará aínda cos adxacentes nos que non se moveu unha pedra pero que están a ter rexeitamento social polo seu impacto nunha zona moi poboada.

Curvas perigosas limitadas a 60 na actual autovía de acceso a Vigo Dominio Público Google Street View

En moitos casos, as partidas dos últimos anos para estudos de 200.000 ou 150.000 euros redúcense a 100.000 euros e adían os seus posteriores investimentos, pero nin antes, nin agora, hai expectativas de que comecen as obras

Esa duplicación de infraestruturas, con novas vías paralelas ás xa existentes, produciríase tamén noutros puntos aínda que o que se constrúa non sexa unha autovía como a A-57 senón unha sucesión de variantes da N-550 ou circunvalacións das vilas máis importantes. En moitos deses casos, onde os orzamentos dos últimos anos reflectían partidas para estudos previos de 200.000 ou 150.000 euros, as contas para este 2019 reducen as contías a 100.000 euros, e adían os seus posteriores investimentos plurianuais. Noutros, como o denominado enlace Orbital de Santiago, directamente desaparecen das contas públicas para 2019. Nuns e noutros, nin antes nin agora, hai expectativas de que os proxectos pasen do papel ao formigón. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.